20/12/13

Recomendacións en Radioleiros: 20 de decembro

http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/comunicacion/radio/podcast/todo-esta-nos-libros
- Infantil e xuvenil:
 
"O raposo e a mestra" de Manuel O´ Rivas,  ilustracións de Jacobo Fernández Serrano en Xerais.
Fermosa e simpática obra que nos fala dun raposo chamado Pindo, un raposo solitario, que durmía todo o día nun leito de plumas, na súa cova da beiramar e soñaba que era un raposo voador. Os outros raposos tíñano por un bicho raro e murmuraban
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=109357  que era fillo do lobo Petiso e a raposa Meiga. Gustáballe ver pórse o sol e escoitar a xente do mar, que adoitaba ser alegre e cantareira. Agochado entre os xuncos escoitaba os cantos das mulleres redeiras, pero Pindo tiña varios poderes: coñece as falas de todos os animais e as persoas e é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna. O humano máis amigo del era o mariñeiro Serafín que lle contou que Rosa, a nova mestra, mandara facer un galiñeiro fantástico... 


Os que queiran saber o que acontece a continuación deberan ler este libro. Un gracioso e espléndido texto acompañado dunhas atractivas e orixinais ilustracións de Jacobo Fernández, realizadas tipo cómic. 


Excelente obra que achega os nenos e nenas á natureza, ao mesmo tempo que é unha homenaxe ao Monte Pindo que este verán sufriu un terrible incendio e tamén ás mestras. Recomendámolo para nenos e nenas a partir de 8 anos. É unha magnífica lectura coa que se van divertir moito e para todas as persoas que teñan que facer algún agasallo para estas idades, dicirlles que este é o mellor regalo que poden facer. 

- Mozos-as e adultos-as:

"Vento e chuvia: Mitoloxía da antiga Gallaecia" de Manuel Gago; ilustracións de Manel Cráneo; posfacio de Marco García Quintela, editado por Xerais.
Unha magnífica obra que nos introduce na mitoloxía da Idade do Ferro na Gallaecia. A través da creación literaria de Manuel Gago podemos coñecer dez deusas e deuses da antiga Gallaecia. Dous mil anos despois imaxina e escrebe os antigos mitos con deuses nomeados en linguas desaparecidas. Deusas e deuses adorados nos castros, nos montes e ao longo do territorio da Gallaecia. Parte do coñecemento aportado pola lingüística, a mitoloxía comparada e a arqueoloxía. 


Xunto cunhas excelentes ilustracións, preséntanos a:http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=109362Reue, deus que por onde pasa medra a vexetación e nacen mananciais; Bandua, coñecido como o amigo dos homes, o seu protector de cara aos grandes perigos do mundo; Cossue, un guerreiro temible e salvaxe; Nauia, a que se move por todos os ríos do país e coñece todas as ciencias; Lugoue, o que pensa que non é bo que un home só acumule moito poder, porque de canto máis poder se dispón, menos xenerosidade se ofrece; Berobreos, señor das augas; Poemana, a que se rexía polas leis do vento, da choiva, do sol e dos cabalos; Bormánico; o que coñecía os nomes de todas as plantas, a súa función e remedios para as persoas e os animais; Sulas Nantugaicas, son tres mulleres guapas e feas á vez, novas e vellas ao mesmo tempo, as que lembran para sempre a palabra dos tratos dos humanos; e Vesto Aloniego, o que era capaz de entrar a través dos túmulos no mundo do alén. 


Despois da mitoloxía aporta explicacións de como eran e como vivían os pobos da Idade do Ferro. Como nos di o propio autor, as historias de Vento e chuvia “representan o carácter case bipolar da mitoloxía e das lendas: por un lado transportan unha vella tradición, pero tamén explican o seu tempo. Foron concibidas para esa época de tensións e contradicións no mundo castrexo, cara ao século II antes de Cristo, na que os deuses parecen rebelarse contra ese proceso de xerarquización social que dá lugar a aristocracias”. No posfacio o profesor García Quintela explícanos que esta obra é unha creación de mitos, unha ficción que se inspira e que parte do oco do saber que deixou a Idade do Ferro no concernente ás historias que lle daban sentido cultural e mítico. Acláranos que estamos ante un xogo literario, xogar a encher o oco mitolóxico con literatura, tendo en conta que se axusta ás regras xerais da xénese dos mitos, pois cumpre dous aspectos esenciais das mitoloxías: os relatos presentan un fundamento xenealóxico e os mitos sempre están inseridos nunha tradición: procréanse de mitos, explícanse con outros mitos e dan lugar a novos mitos. 


