20/10/23

Recomendacións en Radioleiros: 20 outubro 2023

- Infantil (a partir de 4 anos):

Cinco minutos más, de Marta Altés
Blackie Books

Unha historia protagonizada por dous encantadores raposiños e o seu pai. Unha reflexión sobre o diferente que vemos o paso do tempo as persoas adultas e os nenos e nenas. O pai parece que sempre ten presa por chegar ao cole, á piscina, para facer a cea, para todo, mentres que os pequenos sempre teñen tempo de sobra. Esta diferenza na maneira de medir o tempo está presente en todas as páxinas do libro que conta cunhas preciosas ilustracións para que pequenas e pequenos poidan seguir fácilmente a historia.

- Mocidade e persoas adultas:

Rosa, de Gaëlle Geniller
La Cúpula

Cóntanos a historia de Rosa, un rapaz criado pola súa nai, quen rexenta “O Xardín”, un cabaret parisino de principios do século XX no que cada bailarina ten nome de flor. O rapaz crecerá vendo ensaiar e actuar a estas mulleres que pronto se decatan de que Rosa leva o baile no seu interior. Convertirase na máxima sensación parisina. Pero el é unha persoa tranquila que aspira a levar unha vida sinxela vivindo con normalidade a súa ambigua identidade sexual. Todos os personaxes están moi ben definidos grazas aos marabillosos e elegantes trazos da autora. Esta obra celebra a diferenza a través dun belísima despregadura visual.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario