10/8/23

Premios María Moliner de Fomento da Lectura 2023


Un ano máis, o proxecto de fomento da lectura presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros, denominado “Mergúllate na lectura”, foi seleccionado pola Comisión de Valoración da XXIII Campaña de animación a la lectura María Moliner convocada polo Ministerio de Cultura en colaboración coa FEMP.

O proxecto titúlase “Mergúllate na lectura” e nel describíronse as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda, que se levaron a cabo entre os meses de marzo de 2022 a marzo de 2023. Entre todas, podemos destacar as da Hora do conto, recitais de poesía, os talleres de banda deseñada, obradoiros de ilustración, a campaña de promoción da lectura dirixida ao alumnado dos centros de ensino, as charlas de divulgación científica Ler para saber, as recomendacións de libros en Radioleiros, a entrega de premios ás socias e socios máis lectores das bibliotecas municipais, encontros con escritores/as e presentacións de libros, roteiros literarios, conmemoración de datas significativas (Día de Rosalía de Castro, Día da Muller, Día da Poesía, Día do Libro Infantil e Xuvenil, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Día das Bibliotecas, o Nadal), clubs de lectura e Tertulias literarias, roteiros literarios, exposicións bibliográficas, etc.

Entre os 557 proxectos presentados por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes de todo o Estado Español, seleccionaron 370 nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado. Nesta selección figuran 15 bibliotecas de Galicia entre as que está Oleiros. Hai que ter en conta que a Comisión prioriza especialmente as actividades realizadas en municipios de menos de 25.000 habitantes, ás que lles dá máis puntos, para apoiar as zonas máis despoboadas, pero a pesar de isto, Oleiros, que conta con máis de 36.000 habitantes, saíu seleccionado.

O premio consiste en 2.772,22 € que se destinarán á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!

 



No hay comentarios:

Publicar un comentario