Mostrando entradas con la etiqueta Exposicións bibliográficas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Exposicións bibliográficas. Mostrar todas las entradas

29/7/26

O rousinol volve cantar en terras sureñas: centenario Harper Lee (1926-2026)

O rousinol volve cantar en terras sureñas: centenario Harper Lee (1926-2026)
Para conmemorar o centenario do nacemento de Harper Lee, a Biblioteca Central Rialeda (Perillo) ofréceche a expo O rousinol volve cantar en terras sureñas: centenario Harper Lee (1926-2026). A escolma xira ao redor da escritora de Monroeville como centro de gravidade da grande tradición de autoras-es que compartiron temas como a inxustiza, a decadencia e moralidade, a grotesca realidade, a soidade e alienación, a ambientación atmosférica e os segredos familiares de abatidas e esmorecentes comunidades do sur norteamericano. Xuntamos nesta peneira a Flannery O’Connor, Carson McCullers, Truman Capote, William Faulkner, Mark Twain, Katherine Anne Porter a estoutros representantes do "novo gótico sureño" como Jesmyn Ward, Donna Tartt, Wiley Cash, e Robert Jones Jr. 

Estas marabillas están dispoñibles no vestíbulo de Rialeda para compracer a túa paixón lectora canicular.  

O rousinol volve cantar en terras sureñas: centenario Harper Lee (1926-2026)
2026 é o centenario do nacemento de Harper Lee. A autora naceu en 1926 en Monroeville (Alabama), pequena localidade duns 6500 habitantes onde faría amizade co tamén escritor Truman Capote. Harper Lee buscou unha oportunidade como escritora en Nova York, onde se gañaba a vida traballando nunha aeroliña.
En 1956, amizades de seu, convencidas do seu talento, ofrecéronlle un agasallo de Nadal: unha axuda económica mensual para adicarse por enteiro á escritura durante un ano. Neste temporada, Lee dedicase a escribir esbozos, como o que co tempo, sería a súa novela Matar a un ruiseñor.
Esta obra foi case desde o primeiro día unha das pezas clave da literatura do sur de Estados Unidos, na que Lee tratou hai máis de medio século temas que hoxe seguen de deplorable actualidade como o racismo, as inxustizas sociais e a necesidade de defender os dereitos civís. Matar a un ruiseñor, publicada en 1960, converteuse inmediatamente nun éxito de vendas, tivo excelentes críticas e recibíu o Pulitzer de Ficción en 1961. Ata hoxe, vendeu máis de 40 millóns de exemplares en todo o mundo e foi traducida a máis de corenta idiomas. A película basada no libro, estreada en 1962, acadou un fabuloso éxito de crítica e público. Gañou tres Oscar, o de mellor interpretación masculina (Gregory Peck), mellor guión adaptado e mellor dirección artística. En 2015, un ano antes de falecer, publícase a súa obra Ve y pon un centinela, rexeitada polos editores no seu momento e unha de cuxas tramas secundarias é o xerme de Matar a un ruiseñor.

Títulos dispoñibles en eBiblio


19/6/26

Animoso e saudoso Barnes: Premio Princesa de Asturias de las Letras 2026

Animoso e saudoso Barnes: Premio Princesa de Asturias de las Letras 2026
O escritor británico Julian Barnes (Leicester, 1946) foi galardonado co Premio Princesa de Asturias de las Letras 2026 por unha obra que o xurado define como “lúcida, cálida e compasiva” e marcada por un “optimismo melancólico e un pesimismo alegre”. Recoñece o autor de "El loro de Flaubert" pola súa mirada lúcida, irónica e compasiva sobre o ser humano. Barnes, autor de "El sentido de un final" ou "Arthur e George", construíu unha traxectoria que combina novela, ensaio, memoria, arte, música, gastronomía e historia literaria cunha mirada europeísta e un estilo singular dentro da narrativa británica contemporánea. Este mismo ano publicou "Despedidas", o ensaio co que anunciou a súa retirada da literatura e no que reflexiona sobre a necesidade de aprender a dicir adeus.
Fonte: fpa

Visita a expo de Julian Barnes que temos para ti no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
                                                                                                                                          Parabéns, Julian!!!

5/6/26

Marjane Satrapi (1969-2026): bordados de liberdade

Marjane Satrapi (1969-2026): bordados de liberdade
Escritora, novelista gráfica e cineasta, a francoiraniana Marjane Satrapi, finou aos 56 anos. Satrapi fíxose coñecida en todo o mundo pola obra gráfica Persépole que narra a historia da súa mocidade en Teherán vivindo baixo as restricións impostas polo liderado islámico de Irán tras a revolución de 1979. A autora chegou a Francia en 1994, acadando a nacionalidade francesa en 2006. Despois do éxito da edición impresa de Persépole, chegou a adaptación ao cine. Constituíu un grande éxito de público e crítica, ao gañar o Premio da Crítica en Cannes (2007) e o Premio César (2008) ao mellor guión adaptado. Estivo nomeada a Mellor Película de Animación nos Oscar (2008). Persépole trascendeu a mesma sociedade, esfarelou todas as fronteiras e se converteu nun emblema de tolerancia e liberdade.

En Bibloleiros dedicamos exposicións bibliográficas a Marjane Satrapi para que leves en préstamo as súas obras de banda deseñada e películas.

24/3/26

Raios incesábeis para celebrar o Día Mundial da Poesía 2026

El rayo que no cesaRaios incesábeis para celebrar o Día Mundial da Poesía 2026 é unha obra mestra do poeta oriolano Miguel Hernández. Representa a dor amorosa, a paixón incontrolable, a morte e a anguria existencial que perseguen ao poeta como forzas inesgotables. O raio é unha enerxía destrutiva e penetrante --un amor apaixonado e doloroso-- que, igual ca unha tempestade, non descansa. 

Publicado en 1936, celebramos este ano o noventa aniversario da súa edición e queremos homenaxear ao poeta de Orihuela (Alacant) cunha expo cos seus versos dentro da conmemoración do Día Mundial da Poesía (21 de marzo).
Títulos dispoñibles en eBilio
Obras para préstamo en Bibloleiros

Visita a expo no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

13/2/26

Xesús Alonso Montero, ronsel de sabedoría (1928-2026)

Xesús Alonso Montero, ronsel de sabedoría (1928-2026)
Xesús Alonso Montero foi un intelectual puro, cortado polo patrón do seu tempo pola amplitude e diversidade dos seus saberes, polo seu radical compromiso social, político e moral (para el indisociables), e pola súa entrega á divulgación do coñecemento. Apaixonado do estudo, entregado á pesquisa en corpo e alma e devorador insaciable de páxinas escritas, atesouraba un caudal de erudición no campo das humanidades galegas inigualable, verdadeiramente sen fin. Mais non era un simple compilador de datos, pois o seu espírito inquisitivo e inconformista soubo deitar un ollar novo aos temas que tocaba, animado por un afán crítico que bebía da socioloxía e do marxismo. O seu maxisterio apoiábase, ademais, na optimista convicción de que o coñecemento melloraba a humanidade e as persoas. Dotado nun grao extraordinario da virtude da elocuencia, puxo a súa brillantez oratoria ao servizo da transmisión do saber e da divulgación das súas ideas sobre a literatura e a sociedade. Enfeitizaba as audiencias porque o seu verbo prodixioso transmitía sabedoría, honestidade e emoción. 

Texto de Henrique Monteagudo en academia.gal



Visita a expo bibliográfica adicada a Xesús Alonso Montero na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Obras de XAM en GaliciaLe

11/2/26

Lobo Jack: expo 150 aniversario do nacemento de Jack London 1876-2026

Lobo Jack: 150 aniversario do nacemento de Jack London 1876-2026
Unha biografía de película: nos seus corenta anos de vida (1876–1916), o escritor Jack London foi peón, mariñeiro, granxeiro, xornalista, produtor cinematográfico... Escribíu novela, conto, poesía, ensaio, libros de viaxes e crónica xornalística (máis de 50 libros entre 1900 e 1916, algúns deles traducidos a 70 idiomas) centos de contos e artigos. Entre os máis coñecidos, A chamada da selva = La llamada de lo salvaje (1903), El lobo de mar (1904), Cairo branco = Colmillo blanco (1906), O talón de ferro = El talón de hierro (1908) ou Martin Eden (1909). Foi un dos primeiros escritores supervendas de Norteamérica, gañando unha fortuna coas súas obras. Lector voraz desde neno, foi fundamental na súa formación intelectual, a Biblioteca Pública de Oakland (California) e a súa bibliotecaria, a poeta Ina Coolbrith quen lle ofreceu a súa orientación literaria (Ina foi tamén mentora da bailarina Isadora Duncan). A necesidade levarao dun traballo a outro (aos vinte anos traballara en centrais eléctricas, na construción do ferrocarril, en envasadoras, buques mercantes...) en condicións penosas. En 1894 decide unirse á Kelly´s Industrial Army, unha marcha de parados que se dirixía a Washington para protestar contra o goberno. Durante máis dun ano, percorrerá Estados Unidos como vagabundo (por deambular foi detido e pasou trinta días na cadea de Erie County, Buffalo). Enrolouse nun barco que o levou a Alaska, para unirse á febre do ouro, metal que non conseguíu, e si un escorbuto que case o mata. London foi moi coñecido polas súas fazañas persoais. Pintoresco e controvertido, aparecía con asiduidade nas noticias. Gran trouleiro, posicionábase a miúdo contra as inxustizas. Orador elocuente, era moi solicitado como conferenciante sobre temas económicos e políticos. 
A súa extraordinaria capacidade para a descrición de paisaxes agrestes e personaxes case sempre bravíos (cun uso maxistral dos animais, nomeadamente os cans), engadido a unha gran economía da linguaxe e unha arte singular no desenvolvemento da acción, convírteno nun dos cumios da literatura norteamericana, a medio camiño entre a xeración dos Melville, Hawthorne, Poe, Thoreau ou Whitman e a xeración perdida: Dos Passos, Faulkner, Steinbeck, Fitzgerald.
Jack London escribíu tanto sobre lobos e cans que un amigo de seu alcumouno "O Lobo".
Dixo de si mesmo, "prefiro ser cinza que po. Prefiro que a miña chispa se apague nun lume brillante antes que ser abafada pola podremia seca. Prefiro ser un meteorito soberbio e que cada un dos meus átomos brille magníficamente, que un planeta durmido e permanente. A función axeitada do home é vivir, non existir. Non vou malgastar os meus días intentando prolongalos. Aproveitarei o meu tempo."
Lévate en préstamo os libros da Expo Lobo Jack na Biblioteca Central Rialeda (Perillo). 
Títulos dispoñibles en GaliciaLe
Títulos dispoñibles en eBiblio
Fontes: 

21/1/26

Fina Casalderrey, contigo, con toda a ALMA

Fina Casalderrey, contigo, con toda a ALMAFina Casalderrey é aspirante ao Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) 2026. GÁLIX está desenvolvendo unha intensa campaña de apoio da súa candidatura na que Bibloleiros quere colaborar a través de exposicións das súas obras nas Bibliotecas Municipais de Oleiros. A este fermoso labor de difusión están convidadas todas as persoas que queiran sumarse.
Dedicatoria de Fina Casalderrey no libro A filla das ondas da Biblioteca Central Rialeda (Perillo)Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) é mestra e unha das grandes voces da literatura infantil e xuvenil en galego. Medrou escoitando contos na casa, o que alimentou a súa imaxinación. Esa relación tan agarimosa coa lingua acompáñaa toda a súa vida. 
Publicou máis de sesenta libros e foi recoñecida con numerosos premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa. As súas historias abordan temas próximos á infancia e adolescencia, con moita tenrura, humor e verdade, sempre desde o respecto polas nenas e nenos. É académica da Real Academia Galega e unha figura esencial da nosa literatura. 
Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA), premio internacional máis importante dedicado á literatura infantil e xuvenilO Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) é o premio internacional máis importante dedicado á literatura infantil e xuvenil, creado polo Goberno de Suecia en memoria da autora Astrid Lindgren, creadora de Pippi Mediaslongas. Concedeuse por primeira vez en 2003 e recoñece autoras, ilustradoras, narradoras orais e proxectos de promoción da lectura de todo o mundo. Está considerado o "Nobel da Literatura Infantil" e premia unha traxectoria que contribúe de maneira destacada ao dereito da infancia a acceder a literatura de calidade. Para este 2026 hai un total de 263 candidaturas de 74 países. O anuncio da candidatura gañadora terá lugar o 14 de abril deste ano.
Fonte: Gálix
Moitas obras da autora pontevedresa foron suxestión de lectura nas RecomendaciónsEnRadioleiros.
Lévate en préstamo os libros de Fina Casalderrey que temos en Bibloleiros ao teu dispor.
Fina Casalderrey, contigo, con toda a ALMA

16/12/25

Benvindo, inverno! Ola, Nadal!

Benvindo, inverno! Ola, Nadal!

Benvindo, inverno! Ola, Nadal!
é unha colección de libros tecidos coas historias máis agarimosas de Nadal. 

Arróupate cos contos, amántate entre as páxinas destas suxestións invernais!

Para a cativada de 0 a 14 anos.

Visita a expo na sala infantil da Biblioteca Central Rialeda (Perillo) e lévate estas abrigosas lecturas en préstamo.


Boas festas!!!

1/12/25

Calendario de libros de Nadal 2025 en Rialeda

Calendario de libros de Nadal 2025 en Rialeda


Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) compartimos este calendario de libros de Nadal.
Son 24 obras narrativas especialmente peneiradas para esta época de abondosas precipitacións, suaves temperaturas medias, interrompidas por xeadas ocasionais e días minguados.

Desvelamos a primeira, os "Cuentos fantásticos" de Emilia Pardo Bazán e a última, os "Contos de Nadal" de Manuel Rivas. Día a día, abriremos as xaneliñas do noso calendario de libros de Nadal con aquelas lecturas que engatuxen as nosas lectoras e lectores.

As restantes 22, terás que descubrilas in situ.

Agardámoste!!!

4/11/25

Hilarante Mendoza: Premio Princesa de Asturias das Letras 2025

Hilarante Mendoza: Premio Princesa de Asturias das Letras 2025
Novelista, dramaturgo, tradutor e lingüista, Eduardo Mendoza naceu en Barcelona un 11 de xaneiro de 1943. Medrou no seo dunha familia burguesa catalana de lingua castelá. Estudou nun colexio relixioso e despois a carreira de Dereito na Universidade de Barcelona, onde compartíu aulas con quen sería logo o seu descubridor e editor, o poeta Pere Gimferrer. Exerceu a avogacía durante varios anos, profesión que non o satisfixo. Deu un xiro radical á súa vida e se adicou á tradución e interpretación nas Nacións Unidas a comezos dos anos setenta do pasado século. Foille ben neste labor profesional (exerceu de intérprete no famoso salón oval da Casa Branca), pero o seu éxito como escritor permitíulle profesionalizar a súa escritura e adicarse por enteiro á literatura, volvendo a España en 1982. 
Fonte: fpa e jotdown

2 dos seus títulos foron recomendados en Radioleiros:
"La verdad sobre el caso Savolta" e "La ciudad de los prodigios" de Claudio Stassi (baseado na novela de Eduardo Mendoza).

"La aventura del tocador de señoras" e "La verdad sobre el caso Savolta" foron obxecto de análise nas tertulias literarias.

Visita a expo de Eduardo Mendoza que temos para ti no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Títulos dispoñibles en eBiblio
Parabéns, Eduardo!!!

3/11/25

Samaín na Biblioteca de Santa Cruz: de 30 de outubro a 3 de decembro

Samaín na Biblioteca de Santa Cruz: de 30 de outubro a 3 de decembro
Do 30 de outubro ao 3 de decembro na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) estará exposta unha selección de libros infantís con temática de Samaín.

O obxectivo é fomentar a lectura mediante contos e relatos de misterio, bruxas e monstros axeitados para as nosas crianzas.

O espazo decorouse para crear un ambiente festivo e acolledor. Esta exposición permitirá achegar a literatura aos nenos e nenas de forma divertida e fortalecer o vínculo coa comunidade.

14/10/25

Parabéns, Remedios!!!

Parabéns, Remedios!!!
A investigadora e escritora cordobesa Remedios Zafra recibíu o Premio Nacional de Ensayo 2025 outorgado polo Ministerio de Cultura pola súa obra "El informe: trabajo intelectual y tristeza burocrática"
En "El informe", Remedios Zafra profundiza nunha das liñas centrais do seu pensamento: a relación entre o traballo, a tecnoloxía e o tempo na sociedade contemporánea. A autora aborda o tema desde unha mirada afectiva: «o que nos une aos traballos intelectuais é xustamente o amor cara esa práctica». Sen embargo, advierte de como esa ligazón se ve decotío neutralizada por unha burocracia crecente que «dificulta o bo traballo» e xera o que ela denomina tristura administrativa.
Zafra cuestiona a promesa incumprida da tecnoloxía: «Pensabamos que as máquinas nos liberarían das tarefas tediosas, pero terminaron amplificando os procesos administrativos e reducindo os nosos tempos de concentración». Aínda que as ferramentas dixitais parecen facilitar a organización, «a maioría das veces rematamos con máis traballo», ao esvaecerse as fronteiras entre o laboral e o persoal, como ocorre co teletraballo e a autoxestión constante.
Grazas, Remedios, por explorar novas vías para reconciliar o pensamento, o tempo e a vida.
Remedios Zafra en Bibloleiros
Remedios Zafra en eBiblio

13/10/25

Parabéns, László!!!

Parabéns, László!!!
László Krasznahorkai, natural da pequena cidade de Gyula (surleste de Hungría), é o gañador do Premio Nobel de Literatura 2025. A Academia Sueca outorgou o galardón "pola súa obra convincente e visionaria que, no medio do terror apocalíptico, reafirma o poder da arte". O comité do Nobel sinalou que “é un grande escritor épico da tradición centroeuropea, que se estende desde Kafka ata Thomas Bernhard, e se caracteriza polo absurdo e o exceso grotesco”.

O país maxiar recibe este premio por segunda vez. En 2002 foi Imre Kertész quen gañou o Nobel de Literatura.

Lévate en préstamo os libros de László Krasznahorkai que temos á túa disposición na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Parabéns, László!!!
Gratulálok!!!

4/9/25

Manuel Lourenzo (1943-2025): o teatro, como respirar

Manuel Lourenzo (1943-2025): o teatro, como respirar
Hai uns días finaba Manuel Lourenzo, actor, dramaturgo, ensaísta, tradutor, docente e director teatral, considerado unha das personalidades máis sobresaíntes do noso panorama teatral e cultural contemporáneo.
Finou quen entendeu o teatro como unha absoluta necesidade física.
O seu labor foi fundamental na consolidación e desenvolvemento do teatro en lingua galega dende a segunda metade do século XX. Foi un dos impulsores do teatro independente en Galicia e fundador de grupos e compañías teatrais como O Facho, Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, o Clube de Teatro Elsinor ou a Compañía Luís Seoane.
A súa produción teatral abarca máis de 300 obras, sempre cun forte compromiso coa cultura e identidade galega. Entre as súas obras máis destacadas atópanse Romería ás Covas do Demo (1975), Veladas indecentes (1996), O circo de medianoite (1997), Flores de Dunsinane (2009) ou Suite Artabria (2017). Entre a súa obra ensaística podemos destacar títulos como O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1981), Dicionario do teatro galego (1987) ou o manual Pensar co corpo (2000).
Traduciu ao galego aos grandes do teatro grecolatino, así como a Shakespeare, Goethe, Chejov, Brecht, Yourcenar ou Fassbinder.
Manuel Lourenzo recibiu numerosos premios e distincións, entre eles o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Premio Nacional de Artes Escénicas (2008), o premio Otero Pedrayo (2011), o Artur Carbonell do XVI Festival Internacional de Teatro de Sitges (1983), o Rafael Dieste (1996, 1999), o Premio de Honra Marisa Soto, o Premio ás Letras dos Premios da Cultura Galega (2024), e un sinfín de recoñecementos máis. Tamén foi nomeado profesor Honoris Causa pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
No audiovisual ten participado en producións como Mareas Vivas, Elisa e Marcela ou Fariña.
A día de hoxe, o seu legado é unha referencia imprescindible, tanto pola súa obra como polo seu labor de promoción do teatro galego.
'Cunqueiriano de Honra', título outorgado polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura culminou o traballo de edición da súa obra completa en 2022.

Visita a expo de Manuel Lourenzo que temos para ti na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Obras de Manuel Lourenzo en Bibloleiros

Foto: composición sobre colaxe orixinal de mariaxe.colaxe
Bio obtida en: casahamlet.es

5/6/25

#SenContaminaciónPorPlásticos: expo para conmemorar o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente

#SenContaminaciónPorPlásticos: expo para conmemorar o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente
O Día Mundial do Medio Ambiente estableceuno a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972 e está dirixido polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). Milleiros de persoas ao redor do mundo súmanse a participar de xeito virtual e presencial en actividades, eventos e todo tipo de iniciativas. 

Corea do Sur será a anfitrioa do Día Mundial do Medio Ambiente 2025, que se centrará na loita contra a contaminación por plásticos. Este evento, que se celebra anualmente o 5 de xuño, vaise celebrar na provincia de Jeju e ten como obxectivo promover solucións para reducir a contaminación plástica no mundo. Os seres humanos producimos máis de 430 millóns de toneladas deste tipo de produtos ao ano, dous terzos dos cales se convirten en lixo que invaden os océanos e, en moitos casos chegan á cadea alimentaria humana.

Bibloleiros únese a estas accións ofrécendoche os seus fondos bibliográficos relacionados coa problemática dos plásticos, a destrución de hábitats protexidos, o cambio climático e a protección do noso entorno natural. Goza da expo bibliográfica na Biblioteca Central Rialeda (Perillo): libros para crianzas e público adulto, de ficción e informativos para combatir a desinformación e coidar o planeta Terra.

22/4/25

Día Mundial do Libro 2025: expos de Carmen Martín Gaite e Ana María Matute en Rialeda

Día Mundial do Libro 2025 en Rialeda
O Día Mundial do Libro celébrase cada 23 de abril.
Un 23 de abril de 1616 faleceron Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén un 23 de abril naceron –ou finaron– escritores eminentes como Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por iso que esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO (1995) como un xeito de fomentar a lectura, recoñecer a figura da-do autora-o e procurar o fortalecemento da industria editorial de cada país. A UNESCO designou Capital Mundial do Libro 2025 ao Rio de Janeiro, primeira vez que unha cidade de lingua portuguesa é distinguida como tal.

Día Mundial do Libro 2025: expo de Carmen Martín Gaite e Ana María Matute en Rialeda
Na Biblioteca Central  Rialeda (Perillo) queremos celebrar esta data (xunto a outras actividades) adicando senllas exposicións bibliográficas a Carmen Martín Gaite e Ana María Matute, ambas da Xeración do 50, do medio século ou "dos nenos da guerra", denominacións que dá a historia da literatura española ao grupo literario de escritoras-es nacidas-os en torno aos anos 1920 e que publican sobre os 50`. Estas dúas espléndidas voces literarias naceron en 1925 e abriron un extenso camiño cara a imaxinación amosando unha escrita profundamente traballada.