3/2/12

O Entroido nas Bibliotecas Municipais de Oleiros


Dende o mércores 8 de febreiro, realizaremos Obradoiros de máscaras e antifaces dirixidos a nenas e nenos a partir de 7 anos en todas as Bibliotecas.

Coñecerás as diferentes personaxes e figuras do Entroido galego (choqueiros, peliqueiros, cigarróns, pantallas, etc), divertíndote ao tempo que aprendes algo máis de nosa etnografía e cultura.

A actividade será monitorada por Dinamo Xestión.

Moi importante: 20 prazas por cada obradoiro, as nenas e nenos que queiran participar deberán inscribirse na biblioteca correspondente.

Recomendacións en Radioleiros: 3 de febreiro

-Rapaces/as de 14 anos en adiante:
"Fantasmas de luz" de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Miguelanxo Prado, publicado por Xerais.
"Damián leva trinta e cinco anos traballando no cine Soñadores como operador de cabina de proxección, pero un día recibe unha carta do seu xefe citándoo a unha reunión..."
Así comeza esta historia na que Agustín Fernández Paz aproveita para presentarnos moitas películas, citando frases famosas delas e ademais ao final do libro hai un apéndice con carátulas e fichas técnicas de cada unha delas.
Esta obra trata o tema da exclusión e a invisibilidade social que sofren moitas persoas, que son apartadas inxustamente por consideralas prescindibles.
- Mozos/as e adultos/as:
"El juego del ángel" de Carlos Ruiz Zafón, en Planeta
"El juego del ángel" xunto con "La sombra del viento" forman parte das catro obras que este autor dedica á súa cidade, que están relacionadas e ambientadas en Barcelona.
Ambientada na Barcelona dos anos 20, está dividida en tres partes. O seu protagonista, David Martín, é un mozo que traballa como redactor de sucesos nun xornal. Axudado por un amigo deixa o xornal e pasa a traballar nunha editorial ao mesmo tempo que continua escrebendo. Uns anos despois cae enfermo e recibe a oferta dun misterioso editor de escribir un libro como nunca se fixera a cambio dunha gran fortuna e que o curará da enfermidade...
Unha novela de aventuras e intriga, na que se agacha unha historia de amor e a paixón polos libros.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

2/2/12

Obradoiros de Ilustración con Manel Cráneo (3 de febreiro)

Actividade dirixida ao alumnado do I.E.S. Neira Vilas.

Dúas sesións:
- 9,30 h.: 1º A ESO
- 11,45 h. 1º B ESO
                   
Un ano máis, o ilustrador Manel Cráneo achégase a Rialeda a amosar ao alumnado dos centros públicos de Oleiros o proceso de creación dun álbum de banda deseñada. Se queres coñecer máis sobre él e a súa obra, acceda aos seus blogs Cráneo Mortem e Planeta Mincha, ou descarga o folleto que preparamos na biblioteca.

Aviso importante: durante a celebración da actividade a sala de audiovisuais (2º andar) da biblioteca estará fora de servizo. Pregamos desculpen as molestias.

1/2/12

Ler para saber A CIENCIA: 3 de febreiro

Esperámoste na Biblioteca Central Rialeda (2º andar), o venres 3 de febreiro ás 18:30, para participar nesta actividade dirixida a nenos e nenas a partir de 10 anos, adolescentes e público en xeral.

Primeiramente Irene Casás, alumna de 1º ESO do IES Neira Vilas realizará unha breve presentación sobre “Os Mayas”.
Posteriormente o Doutor Manuel Gago Mariño, profesor asociado da USC, na Facultade de Ciencias da Comunicación falará na charla científica de “Repúblicas de Homes Libres: na procura dos viquingos en Galicia”.
Debido á súa posición no Atlántico, o Reino de Galicia estivo durante a Idade Media no punto de mira do ataque dos piratas viquingos. Manuel Gago, divulgador cultural e profesor da USC, explica como a sociedade galega da época reaccionou e se defendeu dunha das maiores ameazas da súa Historia.

Seleccionamos para ti libros e DVD para esta charla científica.