11/1/13

Tertulia literaria en Santa Cruz: 14 de xaneiro

Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" de Santa Cruz.
De 18,30 a 20 horas.

Comentario da obra "A miña planta de laranxa lima" de José Mauro de Vasconcelos.
Documentación
Obras de José Mauro de Vasconcelos nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "Berlín 1945" de Pierre Frei.

Tertulia literaria en Santa Cruz: 2º trimestre: Programación e datas


Programación:
- Berlín 1945, de Pierre Frei
- Bartleby y compañía, de Enrique Vila-Matas
- A vida fóra, de Miguel Sande
- Alguien voló sobre el nido del cuco, de Ken Kesey
- Aurora boreal, de Åsa Larsson



Datas:
 - Xaneiro: días 14 e 28
- Febreiro: día 18
- Marzo: días 4 e 18

Para apuntarse á actividade, é necesario chamar ao teléfono 981 626 338.

Recomendacións en Radioleiros: 12 de xaneiro

- Infantil (menores de 6 anos):

O meu avó Carmelo, de Dani Torrent
Kalandraka

Esta obra é un emotivo álbum que nos fala da relación dun neno co seu avó, como el  lle contaba historias de lugares afastados, pero agora todo cambiou. Presenta, con delizadeza,  unha nostalxia do pasado,  a transición da infancia á etapa adulta, e a relación coa morte.

Ten evocadoras ilustracións, predominando suaves tons verdes e ocres, que enchen totalmente as páxinas, nas que, a veces, altera as proporcións e debido a que nos fala de lugares lonxanos, abundan as referencias gráficas ao correo postal: restos de cartas, de sellos.

- Mozos/as e adultos/as:

¡Acabad ya con esta crisis!, de Paul Krugman
Crítica

Paul Krugman é un economista estadounidense e está considerado como un dos máis destacados da súa xeración. En 1991 concedéronlle a medalla John Bates Clark, o premio máis prestixioso entre os economistas norteamericanos; no 2004 o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais e no 2008 o Premio Nobel de Economía.

¡Acabad ya con esta crisis! é un interesante libro sobre a actual situación económica. Dunha forma clara, fácil de entender para a maioría das persoas e con exemplos sinxelos, explica o que está sucedendo, como se chegou a esta situación e aporta solucións. Dedícao “Aos que están en paro, que merecen algo mellor”.

Trata sobre a depresión económica principalmente en EEUU, pero tamén fala doutros países, entre eles España. Segundo el, estamos vivindo unha verdadeira depresión, aínda que recoñece que a resposta é moi distinta dependendo a quen se lle pregunte, pois non van contestar igual os gregos, os irlandeses ou os españois que os alemáns. Pensa que estamos sufrindo penalidades similares ás dos anos 30 e, tanto polas análises de Keynes como polo gran nº de estudos posteriores, sábese o que se debería facer agora para solventar as dificultades, pero  non se está usando ese coñecemento porque, por unha serie de razóns, demasiadas persoas de entre as que máis influencia teñen (políticos, funcionarios públicos de primeiro orden, comentaristas, etc) elixiron esquecer as leccións da historia e as conclusións de varias xeracións de grandes analistas económicos e optaron por prexuízos ideolóxica e politicamente convenientes.

Segundo Krugman : “A estratexia de austeridade non funciona. Con elevadísimos niveis de desemprego, a lóxica da austeridade xa parecía equivocada no 2010 e, máis de dous anos despois, demostrouse a súa ineficacia. Así que necesítase poñer en marcha estratexias que fomenten a creación de postos de traballo e crecemento; non unha estratexia que xa demostrou o seu fracaso”.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

9/1/13

Centenario Rialeda 1912-2012: este edificio segue fabricando emocións

Ao longo de varios posts deste blog e da web municipal, fomos dando a coñecer os diferentes actos que ofrecimos desde o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros para conmemorar o centenario de Rialeda, edificio que acolle a Biblioteca Central Rialeda, cabeceira do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros. 

Torriñas, ángulos, óvalos, claroescuros, azulexos, cores rechamantes... fan de Rialeda unha peza con engado. Esta singular construción é desde o 21 de novembro de 1998, día da súa inauguración, sede da Biblioteca Central Rialeda. O edificio, catalogado como patrimonio histórico-artístico municipal, está rodeado dun fermoso xardín con gran diversidade de árbores, no que destacan un cedro do Himalaia (cedrus deodara) e frondosos tileiros (tilia cordata). 

Ademáis da xoia arquitectónica que representa o edificio en si mesmo, a Biblioteca Central Rialeda alberga na sala infantil un mural realizado polo ilustrador e prestixioso autor de banda deseñada Miguelanxo Prado, no ano 2009. 

Deixamos unha mostra nesta galería fotográfica do que foron os eventos organizados para conmemorar esta especial efeméride, repercursión na prensa, artigos relacionados co edificio ou a Biblioteca Rialeda, co escritor Manuel Rivas, así como o enlace ás entrevistas do xornalista de RNE Ricardo Sandoval a Manuel Rivas (escritor), a Ángel García Seoane (alcalde do Concello de Oleiros), a Henrique Seoane Prado (arquitecto encargado da rehabilitación do edificio), a Mariluz Corral Uzal (bibliotecaria municipal do Concello de Oleiros) e a varias/os usuarias/os da Biblioteca Central Rialeda, o 12/12/2012.

8/1/13

10 e 11 de xaneiro: Visitas do alumnado do IES Miraflores á Biblioteca Central Rialeda

Os días 10 e 11 de xaneiro recibiremos na Biblioteca Central Rialeda ao alumnado de 2º de ESO do I.E.S. Miraflores de Oleiros.

Xoves 10:
- 9 a 11 h.: 2ª A ESO
- 11,15 a 13,15 h.: 2º B ESO

Venres 11:
- 10,45 a 12,45 h.: 2º C ESO

Explicaráselles a historia do edificio, coñecendo as diferentes salas e servizos, xunto cunha demostración audiovisual sobre o funcionamento do catálogo.

Ao remate da visita, o actor Ramiro Neira de Artestudio Teatro realizará unha dramatización baseada nos relatos de Álvaro Cunqueiro.

Aviso importante: o 2º andar da biblioteca (Sala de audiovisuais e ordenadores) verá restrinxido o seu uso durante a visita do alumnado.

7/1/13

Tertulia literaria en Rialeda: 9 de xaneiro (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)

Hora: 17,30 a 19,30 h.
Comentario da obra "El insólito peregrinaje de Harold Fry" de Rachel Joyce.
Documentación
Obras de Rachel Joyce nas nosas bibliotecas.

Entregaráse a obra "Las uvas de la ira" de John Steinbeck.

Tertulia literaria en Rialeda: 2º trimestre: Progamación e datas Grupo A

Comenza o 2º trimestre nas Tertulias literarias da Biblioteca Central Rialeda.

Programación Grupo A:
- Las uvas de la ira, de John Steinbeck
- El sentido de un final, de Julian Barnes
- A pensión Eva, de Andrea Camilleri
- La catedral, de Vicente Blasco Ibáñez
- Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor



Datas Grupo A:
- Xaneiro: días 9 e 23
- Febreiro: días 6 e 20
- Marzo: días 6 e 20

Para apuntarse á actividade, é necesario chamar ao teléfono 981 639 511. Nestes intres o grupo está completo, polo tanto os/as interesados pasarían a formar parte da lista de espera.