Estamos ante unha obra apaixonante e que provoca emoción, que recrea e fai máis tanxible o noso pasado, un libro excelente para todos os afeccionados/as ao mundo dos castros e da mitoloxía, uns textos acompañados dunhas fantásticas ilustracións, todo nunha boa edición. Un libro que comezas a lelo e queres continuar para saber máis dese mundo fantástico, que recomendamos a súa lectura, pero tamén como un espléndido agasallo.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

18/12/13

Axóuxeres de Nadal: xoves 19 de decembro en Rialeda

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=36737&name=DLFE-16808.pdf
O xoves 19 de decembro, ás 18:30, terá lugar na Biblioteca Central Rialeda de Perillo, un contacontos moi especial, titulado "Axóuxeres de Nadal" para nenas/os a partir de 4 anos, a cargo da actriz e contacontos Soledad Felloza

 ESPERÁMOSTE!! 
BO NADAL e FELICES FESTAS a todos/as!!

Tertulia literaria en Rialeda: 18 de decembro (Grupo B)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "Una temporada para silbar" de Ivan Doig.
Documentación
Obras de Ivan Doig nas nosas bibliotecas.

A seguinte obra programada é "Piel de salitre" de Juan Mariñas.

Nota: con esta sesión remata o 1º trimestre das tertulias literarias no grupo B, retomándose a actividade o vindeiro 15 de xaneiro. 

17/12/13

O teatro de Manuel Lugrís: conferencia de Francisco Pillado

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=ManLugr%ED&alias=&solapa=biografia
http://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Pillado_MaiorO mércores 18 de decembro, ás 12:45,  terá lugar a conferencia titulada "O teatro de Manuel Lugrís", a cargo do escritor Francisco Pillado. Participará o alumnado de 1º A, B e C de Bacharelato do IES Miraflores de Oleiros, e se celebrará n'As Torres de Santa Cruz. Manuel Lugrís foi homenaxeado co Día das Letras Galegas 2006. Naceu en Sada en 1863. Ten unha ligazón especial con Oleiros xa que con só 17 anos comezou a traballar como oficinista no seu concello. É o fundador do teatro galego, xénero que considera fundamental ao servizo da causa de Galicia. Entre a súa obra destaca: A Ponte (1903), na que critica a tiranía dos caciques. Mareiras (1904): o primeiro drama longo na historia da nosa dramaturxia. O Pazo (1917): comedia de asunto amoroso e de defensa da lingua.
+ info sobre Manuel Lugrís en http://www.filix.org/xove/manuel.html
 

Obradoiros de Curtametraxes no IES Miraflores no mes de decembro

Actividade dirixida ao alumnado de 4ª de ESO do IES Miraflores de Oleiros.

Obradoiro creativo impartido polo xornalista e  director de documentais Xes Chapela, premio González Sinde 2011 do Ministerio de Cultura e galardoado co Premio Mestre Mateo 2010 ao mellor longametraxe documental por Jazz en liberdade

- 11 de decembro: 10,30 h (1º sesión) e 12,30 h. (2ª sesión)
- 17 de decembro: 10,30 h (1º sesión) e 12,30 h. (2ª sesión)
- 18 de decembro: 10,30 h (1º sesión) e 12,30 h. (2ª sesión)
- 20 de decembro: 10,30 h (1º sesión) e 12,30 h. (2ª sesión)

Xes explicará conceptos como a sinopse, argumento, escenas... e a realización dunha curtametraxe.
 

16/12/13

Tertulia literaria en Santa Cruz: 16 de decembro

Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" 
Hora: 18,30 a 20 h.

Comentario da obra "Novecento" de Alessandro Baricco.
Obras de Alessandro Baricco nas nosas bibliotecas.

A seguinte obra programada é "El abuelo que saltó por la ventana y se largó" de Jonas Jonasson.


Nota: con esta sesión remata o 1º trimestre das tertulias literarias nesta biblioteca, retomándose a actividade o vindeiro 13 de xaneiro. 

Recomendacións en Radioleiros: 13 de decembro

http://www.ipernity.com/doc/284673/28926371/in/album/418479
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=108929- Infantil (nenas/os maiores de 8 anos) :
"A estrela de Oriente: unha historia dos Reis Magos" de Pemón Bouzas, en Xerais.
Retoma a historia dos Reis Magos pero converténdoa nunha historia multicultural, xa que cada un destes personaxes máxicos proveñen de xeografías distintas e moi afastadas: un deles chega das altas montañas de Oriente, outro é o príncipe das tribos do sur e o terceiro é un druída das nacións celtas do norte. Os tres, acompañados polo pequeno Aziz, seguen á Estrela de Oriente na súa peregrinación cara a Belén.  A súa lectura transmite valores aos nenos e nenas de todas as relixións.

 http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=96380- Mozas/os e adultas/os :
"La insólita amargura del pastel de limón" de Aimee Bender, editado por Lumen.
É unha  historia de sentimentos, cos que todos/as nos podemos identificar. Unha historia narrada desde a perspectiva dunha nena, Rose,  unha nena feliz, agradable, sociable, pero que, un día, cando está a punto de cumprir nove anos, proba a escondidas un anaco de pastel que súa nai cociñou para o seu aniversario. O que  ela espera é gozar do sabor do limón e o azucre, sen embargo sorpréndese cunha mestura de soidade e de tristeza na boca, descobre que pode adiviñar os sentimentos de quen cociña, e o descubrimento do seu don, ao medrar,  convértea nunha nena insegura.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.