27/10/22

Parabéns, Marilar!!!

Marilar Aleixandre foi recoñecida co Premio Nacional de Narrativa 2022 do Ministerio de Cultura y Deporte por "As malas mulleres".
Narradora, poeta, tradutora, Marilar Aleixandre usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non todos os bichos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos ou poemas. Desde 2017 na Real Academia Galega, cun discurso sobre Voces termando da paisaxe galega. Vive en Santiago de Compostela onde escribe e investiga na argumentación e Didáctica da Bioloxía. Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares. Fonte: marilar.gal
 
O libro galardonado foi suxestión no programa Recomendacións en Radioleiros que podes escoitar nesta ligazón. Outros títulos que ofrecimos ás-aos nosas-os lectoras-es a través de Radioleiros foron "A filla do Minotauro", "Catro Cascarolos", "A Cabeza de Medusa" e "O coitelo en novembro", novela comentada nas Tertulias Literarias da Biblioteca Central Rialeda (Perillo). Nesta biblioteca podes visitar dúas exposicións adicadas a ela, unha coa súa obra dirixida ao público adulto e outra cos seus títulos para as-os lectoras-es infantís-xuvenís.
Clica na ligazón e comproba a dispoñibilidade das obras de Marilar Aleixandre nas bibliotecas de Oleiros. 
Parabéns, Marilar!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario