Recuperada do esquecemento a novela inédita de Méndez Ferrín, "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro". Por esta obra o autor foi levado a prisión en 1969, acusado dun delito de propaganda ilegal: tres libros de Mao-Tse-Tung; dúas revistas sobre Cuba; un libro sobre Hô-Chi- Minh; o poemario Os nenos do Vietnam de Farruco, pero sobre todo tres exemplares da súa novela inédita de corenta e unha páxinas e asinada co pseudónimo de Laín Feixóo, "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", custáronlle a Xosé Luis Méndez Ferrín ser detido, xulgado e encarcerado, durante case dous anos, por un suposto delito de propaganda ilegal. Era 1969 nunha España en estado de excepción, e aínda que o autor, na súa primeira declaración manifestou que se trataba dunha ficción alegórica, baseada en feitos reais, e que nunca pensara en publicar, a sentenza condenou o escritor por un delito de propaganda ilegal. Cumpridas as penas de prisión ás que Ferrín foi condenado, os tres exemplares, así como a tradución encargada a Francisco Fernández del Riego polo xuíz instrutor do Tribunal de Orden Público, de "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", caeron no esquecemento.
Pasaron máis de 50 anos, ata que o docente e investigador da Universidade Vigo, Fernando Ramallo, logo dunha conversa co propio Ferrín en marzo de 2018, inicia un proceso que culmina a finais de 2019 coa localización, primeiro, e a posterior restauración da obra inédita do escritor ourensán. “Pasados máis de cincuenta anos, a novela que serviu como proba para a acusación e que levou a Méndez Ferrín ao cárcere permanece inédita e durante todo ese tempo, formou parte da documentación relacionada co caso nos fondos do que actualmente se coñece como Centro Documental de la Memoria Histórica, (Salamanca)”. A finais de 2018 recibíu a confirmación de que a novela fora localizada.
Le a nova completa de Mª del Carmen Echevarría. A que esta historia podería ser un guión de película?
A obra "Amor de Artur" de Méndez Ferrín foi comentada nas Tertulias Literarias de Bibloleiros. Podes gozar, en GaliciaLe, das seguintes obras do autor afincado en Vigo: "Amor de Artur", "O crepúsculo e as formigas", "Arraianos", "Antón e os inocentes", "Percival e outras historias" e non te perdas o documental "Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín" dirixido por Manuel Forcadela sobre o escritor ourensán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario