- Infantil e xuvenil (a partir de 10 anos):
O meu pesadelo favorito, de María Solar. Ilustracións de María Lires
Galaxia
Manuel estaba enfermo, tiña febre e seu pai chamou polo veterinario porque en toda a vila non había ningún médico. Receitoulle un xarope para cans, pero que lle ía ben aos nenos. Mais Manuel non se poñía ben e tiña moi mala cara, así que volveron a chamar ao veterinario que, desta volta, lle receitou un xarope para gatos para controlarlle a febre. Sería polos xaropes ou sería pola febre, o caso é que Manuel non paraba de soñar...
Presenta personaxes que nos farán rir, pero tamén nos fala do respecto aos que son diferentes. Divertida, tenra e orixinal obra que achega a ciencia ao mundo infantil, que cuestiona diversos roles e que presenta distintas realidades baixo outras miradas.
Premio Lazarillo de creación literaria 2014.
- Mozas/os e adultas/os:
Hombres buenos, de Arturo Pérez-Reverte
Alfaguara
A finais do século XVIII, dous membros da Real Academia Española viaxan a París para mercar a Encyclopédie que estaba prohibida en España, pero unha serie de intrigas de persoas que non queren que esta obra chegue a España, converterán esta viaxe nunha auténtica aventura chea de sobresaltos.
Ao longo da obra o autor mestura ficción e historia, invención e datos verídicos. Segundo nos vai presentando o relato, tamén nos vai explicando como se documentou: que obras e mapas utilizou, a onde viaxou para coñecer de cerca os distintos lugares, quen o informou, etc. Neste aspecto tamén hai que aclarar que algunhas das fontes documentais que di que consultou son tamén ficticias.
Pérez-Reverte sabe que na biblioteca da Real Academia Española existe unha colección completa da Encyclopédie. A partir deses datos históricos, o autor constrúe esta novela como unha homenaxe á institución da que é membro, pero tamén ao racionalismo e á Ilustración.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario