3/11/23

Ler conta moito, Obradoiros e a Hora do conto: 8 a 10 de novembro de 2023

Ler conta moito, Obradoiros e a Hora do conto: 8 a 10 de novembro de 2023
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. 
Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas. 

Mércores 8 de novembro, ás 18:30  
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 338)
TÍTULO: “Que comen as bruxas?”
CONTACONTOS: Pavís Pavós

Xoves 9 de novembro, ás 18:30
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 639 511)
TÍTULO: “Debulendo lendas galegas”
CONTACONTOS: Tarabelos

Venres 10 de novembro, ás 18:30
Para crianzas a partir de 5 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 664 257)
TÍTULO: “A gran aventura dos animais”
CONTACONTOS: Trémola Teatro
AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

Recomendacións en Radioleiros: 3 novembro 2023

"Peixe" de de Emilio Urberuaga, ilustrado por Javier Zabala
Recomendacións en Radioleiros: 3 novembro 2023- Infantil (crianzas menores de 8 anos):
"Peixe" de Emilio Urberuaga, ilustrado por Javier Zabala. Editado por Bululú.
Dous premios nacionais de ilustración xuntos crean este fermoso álbum ilustrado, unha extraordinaria historia de inconformismo e superación.
Peixe vivía no mar e aburríase de ver outros peixes, asomaba a cabeza fóra da auga e gozaba mirando o ceo. Un día impulsándose coa súa aleta caudal conseguiu chegar á praia. Ao principio custáballe respirar, claro é un peixe, pero pouco a pouco foise acostumando, incorporouse sobre a cola e comezou a camiñar...
Cunha gran creatividade realizan este orixinal e extravagante conto sobre un celacanto (uns peixes que se crían extintos, que xunto cos peixes pulmonados, son os seres vivos mariños máis cercanos aos vertebrados terrestres) cunhas singulares e coloridas ilustracións. Un magnífico canto á liberdade e ao desenvolvemento persoal.
"14 de abril" de Paco Cerdá- Mocidade e persoas adultas:
"14 de abril" de Paco Cerdá. En Libros del Asteroide.

Versión dixital en eBiblio

II Premio de No Ficción Libros del Asteroide, Premio das Librerías de Navarra 2023, Premio da Crítica Valenciana 2023

O 14 de abril de 1931 foi proclamada en España a II República, en substitución da monarquía de Alfonso XIII, debido a que o 12 de abril houbo eleccións municipais gañadas nas grandes cidades por formacións contrarias á monarquía.
Neste ensaio Paco Cerdá achégase a este momento histórico, ao que aconteceu ese día en distintos lugares de España: Madrid, Barcelona, Éibar, Moaña, etc.
Dividido en oito capítulos que levan o nome das horas canónicas. O primeiro é Prima, abarca das 6 ás 9 horas, despois virá Tercía, Sexta, etc. ata finalizar en Maitines de 0 a 3 h do día seguinte e en Laudes das 3 ás 6 horas. En total, 24 horas, nas que o autor reconstrúe diversos acontecementos. O que lle sucedeu a distintas persoas: unhas descoñecidas como obreiros, unha mariscadora, un telegrafista morto en Barcelona por unha bala perdida, etc.; outras que co tempo serían importantes como Santiago Carrillo que tiña 16 anos e vivía en Madrid. Pero tamén se achega á figura de Alfonso XIII, á marcha do monarca ás 21 horas, primeiro por terra cara Cartagena e desde alí no buque Príncipe Alfonso cara Cádiz para recoller ao infante Don Juan, antes de viaxar ao exilio e á da raíña Victoria Eugenia, que sairá de Madrid, algo máis tarde, nun tren rumbo ao desterro, acompañada dos outros fillos e fillas.
Para os que o autor denomina esquecidos da Historia, que foron persoas que faleceron ese día por causas non naturais (cargas da Garda Civil, etc) foi fundamental a revisión das hemerotecas, como o caso dun encadernador en paro ferido nunha manifestación que pedía o fin da monarquía, Emilio Arauzo Honorio, co que abre e pecha o libro; ou de Cándida Lago que inicia o segundo capítulo; ou o de Teresa Claramunt no que se aproxima á morte e enterro desta anarquista.
Todos os relatos son reais: declaracións, detalles, nomes. Todo está documentado en diversas fontes: xornais, libros, arquivos fotográficos, vídeos, ensaios, teses doutorais, incluso os telegramas que o embaixador americano enviou nesa xornada.
O autor localiza pequenas historias que vai reconstruíndo, reflectindo a tensión e expectación dese histórico día.
Desde a editorial indican que é unha mirada humana que busca tanto aos grandes protagonistas do momento como aos anónimos participantes nesa xornada transcendental. Un solo día no que caben, como nunha traxedia shakespeariana, todos os sentimentos: a ilusión das masas, o medo da familia real, a ansiedade dos presos, a ambición polo poder, a lealdade a unhas ideas, a esperanza colectiva e a dor das vítimas. 
Unha crónica conmovedora, moi ben documentada, que reflicte o sentir da sociedade, non solo polo que narra senón tamén pola sensibilidade con que o narra. Un libro ben escrito, con distintas historias curtas (moitas delas de persoas descoñecidas) que nos aproximan dunha forma magnífica ao acontecido.
“Co pulso do cronista, o rigor do investigador e a prosa do novelista, Paco Cerdà afronta unha ambiciosa empresa: a de contar a chegada da Segunda República a través dos ollos dos que a desexaban e dos que a temían. Como resultado, esta narración trepidante, apaixonada” Elvira Lindo.
“Unha obra que conxuga a lente do xornalismo cunha prosa de enorme estilo literario e que afonda con audacia en todo o que non se conta desa emblemática data” J. Ors (Cultura de La Razón).
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

2/11/23

Presentación do libro de Silvia Salgado "Verde en el tejado" no Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga

Presentación do libro de Silvia Salgado "Verde en el tejado" no Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga
No Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga -sito nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora- Rúa Casares Quiroga nº 29, Liáns (Oleiros), o venres 3 de novembro ás 19:00, terá lugar a presentación da última obra literaria de Silvia Salgado, "Verde en el tejado".
O aforo é limitado, confirma a túa asistencia a través do seguinte FORMULARIO ou no tlf. 981 630 618.

Publicada por Hércules de Ediciones, "Verde en el tejado" mestura literatura, natureza e vida. A través dunha prosa que rexistra un profundo lirismo, a autora escribe unha fermosa historia de amor en todas as súas dimensións. Un eloxio á vida e á beleza que se atopan nos detalles máis sinxelos, como as flores e os libros. 
Silvia Salgado naceu en Barcelona en 1974. Licenciada en Ciencias Políticas pola Universitat Autònoma de Barcelona, ten un posgraduado en Xornalismo acreditado pola Columbia University de Nova York. É autora das novelas "Mientras hilan las mariposas" (2016), "La aldea" (2017), "El intermedio que somos" (2019) e "Si te vuelves invierno" (2021), todas elas presentadas na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz). Colabora como columnista en El ideal gallego. Profesora de obradoiros de escritura creativa, fomenta, coordina e dirixe varios clubs de lectura, como o da Biblioteca Municipal Mª José Trincado, Mera. Na actualidade, reside coa súa familia nesta localidade costeira de Oleiros. Declárase para sempre unha amante amateur da fotografía.
Silvia é, ademáis, usuaria habitual das bibliotecas municipais do Concello de Oleiros e do Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, onde se documentou para a escritura desta quinta novela. 

30/10/23

Tertulia literaria en Mera: luns 30 outubro 2023 (Grupo B)

Biblioteca "María José Trincado". Mera.
19 a 20:30 h.

Primeira sesión do grupo B. Moderada por Silvia Salgado.
Presentación e comentario de "Delirio" de Laura Restrepo.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Nada se opone a la noche" de Delphine de Vigan.

28/10/23

Ler conta moito, Obradoiros e a Hora do conto: 2 e 3 de novembro de 2023

Ler conta moito, Obradoiros e a Hora do conto: 2 e 3 de novembro de 2023
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza.
 
Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas. 

Biblioteca Municipal Xograr Mendiño (Lorbé)
Xoves 2 de novembro, ás 17:30  
Para crianzas de 6 anos en adiante (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 618 201)
OBRADOIRO: “Dexo é un desexo”
MONITORADO: Colectivo Mirlotil

Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Xoves 2 de novembro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
TÍTULO: “Quen dixo medo!”
CONTACONTOS: Charo Pita

Biblioteca Municipal Mª José Trincado (Mera)
Venres 3 de novembro, ás 18:30  
Para crianzas de 5 anos en adiante (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 628 507)
TÍTULO: “Querida ovella negra”
CONTACONTOS: Trinketrinke Teatro
AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

27/10/23

Ler para saber A CIENCIA: 27 de outubro 2023

Uxía Rodríguez Lavandeira. Dietista e nutricionista no Hospital da Coruña (CHUAC).
Charla de divulgación científica dirixida á poboación infantil (a partir de 10 anos), adolescentes e público en xeral.

Día: Venres, 27 de outubro.
Lugar: Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Hora: 18:30 h.

Alimentación saudable na idade escolar
Dietista e nutricionista no Hospital da Coruña (CHUAC).

Seleccionamos para ti títulos relacionados con este tema. Preme na ligazón.

Recomendacións en Radioleiros: 27 outubro 2023

- Infantil (a partir de 6 anos):

Que teñen que ver as vacas co cambio climático?, de Marián Martínez Izquierdo e Luisa Martínez Lorenzo
Hércules

Unha explicación sobre como funciona o planeta e o papel que temos as persoas como consumidoras de recursos. Boas ilustracións.

- Mocidade e persoas adultas:

Nazis en la Costa del Sol, de José Manuel Portero
Almuzara

Versión dixital en eBiblio

Neste recuncho do Mediterráneo viviron durante décadas ducias de criminais nazis protexidos polas autoridades españolas. Coincidencias ideolóxicas e intereses económicos xuntáronse nesta etapa, favorecidos pola Guerra Fría.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

26/10/23

Recital de poesía e música con Yolanda Castaño e Isaac Garabatos: 26 de outubro 2023

Teatro “As Torres” de Santa Cruz.
Xoves 26 de outubro ás 19 h.

Intervirán: a escritora Yolanda Castaño e o músico e compositor Isaac Garabatos.

Yolanda Castaño é Premio Nacional de Poesía 2023 pola súa obra “Materia”. Segundo o xurado, o poemario “mostra unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á vez, directa, radical e feminista. Explora, de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes, e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o establecido”.

Yolanda Castaño é poeta, filóloga e unha activa xestora cultural, coa súa propia residencia para escritoras e escritores na Coruña. A súa ampla e premiada obra está dispoñible nas Bibliotecas de Oleiros.

Isaac Garabatos é un dos músicos e compositores máis versátiles do panorama musical galego. Realizou traballos para obras de danza, teatro, curtametraxes e grupos de diversos estilos musicais.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo

24/10/23

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 25 outubro 2023 (Grupo B)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
17:30 a 19:30 h.

Primeira sesión do grupo B. Moderada por Cecilia Monllor.

Presentación e comentario de "Sobre los huesos de los muertos" de Olga Tokarczuk.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "As malas mulleres" de Marilar Aleixandre.

21/10/23

Conmemoración do Día das Bibliotecas nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros

O lema do Ministerio de Cultura y Deporte deste ano para a celebración do Día das Bibliotecas é "Tecendo comunidades".
Sumámonos a esta cita porque imaxinamos as bibliotecas como teares onde se establecen relacións, se incrementan os coñecementos... 

"Tecendo comunidades" salienta a importante función social das bibliotecas xa que contribúen a dar forma á nosa comprensión colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un espazo seguro para o medre persoal e colectivo. Cada visita, cada lectura, cada conversa, aporta o seu fío único a este tecido comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas diferencias e similitudes únense, amosando a diversidade e a riqueza dos nosos contornos.

Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, desde o día 23 ao 27 de outubro, co obxectivo de festexar esta conmemoración realizaremos diversas actividades.

Teatro "As Torres". Santa Cruz.

Recital de poesía e música a cargo da escritora Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía pola súa obra "Materia", acompañada do músico e compositor Isaac Garabatos.
Xoves, 26 de outubro, ás 19 h.
A voz de Yolanda Castaño únese ás composicións musicais de Isaac Garabatos, en diálogo constante entre música e poesía, nun espectáculo de gran calidade artística e cargado de emocións.
Invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo, para que gocen coa poesía e coa música.

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.

Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica composta por obras que presentan historias de xentes que atan lazos, establecen
unións, conforman ligazóns, crean comunidades e lugares referenciais onde estenden o tecido da vida. As bibliotecas queremos ser abrigo para as persoas que a elas se acheguen na procura dun cobertor de palabras, trama e urdido de verbas que ao entrenzárense compoñen textos que son a alma, a fantasía e a ligadura dos libros. Suxestións que procuran o gozo da nosa fabulosa sociedade de lectoras e lectores.

Contos, Cubismo e artistas do Vangardismo!
Obradoiro a cargo do colectivo Mirlotil, o 26 de outubro, ás 17:30 h., dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Poderán realizar creacións propias con técnicas como o debuxo sobre acetato, collage ou pintura e gozarán a través dos libros de obras de artistas como Picasso, Laxeiro, Seoane ou Maside.

Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro". Santa Cruz.

Protagonista a biblioteca
Selección de libros, para nenos e adultos, que teñen como protagonista ás bibliotecas e aos bibliotecarios: La biblioteca de los muertos, Colección Harry Potter,  La bibliotecaria de Basora, El libro de las horas, etc  
Marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día das Bibliotecas.

Contacontos "Riciños de ouro", por Trinke Trinke Teatro
O 25 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Riciños de ouro" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera.

Tecendo comunidades
Expoñeranse libros, para todas as idades, que falen ou teñan como escenario as bibliotecas e os libros.

Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros.

Ai, que medo!
Mostra bibliográfica  para o público infantil e xuvenil "Ai, que medo!" con contos de cabazas, casas
enmeigadas, estrañas visitas, vampiras, minimortos, cociñeiras defuntas, zombis, monstros  e pantasmas.

Tecendo comunidades
Mostra bibliográfica, para a mocidade e persoas adultas, composta por libros de autores e autoras locais ou que teñen unha especial relación con Oleiros.

Contacontos "Leo e as cores", por Trémola Teatro
O 24 de outubro, ás 18:30 h, contacontos titulado "Leo e as cores" para crianzas de 2 a 4 anos.

Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.

Biblioteca Pública Municipal "Mª José Ruso". Dorneda.

Mirar un libro
Selección de libros singulares que destacan pola súa encadernación, deseño e ilustracións. Libros para mirar, sentir e ler.

Pasatempos A voltas coa biblioteca
As nenas e nenos poderán realizar diversos xogos e pasatempos relacionados co mundo da biblioteca.

Contacontos "O conto de sempre contado ao revés", por Fran Amil
O 23 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "O conto de sempre contado ao revés" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Ánxel Fole". Nós.

Contando bibliotecas
Mostra bibliográfica con obras literarias que falan de bibliotecas ou de bibliotecarios/as para público infantil.

Marcapáxinas para colorear
Para o público infantil repartiremos marcapáxinas para colorear conmemorativos do Día da Biblioteca.

Contacontos "Ollo, piollo", por Chus Álvarez
O 27 de outubro, ás 18:30 h, contacontos "Ollo, piollo" para crianzas de 2 a 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño". Lorbé.

Libros dentro de libros
Mostra bibliográfica, para todos os públicos, coa temática das bibliotecas, librerías e libros.

Sobre sorpresa
Sobre sorpresa para nenas e nenos que incluirán: unha lectura infantil e un marcapáxinas para colorear.



20/10/23

Ler conta moito, Obradoiros e a Hora do conto: de 23 a 27 de outubro de 2023

- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza.
 
Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das mesmas.  

Luns 23 de outubro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 638)
TÍTULO: “O conto de sempre contado ao revés”
CONTACONTOS: Fran Amil

Martes 24 de outubro, ás 18:30
Para crianzas de 2 a 4 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 610 700)
TÍTULO: “Leo e as cores”
CONTACONTOS: Trémola Teatro

Mércores 25 de outubro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos Aforo completo!!!
TÍTULO: “Riciños de ouro”
CONTACONTOS: Trinketrinke Teatro

Xoves 26 de outubro, ás 17:30  
Para crianzas de 6 anos en adiante (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 639 511)
OBRADOIRO: “Contos, Cubismo e artistas do Vangardismo”
MONITORADO: Colectivo Mirlotil

Venres 27 de outubro, ás 18:30  
Para crianzas de 2 a 4 anos (Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 664 257)
TÍTULO: “Ollo, piollo”
CONTACONTOS: Chus Álvarez
AVISO
A-o adulta-o responsable de cada menor de idade deberá permanecer necesariamente no recinto da biblioteca ata que remate a actividade e recolla a-o nena-o.

Recomendacións en Radioleiros: 20 outubro 2023

- Infantil (a partir de 4 anos):

Cinco minutos más, de Marta Altés
Blackie Books

Unha historia protagonizada por dous encantadores raposiños e o seu pai. Unha reflexión sobre o diferente que vemos o paso do tempo as persoas adultas e os nenos e nenas. O pai parece que sempre ten presa por chegar ao cole, á piscina, para facer a cea, para todo, mentres que os pequenos sempre teñen tempo de sobra. Esta diferenza na maneira de medir o tempo está presente en todas as páxinas do libro que conta cunhas preciosas ilustracións para que pequenas e pequenos poidan seguir fácilmente a historia.

- Mocidade e persoas adultas:

Rosa, de Gaëlle Geniller
La Cúpula

Cóntanos a historia de Rosa, un rapaz criado pola súa nai, quen rexenta “O Xardín”, un cabaret parisino de principios do século XX no que cada bailarina ten nome de flor. O rapaz crecerá vendo ensaiar e actuar a estas mulleres que pronto se decatan de que Rosa leva o baile no seu interior. Convertirase na máxima sensación parisina. Pero el é unha persoa tranquila que aspira a levar unha vida sinxela vivindo con normalidade a súa ambigua identidade sexual. Todos os personaxes están moi ben definidos grazas aos marabillosos e elegantes trazos da autora. Esta obra celebra a diferenza a través dun belísima despregadura visual.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

18/10/23

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 18 outubro 2023 (Grupo A)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
17:30 a 19:30 h.

Primeira sesión do grupo A. Moderada por Cecilia Monllor.

Presentación e comentario de "Denuncia inmediata" de Jeffrey Eugenides.
Documentación.

Ao remate da sesión entregaráse a seguinte lectura: "Llévame a casa" de Jesús Carrasco.