2/2/24

Ler para saber A CIENCIA: 2 de febreiro 2024

Gemma Andújar Santos. Profesora de Educación Secundaria
Ler para saber A CIENCIA: 2 de febreiro 2024Charla de divulgación científica dirixida á poboación infantil (a partir de 10 anos), adolescentes e público en xeral.

Día: Venres, 2 de febreiro.
Lugar: Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Hora: 18:30 h.

A ciencia na arte
Gemma Andújar SantosProfesora de Educación Secundaria.

Seleccionamos para ti títulos relacionados con este tema. Preme na ligazón.

Recomendacións en Radioleiros: 2 febreiro 2024

"El libro de los saludos" de Arianna Squilloni, ilustrado por Olga CapdevilaRecomendacións en Radioleiros: 2 febreiro 2024- Infantil-xuvenil:
"El libro de los saludos" de Arianna Squilloni, ilustrado por Olga Capdevila. Editado por Abuenpaso.
Este álbum ilustrado afonda nas distintas maneiras que temos de saudar. Expresións realmente curiosas e que teñen unha orixe do máis peculiar. Porque saudar é algo que facemos a diario e en todas as partes do mundo. Pero, sabemos o que realmente significan os termos como Ola, Ciao, Bos días, Adeus…? Son expresións que temos tan interiorizadas no noso vocabulario habitual que non nos paramos a pensar en que historias poden ocultarse detrás de cada unha. 

- Mocidade e persoas adultas:
"El frío azul" de Ramón Caride Ogando. En Anaya.
Unha lenda popular do Courel relacionada coas mulleres, está na base desta historia, que se inicia coa chegada dun viaxeiro (Egas, señor de Doncos) ao Mosteiro de Oseira, en Ourense, no medio dunha treboada. Ese protagonista leva consigo unha pregunta, un enigma, un misterio que só o abade de Oseira coñece. Un mergullamento no século XVI, e con ambientacións diferentes como Galiza, o Val de Xálima, berce do galego estremeño falado en Cáceres, e Toledo. Lendas, fantasía, historia, romances e misterio mestúranse nesta novela.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas

Sobre 3000 alumnas-os dos centros de ensino de Oleiros participarán nas actividades de fomento da lectura que se levarán a cabo nas Bibliotecas Municipais

Sobre 3000 alumnas-os dos centros de ensino de Oleiros participarán nas actividades de fomento da lectura que se levarán a cabo nas Bibliotecas Municipais
Un curso máis as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan a Programación de actividades de fomento da lectura dirixidas ao alumnado dos centros de ensino deste Concello, co obxectivo de fomentar a lectura, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.
Levaranse a cabo na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), no Teatro As Torres e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros). Comezarase o 6 de febreiro e realizaranse ata finais de maio. Serán 145 sesións e arredor de 3000 participantes, alumnado de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, acompañados do seu profesorado. 
No dossier presentado aos centros de ensino figuran 61 actividades diferentes, das que o profesorado de cada un dos centros de Oleiros seleccionou un total de 46, que son as que mellor se adaptan á súa programación escolar. En función da idade, do curso que estean realizando e da escolla de cada profesor ou profesora, o alumnado poderá visitar a Biblioteca Central Rialeda, recrearse con contacontos e a narración de historias, achegarse á mitoloxía, divertirse con espectáculos musicais, gozar con pezas de teatro, deleitarse coa poesía, coñecer a produción literaria de autoras-es como Rosalía de Castro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Álvaro Cunqueiro, Julio Cortázar, Yolanda Castaño e Luísa Villalta, que é a escritora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas, etc. 
Algunhas das actividades que se levarán a cabo son:
Contacontos como As aventuras de Mariña con Galeatro; Avó e Contos no ar con Ramiro Neira; A gran aventura dos animais con Trémola Teatro; Familias diversas ou O caracol namorado con Trinketrinke Teatro, Os libros da titiriteira con A Xanela do Maxín.
Concertos como Cantos contos canto con Pablo Díaz.
Espectáculos poéticos a cargo da escritora Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía).
Coñecer a vida e a obra da insigne autora Rosalía de Castro con A miña historia a cargo de Trémola Teatro.
Coñecer a obra de escritores-as como: Álvaro Cunqueiro con Feirantes; de Fina Casalderrey e de Agustín Fernández Paz con Contos de aquí, ambas a cargo de Ramiro Neira ou tamén a Agustín Fernández Paz con Voar sen medo con Chus Álvarez.
Saber quen foi Ánxel Casal con Contos nosos a cargo de Ramiro Neira.
Descubrir un abano de obras pictóricas de todo o mundo con Aproximación á ilustración a cargo do ilustrador Óscar Villán.
Aproximarse á nova mitoloxía con Superheroes ou viaxar a través das viñetas en Viaxe en viñetas co ilustrador Miguel Cuba.
Achegarse á literatura latina con As metamorfoses de Ovidio a cargo de Charo Pita.
Achegarse á microficción con O bo, si breve... ou o obradoiro de poesía con Fogóns poéticos a cargo da poeta Isabel Andrés.
Aproximarse á poesía española con Poéticas: unha viaxe pola historia da poesía española con Chus Álvarez.
Deleitarse coa poesía galega con Poéticas galegas a cargo de Chus Álvarez.
Achegamento á vida e á obra de Luisa Villalta, a autora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas con A nena do violino e a poesía con Trémola Teatro, A pequena Luísa ou Tinta de mar con Ramiro Neira, Luísa Villalta, entre violín e a poesía a cargo de Charo Pita. 
Con todos estes actos pretendemos favorecer o acceso ao libro en condicións de igualdade para todos os cidadáns; promover a lectura; participar en procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva e colaborar no proceso de desenvolver a imaxinación e a creatividade. Desde as bibliotecas municipais de Oleiros traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta, libre e solidaria. 


31/1/24

Hora do conto: 31 de xaneiro e 2 de febreiro de 2024

Hora do conto: 31 de xaneiro e 2 de febreiro de 2024
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. 

Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas. 

Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 31 de xaneiro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “O coelliño branco”
CONTACONTOS: Trinketrinke Teatro

Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera)
Venres 2 de febreiro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Leo e a música”
CONTACONTOS: Trémola Teatro
AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

29/1/24

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 30 xaneiro 2024 (Grupo B)

Biblioteca e Centro de Documentación
da Muller "Rosalía de Castro". Santa Cruz
.
17:30 a 19 h.

Sesión moderada pola profesora de lingua e literatura galegas Pepe Taboada.

Comentario de "Os dous de sempre" de Castelao.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Los reyes de la casa" de Delphine de Vigan.