31/5/13

Recomendacións en Radioleiros: 31 de maio


- Infantil e Xuvenil (a partir de 10 anos):


Un fermoso libro que nos presenta a Daniela, unha nena que fai amizade cun extraterrestre.

Daniela é unha nena de 9 anos, que vai pasar uns días na casa da súa avoa, en Mondoñedo, por mor
de que a súa familia vai cambiar de residencia de Lugo para Vigo, e teñen que trasladar os mobles e demais pertenencias.


Ao día seguinte de chegar, decide explorar o faiado, o único lugar prohibido da casa. Abre un baúl que está cheo de libros e leva un enorme susto porque de alí sae un rato que se pon a falar con ela en diferentes idiomas. Un rato que se pode transformar en diferentes animais ou persoas. En realidade non é un rato é un extraterrestre...

Con esta obra Agustín Fernández Paz prantéxanos como se pode establecer amizade entre seres tan diferentes, como se poden axudar mutuamente, ao mesmo tempo que fai unha defensa da utilidade das redes sociais.

- Mozos/as e Adultos/as:



"La hija del Este" é unha novela que mestura realidade e ficción, datos verídicos ao lado de rumores e conxecturas, que reflexiona sobre a manipulación política, ao mesmo tempo que nos presenta a relación entre un pai e a súa filla e nos achega aos terribles episodios da Guerra da ex-Iugoslavia.

A protagonista é Ana Mladić, filla do xeneral serbio Ratko Mladić. En marzo de 1994, Ana Mladić suicídase ao regresar dunha viaxe a Moscú, que realizou xunto cuns compañeiros da Facultade de Medicina de Belgrado. Ana era unha das mellores alumnas desa facultade, unha moza guapa, intelixente e cun bo porvir. O pai non quería que ela fixera esa viaxe, na que vai descubrir que o que ela pensa del, ao que tanto quere e admira, non é totalmente certo. Seu pai era para ela o único home en quen confiar e negábase a crer que fose certo o que oía, pensaba que eran mentiras inventadas para difamalo, pero cando comeza a comprender que é verdade, todo o seu mundo se ven abaixo.

Alternan capítulos con acontecementos da vida familiar e do que lle vai sucedendo en Moscú, con outros nos que se presenta parte da historia de Serbia, dos antepasados serbios, dos mosteiros, pero principalmente o referente á batalla do rei Lazar fronte aos turcos no ano 1389 e que marcaría o destino de Serbia ata principios do século XX. Seiscentos anos despois o dirixente serbio Slobodan Milosevic, visitou o lugar (chamado Campo dos Mirlos) e ante a memoria do rei mártir Lazar, que fora traizoado, xurou que nunca máis volverían a derrotar ao seu pobo, pero nesta época os inimigos xa eran os musulmáns bosnios e os croatas. Hai que ter en conta que a organización dos ustachas croatas foran colaboradores dos nazis.

É unha novela interesante, principalmente para todas as persoas que queiran saber algo máis sobre o conflito dos Balcáns e algunhas das causas da disgregación da antiga Iugolasvia, pero non é fácil de ler pola temática que trata e porque ten capítulos moi duros sobre batallas e matanzas que nestas se produciron. Nela tamén vemos como algúns gobernantes, militares e dirixentes políticos sen escrúpulos (para conseguir os obxectivos que se propoñen) manipulan á poboación, a través de discursos, documentais, medios de comunicacións e intelectuais afíns.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario