12/9/24

Presentación de "A tientas" de Paris Joel: 12 de setembro 2024

Teatro "As Torres". Santa Cruz
Xoves 12 de setembro ás 19 h.

Intervirán: o autor: Paris Joel; o escritor e profesor de lingua galega e literatura: Rubén Anido Regueiro.

O acto finalizará coa actuación do cantautor arxentino Luga Fernández, que interpretará unhas cancións.

A tientas é un achegamento lírico a todo o que transforma as nosas vidas. Temas como a morte, o amor, a angustia e a paisaxe son pilares que, dunha maneira ou doutra, guían as nosas vidas ata a transformación final.
Só a poesía ten o potencial suficiente para describir estes temas e deixar no lector ou lectora un pouso indeleble que pode enriquecer de forma diferente a cada persoa.

Paris Joel é poeta e cantautor. Desde hai máis de vinte cinco anos traballa como locutor e técnico de son da emisora municipal Radio Oleiros. Licenciado en Historia pola UNED, técnico especialista en operacións de imaxe e son pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. Foi becado polo Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Escribiu os poemarios Dictados para un salvamento emocional e La aldaba del verano, ademais do epílogo do libro Los cuerpos lejanos, do poeta, e pai de Ismael Serrano, Rodolfo Serrano. Realizou crónicas e críticas musicais para o xornal El Ideal Gallego.

Foi seleccionado, xunto a outros poetas, para publicar dous poemas na antoloxía da nova poesía contemporánea española da Asociación cultural Culturias de Avilés. Actualmente é o primeiro poeta de fóra de Asturias invitado a participar con dous poemas no primeiro tomo da colección Poetas del Paraíso, promovida pola Asociación Cultural Culturias de Avilés.

Como cantautor, actuou nas salas: Libertad 8 (Madrid), El Bardo Escaldao (Pamplona), ou os estudios Rosazul en Barcelona.

Foi o primeiro presidente da asociación de cantautores Viernes de Cantautar, recoñecida polo propio Silvio Rodríguez, e o seu nome figura en varios libros dedicados a este xénero como Mi vida entre canciones ou Volad canciones volad, do musicólogo Fernando González Lucini.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir ata completar o aforo permitido para que gocen coa palabra e coa música.

No hay comentarios:

Publicar un comentario