24/10/26

“Sen profesionais, non hai bibliotecas”, celebra o Día das Bibliotecas 2026

“Sen profesionais, non hai bibliotecas”, celebra o Día das Bibliotecas 2026
Desde 1997, cada 24 de outubro, se celebra o Día das Bibliotecas, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. A partir de 2019, o Ministerio de Cultura incorporou o lema “Aptas para todos os públicos”.

A divisa deste ano, “Sen profesionais, non hai bibliotecas”, quere poñer no centro as persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un sinxelo conxunto de recursos, andeis e espazos.

“Sen profesionais, non hai bibliotecas”,  celebra o Día das Bibliotecas 2026As bibliotecas son institucións democráticas que ofrecen un servizo esencial á cidadanía, que busca nelas un lugar de encontro, intercambio de opinións e coñecemento. Detrás de cada préstamo, cada consulta, cada actividade, cada recomendación e cada proxecto hai profesionais que traballan para garantir o acceso á cultura, acompañar as súas comunidades e facer das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e accesibles para todas as persoas.

Recoñecer e visibilizar a quen exerce este labor, que acotío permanece invisible, resulta fundamental para comprender o verdadeiro valor das bibliotecas. Porque unha biblioteca non é unicamente aquilo que vemos cando entramos nela: é tamén o traballo das persoas que seleccionan e organizan as súas coleccións, preservan o patrimonio, facilitan o acceso á información, fomentan a lectura, acompañan a aprendizaxe e crean actividades e servizos para responder as necesidades das-dos usuarias-os.

Recoñecer as-os bibliotecarias-os é recoñecer as propias bibliotecas e o valor que teñen para a nosa
sociedade.

Á programación habitual das Bibliotecas Municipais de Oleiros (obradoiros, hora do conto, tertulias literarias, etc) queremos xuntar para este día unha suxestión de lecturas baixo unha serie de "epígrafes" dos que presentamos dúas opcións de lectura, novelas cun aquel especial, escollidas para ti. Se tes dúbidas sobre cal levar para casa, pregunta ás-aos túas-teus biliotecarias-os de confianza: aconsellarémoste de todo corazón. Será o afán do noso coñecemento e a nosa experiencia descubrirche novos camiños lectores.  

Podes participar nesta actividade na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Feliz Día das Bibliotecas 2026!!!

Fonte: Ministerio de Cultura

No hay comentarios:

Publicar un comentario