- Infantil (crianzas a partir de 5 anos): A Xan gústalle pintar as uñas de cores. Faino simplemente porque goza mirando o divertidas e coloridas que semellan as súas mans. Pero a súa alegría transfórmase en tristeza cando chega á escola e os rapaces métense con el. Dinlle que pintar as uñas é de nenas e fan que se sinta moi mal. Grazas ao apoio da súa familia e do colexio vaise resolver este problema que tanto fai sufrir a Xan.
- Mocidade e persoas adultas: "A ladroa da biblioteca de Meirás" de
Eva Mejuto. Editado por Xerais.
Novela xuvenil ambientada no Pazo de Meirás en xullo de 1948 que conta a historia de Mariña.
Mariña é unha nena espelida e curiosa que pertence a unha familia humilde represaliada polo réxime franquista. É unha namorada dos libros e, para conseguilos, é quen de facer o que faga falta. Ata o punto de que consegue coarse, cada mércores, na Torre da Quimera do Pazo de Meirás para roubar, un a un, os libros da biblioteca que foi de Emilia Pardo Bazán e que agora pertence ao ditador.
Un día reaparece a súa tía Chelo, que é unha resistente contra o franquismo na clandestinidade, e pídelle que entre no Pazo para fotografar uns documentos que ela e os seus camaradas precisan para tender unha emboscada a Franco durante unha visita estival a Meirás.