O ser vivo máis antigo de Galicia é unha árbore: a Carballa da Rocha, un carballo común situado no concello de Rairiz de Veiga, (A Limia). Mide 34 metros de altura e o seu tronco ten un perímetro de entre 8,5 e 11,5 metros. A súa copa, que se bifurca aos 7 metros, dá sombra a unha superficie de máis de 615 metros cadrados.
Esta excepcional árbore tería como mínimo 835 anos, xa que en 1984, o ciclón Hortensia derrubou unha das súas pólas que si puido datarse, dando como mínimo oito séculos de antigüidade. Para moitas-os expertas-os o carballo ten moitos máis, arredor dos 1500.
Forma parte da reserva da biosfera Área de Allariz, é Monumento Natural e forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Esta árbore é o ser vivo non microscópico máis lonxevo de Galicia. A Carballa da Rocha ou da Saínza, ademais do seu interese botánico, posúe un notable valor cultural. As súas raíces afúndense na historia de onde está plantada e na memoria das xentes do lugar. Cada 24 de setembro a sombra desta carballeira acolle unha senlleira romaría.
Fontes: historiadegalicia.gal e turismo.gal
Ofrecemos estas lecturas en GaliciaLe para irmos coa imaxinación a ese lugar marabilloso de natureza e cultura. "Vento e chuvia" de Manuel Gago Mariño e ilustracións de Manel Cráneo, coñecidos polas-os nosas-os lectoras-es por levar a cabo moitas actividades en Bibloleiros, lévanos á dimesión máxica dos bosques galegos. "Lo que el bosque esconde" de Gema Bonnín Sánchez, é un libro de aventuras para as-os máis novas-os. "Pensar como un árbol" de Jacques Tassin, un apaixonado ecoloxista que busca "reconectar" a humanidade coas árbores e os seus ecosistemas.
"La expedición al baobab" de Wilma Stockenström, é unha historia de supervivencia no interior da África austral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario