3/11/23

Recomendacións en Radioleiros: 3 novembro 2023

"Peixe" de de Emilio Urberuaga, ilustrado por Javier Zabala
Recomendacións en Radioleiros: 3 novembro 2023- Infantil (crianzas menores de 8 anos):
"Peixe" de Emilio Urberuaga, ilustrado por Javier Zabala. Editado por Bululú.
Dous premios nacionais de ilustración xuntos crean este fermoso álbum ilustrado, unha extraordinaria historia de inconformismo e superación.
Peixe vivía no mar e aburríase de ver outros peixes, asomaba a cabeza fóra da auga e gozaba mirando o ceo. Un día impulsándose coa súa aleta caudal conseguiu chegar á praia. Ao principio custáballe respirar, claro é un peixe, pero pouco a pouco foise acostumando, incorporouse sobre a cola e comezou a camiñar...
Cunha gran creatividade realizan este orixinal e extravagante conto sobre un celacanto (uns peixes que se crían extintos, que xunto cos peixes pulmonados, son os seres vivos mariños máis cercanos aos vertebrados terrestres) cunhas singulares e coloridas ilustracións. Un magnífico canto á liberdade e ao desenvolvemento persoal.
"14 de abril" de Paco Cerdá- Mocidade e persoas adultas:
"14 de abril" de Paco Cerdá. En Libros del Asteroide.

Versión dixital en eBiblio

II Premio de No Ficción Libros del Asteroide, Premio das Librerías de Navarra 2023, Premio da Crítica Valenciana 2023

O 14 de abril de 1931 foi proclamada en España a II República, en substitución da monarquía de Alfonso XIII, debido a que o 12 de abril houbo eleccións municipais gañadas nas grandes cidades por formacións contrarias á monarquía.
Neste ensaio Paco Cerdá achégase a este momento histórico, ao que aconteceu ese día en distintos lugares de España: Madrid, Barcelona, Éibar, Moaña, etc.
Dividido en oito capítulos que levan o nome das horas canónicas. O primeiro é Prima, abarca das 6 ás 9 horas, despois virá Tercía, Sexta, etc. ata finalizar en Maitines de 0 a 3 h do día seguinte e en Laudes das 3 ás 6 horas. En total, 24 horas, nas que o autor reconstrúe diversos acontecementos. O que lle sucedeu a distintas persoas: unhas descoñecidas como obreiros, unha mariscadora, un telegrafista morto en Barcelona por unha bala perdida, etc.; outras que co tempo serían importantes como Santiago Carrillo que tiña 16 anos e vivía en Madrid. Pero tamén se achega á figura de Alfonso XIII, á marcha do monarca ás 21 horas, primeiro por terra cara Cartagena e desde alí no buque Príncipe Alfonso cara Cádiz para recoller ao infante Don Juan, antes de viaxar ao exilio e á da raíña Victoria Eugenia, que sairá de Madrid, algo máis tarde, nun tren rumbo ao desterro, acompañada dos outros fillos e fillas.
Para os que o autor denomina esquecidos da Historia, que foron persoas que faleceron ese día por causas non naturais (cargas da Garda Civil, etc) foi fundamental a revisión das hemerotecas, como o caso dun encadernador en paro ferido nunha manifestación que pedía o fin da monarquía, Emilio Arauzo Honorio, co que abre e pecha o libro; ou de Cándida Lago que inicia o segundo capítulo; ou o de Teresa Claramunt no que se aproxima á morte e enterro desta anarquista.
Todos os relatos son reais: declaracións, detalles, nomes. Todo está documentado en diversas fontes: xornais, libros, arquivos fotográficos, vídeos, ensaios, teses doutorais, incluso os telegramas que o embaixador americano enviou nesa xornada.
O autor localiza pequenas historias que vai reconstruíndo, reflectindo a tensión e expectación dese histórico día.
Desde a editorial indican que é unha mirada humana que busca tanto aos grandes protagonistas do momento como aos anónimos participantes nesa xornada transcendental. Un solo día no que caben, como nunha traxedia shakespeariana, todos os sentimentos: a ilusión das masas, o medo da familia real, a ansiedade dos presos, a ambición polo poder, a lealdade a unhas ideas, a esperanza colectiva e a dor das vítimas. 
Unha crónica conmovedora, moi ben documentada, que reflicte o sentir da sociedade, non solo polo que narra senón tamén pola sensibilidade con que o narra. Un libro ben escrito, con distintas historias curtas (moitas delas de persoas descoñecidas) que nos aproximan dunha forma magnífica ao acontecido.
“Co pulso do cronista, o rigor do investigador e a prosa do novelista, Paco Cerdà afronta unha ambiciosa empresa: a de contar a chegada da Segunda República a través dos ollos dos que a desexaban e dos que a temían. Como resultado, esta narración trepidante, apaixonada” Elvira Lindo.
“Unha obra que conxuga a lente do xornalismo cunha prosa de enorme estilo literario e que afonda con audacia en todo o que non se conta desa emblemática data” J. Ors (Cultura de La Razón).
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario