5/5/20

Vemos pola fiestra a... Jacqueline e Albertine! #EuQuedoNaCasa #yomequedoencasa

http://revistababar.com/wp/jacqueline-woodson-y-albertine-premios-hans-christian-andersen-2020
A escritora estadounidense Jacqueline Woodson e a ilustradora suíza Albertine foron as gañadoras do Premio Hans Christian Andersen 2020. O Premio Hans Christian Andersen outórgao cada dous anos o International Board on Books for Young People (IBBY). 
Este galardón está considerado como o pequeno Premio Nobel da narrativa infantil. É o máis alto recoñecemento internacional outorgado a autoras-es e ilustradoras-es de libros infantís e xuvenís e os criterios utilizados para avaliar as nominacións teñen en conta a calidade estética e literaria, o frescor e innovación do traballo das-dos nominadas-os, a capacidade de ver o punto de vista da-do nena-o e estimular a súa curiosidade. O premio básase en toda unha traxectoria, non só nunha obra. 
Parabéns, Jacqueline e Albertine!
Cando volvamos a vernos, leva en préstamo algún dos libros ilustrados por Albertine que temos en Bibloleiros. Non te podes perder os preciosos álbumes "Los pájaros" e "Los rascacielos".

Pola fiestra vemos... un malévolo virus que imos vencer! #EuQuedoNaCasa #yomequedoencasa

https://www.julianmarquina.es/cuentos-infantiles-gratis-para-explicar-a-los-peques-que-es-el-coronavirus
Existen numerosos contos infantís para explicar ás-aos peques que é o coronavirus e por que temos que esmerarnos coa hixiene, etc.
Esta escolla de Julián Marquina ofrece 13 libros de historias entretidas e divertidas, con explicacións sinxelas e educativas. Uns poden ser lidos polas-os cativas-os sen necesidade de acompañamento. Para a lectura doutros títulos, é mellor que esta se realice en compañía dunha-dun maior.

Uns amosan a maneira en que as-os adultas-os entenden e axudan a xestionar os sentimentos e emocións das-dos pequenas-os, outros, de que maneira nenas e nenos poden resolver moitas das súas dúbidas con explicacións básicas.

Ofrecen retos a conseguir e técnicas para crear rutinas, como o lavado de mans... Son moi recomendables para familias, persoal docente, bibliotecario …
Fonte: Julián Marquina

Grazas a todas-os as-os creadoras-es que ofreceron o seu talento de xeito altruista para axudar a parar o contaxio da enfermidade e da desinformación!

Abrimos a fiestra e vemos a... Galdós! #EuQuedoNaCasa #yomequedoencasa

http://www.casamuseoperezgaldos.com/es/obra-completa-en-epub
Este é o ano Benito Pérez Galdós. Un dos escritores realistas máis representativos do século XIX europeo. Celébrase o centenario do pasamento do escritor canario. Canarias é a terra de Galdós; é por iso que nas illas programáronse representacións escénicas, concertos, exposicións, libros, charlas, obradoiros... para coñecer a biografía e a obra do escritor nado nas Palmas de Gran Canaria. A Biblioteca Nacional de España organizou a exposición "La verdad humana", que se puido contemplar en Madrid ata febreiro deste ano. Neste momento en que temos que ficar na casa podemos ler a Galdós en formato dixital e de balde.
A Consejería de Cultura do Cabildo grancanario, propúxose en 2005 a tarefa de publicar a obra completa do escritor canario baixo o título "Arte, Naturaleza y Verdad". Máis dun oitenta por cento das obras están aloxadas na web da Casa-Museo Pérez Galdós. Esta colección reúne por vez primeira en España a obra completa e revisada de Pérez Galdós. Despois de oito anos de traballo a colección quedou conformada por 29 tomos. ‘Arte, Naturaleza y Verdad’ quere dar a coñecer a inmensa aventura literaria de Galdós acompañada da mirada de grandes escritores e estudosas-os galdosianas-os que foron prologando cada un dos títulos. 

Adéntrate en cincuenta anos de escritura, mergúllate na realidade do tempo galdosián, no seu universo de ficción ben armado e congruente de vontade de constancia socio-histórica! 

4/5/20

Abre a fiestra que... Aí vén o maio de frores cuberto!!! #MesDasLetras #EuQuedoNaCasa

https://youtu.be/m-Zv4dqcKqQ
Chegou maio a toda Galicia e nalgúns lugares, os maios, celébranse (neste momento de xeito virtual) con moita forza. Este ano toca facelo de xeito diferente. Eis algunha das convocatorias como "Cantádeme un maio", iniciativa que puxeron en marcha diferentes colectivos que participan desta festa en Ourense. O proxecto propón elaborar maios co material que haxa na casa e coplas para os acompañar. O web da proposta publicará o material recibido, ademais de achegar axudas á composición de coplas e falar sobre a festividade. A Youtubeira "Nubes baixo ti" elaborou na súa canle un titorial sobre a elaboración destas composicións tradicionais. O Consello da Cultura Galega estreou o primeiro de maio no seu web e redes sociais esta fermosa versión do poema "O maio" de Manuel Curros Enríquez, intepretado por nov@s músic@s galeg@s.
Fonte: culturagalega
Anímate a facer un maio caseiro e compartilo connosco! Envíanos foto a biblioteca.rialeda@oleiros.org ou a través do noso Contacta

Abrimos o luns a fiestra a... "Luns" de Eli Ríos! #MesdasLetras

https://vinte.praza.gal
Comezamos o mes de maio cun certo alivio nas condicións de vida destes últimos 50 días. Seguiremos administrando con responsabilidade a recuperación de hábitos como... camiñar ao aire libre!
Comezamos maio con sol e calor e as Letras Galegas petando na porta. Ricardo Carvalho Calero será celebrado nas nosas entradas e con el a lingua e literatura galegas. 
Comezamos este primeiro luns de maio coa suxestión de lectura de, precisamente, "Luns" de Eli Ríos. Este libro foi recomendado en Radioleiros. Escoita aquel consello de lectura e estoutro que ven a través do podcast de "Nalingua, lecturas dun neofalante", proxecto desenvolvido polo Laboratorio de Radio para Vinte co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Como di a cabeceira do podcast "Aquí non temos presa falamos a modiño, dámoslle conversa aos vellos e aos meniños, mediante un debate ben feitiño e relaxante, impresións interesantes dun neofalante...". Outras suxestións de lectura de Nalingua foron, "O misterio dos fillos de Lúa", "A Esmorga" e "Anagnórise". Lucía Abarrategui e Sergio Pascual forman Laboratorio de Radio, un proxecto profesional de xornalismo e educación que buscar usar a radio como ferramenta social.

En GaliciaLe podes ler "Luns" de Eli Ríos

30/4/20

Mes do Libro 2020: E ti, onde les? #euquedonacasa #yoquedoencasa

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=32371&folderId=36737&name=DLFE-31959.pdf 

E ti, onde les? no sofá da sala, na cama do teu cuarto, sobre o tacto lene dunha alfombra... 

 
En Bibloleiros ideamos esta guía de lecturas, para todos os gustos, para nen@s e moz@s, en galego e castelán. Cada libro ten o seu lugar axeitado de lectura, escolle o teu e accede a GaliciaLe e eBiblio para gozar dalgunha destas 56 suxestións. Compárteas con amig@s! 


Na fin de semana abrimos a fiestra... aos contos! #EuQuedoNaCasa #yomequedoencasa

https://www.instagram.com/savewithstories
As actrices Jennifer Garner e Amy Adams promoveron a campaña solidaria “Save With Stories” (Salvar con contos) coas ONG Save the Children e No Kid Hungry. Ofrecen historias a través de Instagram para proporcionar entretemento ás-aos cativas-os "atrapados" na casa durante o brote de coronavirus. Neste programa de axuda colaboran moitas persoas relacionadas coas artes escénicas: actrices e actores, cantantes, bailarinas e bailaríns, modelos, e escritoras-es. Nesta ligazón podes escoitar todas as historias. A maior parte dos contos están narrados en inglés pero poderás escoitar algúns en español ou francés. Algunhas-algúns das-dos participantes son a cantante Angélique Kidjo, que le en francés "Thelma la licorne". O actor Jude Law conta a versión inglesa de "Los tres erizos" de Javier Sáez Castán. A actriz Glenn Close conta "Millions of cats". A actriz Zoe Saldana le en español "¿Cómo dan las buenas noches los dinosaurios?". Yaya DaCosta, o precioso "Tenemos el mundo entero en las manos". O bailarín Lil’Buck, conta co corpo unha fermosa historia bailando na rúa. Tamén participa o escritor John Grisham. Actrices como Olivia WildeAlan Cumming, Julianna Margulies, Kate Winslet, Jamie Lee Curtis, a modelo Winnie Harlow e un longo etcétera.

Abrimos a fiestra a... Guadi e a Mj Pérez! #EuQuedoNaCasa #YoMequedoEnCasa

https://youtu.be/ZkyHgy1Q-aE
Dúas recomendacións musicais para comezar a fin de semana. Dúas grandes artistas e dúas fermosas cancións. Guadi Galego & Banda Somerxida co tema "Xente" en versión confinada, gravado en directo desde as súas casa. Máis música de Guadi nesta ligazón.

Mj Pérezacompañada de Iván Bernárdez á guitarra, coa "Cumbia para quitar as penas", unha versión acústica do tema que está dentro do novo disco "A luz prendida". Hai un par de anos tivemos a sorte de contar con esta artista na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) onde presentou para o público de Oleiros o disco "Casandra"



29/4/20

Os libros, poemas, fanse... cancións. Vol. 3! #EuQuedoNacasa #yomequedoencasa

http://bibliotecasoleiros.blogspot.com/2020/04/os-libros-poemas-fanse-cancions.html
Máis literatura e máis música. Unha entrega nova a modo de lista de cancións que paga a pena escoitar.

- A música galega inspirada na literatura merece unha entrada propia. Entre tanto, eis a "Negra sombra" de Luz Casal.
"Negra sombra" de Rosalía de Castro, pertence ao poemario "Follas novas" (dispoñible en GaliciaLe), musicado por Xoan Montes, con arranxos de Carlos Núñez e cantado por Luz Casal. É o poema feito canción máis popular, ao que quizáis axudou a súa inclusión na banda sonora da película "Mar adentro".

Podería ser unha especie de himno para aspirantes a escritoras-es...

Artista de orixe arxentina fascinado pola poesía galega. Musicou 16 textos de "Poesía última de amor e enfermidade", de Lois Pereiro ("Antoloxía poética" en GaliciaLe), no disco "Lois Pereiro. Canción última". "En Leonberg", é unha delas.

É unha adaptación da historia infantil feita por Dr. Seuss, de título homónimo, do que podes ler "Un pez, dos peces, pez rojo, pez azul" en GaliciaLe.

‘Osaka’ é unha das primeiras cancións do grupo ourensán Os amigos dos músicos, adaptando o poema "A orquesta filarmónica de Osaka" de Carvalho Calero (protagonista das Letras Galegas 2020). 

Estes roqueiros británicos independientes fixeron unha canción sobre Onde viven os monstros de Sendak. 

Xoel López canta o poema de Álvaro Cunqueiro, "No niño novo do vento", como antes fixeran Luis Emilio Batallán (quen o musicou), Amancio Prada, Astarot, Milladoiro… En GaliciaLe, de Cunqueiro podes gozar de "Poesía 1933-1981".

Foi Bulgákov quen inspirou esta canción? Quizáis foi Baudelaire? Dá igual, a canción é estupenda!
En GaliciaLe, do autor ruso, tes "Corazón de perro".  Do francés, "Las flores del mal; El Spleen de París; Los paraísos artificiales".
On the road de Kerouac está presente na letra da canción. Pódese ser raíña da música comercial e ter un pé na literatura?

García Lorca é un gran inspirador de cancións. ‘Ciudad sin sueño’ é un poema de "Poeta en Nueva York" (dispoñible en GaliciaLe)  A canción pertence ao disco "Omega", esa marabillosa colisión entre o cantante flamenco Enrique Morente e o grupo de rock Lagartija Nick.

- "Take this waltz" interpretada polo músico e poeta Leonard Cohen.
É a versión máis internacional, realizada a partir de "Pequeño vals vienés", outro poema de "Poeta en Nueva York" (escoita a versión audiolibro en GaliciaLe). Lorca era un dos poetas preferidos de Cohen e nótase, o nome da súa filla é o segundo apelido do poeta granadino.

Fontes: Raquel C.Pico en libropatasRachel Semigran en Bustle, Fidel Oltra en Muzikalia  e Cris en disquecool 



Pola fiestra entran... unhas tesoiras e un estoxo de lapis de cores #EuQuedoNaCasa #YoMeQuedoEnCasa

https://www.fundaciontelefonica.com/cultura-digital/publicaciones/480/?_ga=1.160393981.1124622300.1461063705
Deixamos varias opcións para enredar con cousas chulas. Iso si, unha vez feitas as tarefas escolares e as de casa.
- O "Cuaderno de........., artista por descubrir" do ilustrador e dibuxante Puño
Dirixida a nenas-os e adultas-os (nais-pais e docentes). Coñece a forma de pensar e traballar de dezaoito artistas e aprende a utilizar diferentes técnicas artísticas. 

- Prepara tesouras e fita adhesiva para montar o "Ecosistema marino" cos recortables de Flamboyant.

- Crea unha escultura móbil estilo Calder con "Arte, crea tu libro" de Marion Deuchars.

- Do organismo francés Réunion des Musées Nationaux-Grand Palais, chégannos as pezas destes quebracabezas virtuais de famosos lenzos, con 3 niveis de dificultade. Para cativas-os, e non tanto. E a maiores, poderemos practicar a lingua francesa!

Abrir a fiestra e... bailar! #EuQuedoNacasa #yomequedoencasa

https://dia-internacional-de-la-danza-alicia-alonso.jimdosite.com
O 29 de abril é o Día Internacional da Danza e neste ano 2020, o mundo das artes escénicas celebra o centenario do nacemento de Alicia Alonso (1920-2019), Primma Ballerina Assoluta
Alicia Alonso, levou a danza á expresión suprema da arte. “A bailarina música, a bailarina artista, a bailarina incrible” así a chamou Teresa Berganza, e Dulce María Loynaz falou dela como unha luz que se move, leve, ondulosa, case traslúcida. En 1948, Alicia, xunto a Fernando e Alberto Alonso, funda en Cuba unha das escolas coreográficas máis importantes do mundo, o Ballet Nacional de Cuba (BNC), berce da súa metodoloxía, do seu legado académico e artístico.
O Teatro Real, para conmemorar esta data, preparou unha selección de obras na plataforma My Opera Player, á que se pode acceder de forma gratuita previo rexistro.
Son tres espectáculos: martes 28 de abril: L'Allegro, il Penseroso ed il Moderato do coreógrafo Mark Morris, 32 esceas inspiradas en pinturas de William Blake, sobre música de Georg Friedrich Händel. O mércores 29 de abril, El lago de los cisnes, interpretado polo Ballet de Santiago, desde o Municipal de Santiago-Ópera Nacional de Chile e o xoves 30 de abril, Bodas de sangreinspirado na obra de Federico García Lorca (á túa disposición en GaliciaLe ) en coreografía de Antonio Gades.

28/4/20

Abrimos a fiestra e entran... saborosos recendos! #EuQuedoNaCasa #yomequedoencasa

https://www.cultura.gob.cl/wp-content/uploads/2020/04/recetas-pueblos-originarios-2020.pdf
Quedar na casa está facendo aflorar habilidades nunca experimentadas ou agochadas, como a cociña. Moitas-os de nós vémonos entre aparellos que nunca antes utilizamos. Para aquelas-es que queren saír da súa zona de confort culinario, deixamos este libro de receitas de comidas tradicionais dos pobos orixinarios de Chile. Pratos como a kalapurka, pachamanka, mondongo, costillar de cabro con guiso de mote, charquicán de toyo ou pejegallo, causeo, tunu ahi ika, porotos con napor (yuyo) e pataska. As-os que se deixen vencer doadamente polo reto de cociñar estes sabores dirán que é difícil atopar os ingredientes necesarios.
Quen guste dos desafíos, saberá substituír aqueles de complicada consecución por outros elementos de produción local. Só a pronunciación dos nomes destes pratos fainos tan apetecibles...
Se precisas cociñar menús sinxelos, en GaliciaLe tes "200 recetas de cocina sencillas y rápidas". E para as rapazas-es, de Ledicia Costas deixamos as divertidas historias de "Escarlatina, a cociñeira defunta".


Faría un bo guión dun filme, non si? Recuperada unha novela de Méndez Ferrín #EuQuedoNaCasa #yomequedoencasa

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/recuperada-logo-mais-medio-seculo-esquecemento-novela-inedita-mendez-ferrin-os-corvos-figueira-fouce
Recuperada do esquecemento a novela inédita de Méndez Ferrín, "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro". Por esta obra o autor foi levado a prisión en 1969, acusado dun delito de propaganda ilegal: tres libros de Mao-Tse-Tung; dúas revistas sobre Cuba; un libro sobre Hô-Chi- Minh; o poemario Os nenos do Vietnam de Farruco, pero sobre todo tres exemplares da súa novela inédita de corenta e unha páxinas e asinada co pseudónimo de Laín Feixóo, "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", custáronlle a Xosé Luis Méndez Ferrín ser detido, xulgado e encarcerado, durante case dous anos, por un suposto delito de propaganda ilegal. Era 1969 nunha España en estado de excepción, e aínda que o autor, na súa primeira declaración manifestou que se trataba dunha ficción alegórica, baseada en feitos reais, e que nunca pensara en publicar, a sentenza condenou o escritor por un delito de propaganda ilegal. Cumpridas as penas de prisión ás que Ferrín foi condenado, os tres exemplares, así como a tradución encargada a Francisco Fernández del Riego polo xuíz instrutor do Tribunal de Orden Público, de "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", caeron no esquecemento.
Pasaron máis de 50 anos, ata que o docente e investigador da Universidade Vigo, Fernando Ramallo, logo dunha conversa co propio Ferrín en marzo de 2018, inicia un proceso que culmina a finais de 2019 coa localización, primeiro, e a posterior restauración da obra inédita do escritor ourensán. “Pasados máis de cincuenta anos, a novela que serviu como proba para a acusación e que levou a Méndez Ferrín ao cárcere permanece inédita e durante todo ese tempo, formou parte da documentación relacionada co caso nos fondos do que actualmente se coñece como Centro Documental de la Memoria Histórica, (Salamanca)”. A finais de 2018 recibíu a confirmación de que a novela fora localizada. 
Le a nova completa de Mª del Carmen Echevarría. A que esta historia podería ser un guión de película? 
A obra "Amor de Artur" de Méndez Ferrín foi comentada nas Tertulias Literarias de Bibloleiros. Podes gozar, en GaliciaLe, das seguintes obras do autor afincado en Vigo: "Amor de Artur", "O crepúsculo e as formigas", "Arraianos", "Antón e os inocentes", "Percival e outras historias" e non te perdas o documental "Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín" dirixido por Manuel Forcadela sobre o escritor ourensán.

27/4/20

Os libros, poemas, fanse... cancións. Vol. 2! #EuQuedoNacasa #yomequedoencasa

http://bibliotecasoleiros.blogspot.com/2020/04/os-libros-poemas-fanse-cancions.html
As cancións non paran! A literatura segue inspirando títulos e letras de cancións, e así será por sempre!. Deixámosvos outra serie delas moi coñecidas por todas-os. Alomenos as-os nosas-os lectoras-es de certa idade...

- Quizáis son os versos máis famosos de Castelao, os que escribíu para unha muller chamada Lela no primeiro acto da súa obra de teatro "Os vellos non deben namorarse". Quedou en disputa quen compuxo a música orixinal para estes versos. Deixamos para a escoita a versión de Carlos Núñez e Dulce Pontes. En GaliciaLe temos "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao.

- Radio Futura canta o poema "Annabel Lee" de Edgar Allan Poe. Paga a pena botarlle un ollo a esta edición de "El silencio y otros poemas" do escritor norteamericano. Dispoñible en GaliciaLe

- David Bowie interpreta "1984". Bowie inspírase directamente na famosa novela de Orwell sobre un futuro distópico no que o goberno o controla todo e ninguén pode pensar libremente... En GaliciaLe podes ler esta versión adaptada de "1984".

- The Byrds e o seu "Turn turn turn"Pete Seeger escribíu «Turn, turn turn» a finais dos 50 adaptando a letra, prácticamente na súa totalidade, dun dos textos do Eclesiastés, libro filosófico incluído na Biblia supostamente escrito polo Rei Salomón. 

- Lana del Rey atrévese co poema "Body electric" de Walt Whitman que fala da relación entre alma e corpo. 
    
- Bruce Springsteen pon voz a un texto de Steinbeck en "The Ghost of Tom Joad"
Springsteen inspirouse na obra do Nobel John Steinbeck,"The grapes of wrath" (As uvas da ira) para compoñer «The Ghost of Tom Joad». Nesta canción, Tom Joad aparece case como a figura metafórica e atemporal da vítima de todas as crises. 



Cal é o ser vivo máis antigo de Galicia? Abre a fiestra e o verás #EuQuedoNaCasa

https://historiadegalicia.gal/2020/04/onde-esta-o-ser-vivo-mais-antigo-de-galicia-e-se-cadra-tamen-de-europa
O ser vivo máis antigo de Galicia é unha árbore: a Carballa da Rocha, un carballo común situado no concello de Rairiz de Veiga, (A Limia). Mide 34 metros de altura e o seu tronco ten un perímetro de entre 8,5 e 11,5 metros. A súa copa, que se bifurca aos 7 metros, dá sombra a unha superficie de máis de 615 metros cadrados.
Esta excepcional árbore tería como mínimo 835 anos, xa que en 1984, o ciclón Hortensia derrubou unha das súas pólas que si puido datarse, dando como mínimo oito séculos de antigüidade. Para moitas-os expertas-os o carballo ten moitos máis, arredor dos 1500.
Forma parte da reserva da biosfera Área de Allariz, é Monumento Natural e forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Esta árbore é o ser vivo non microscópico máis lonxevo de Galicia. A Carballa da Rocha ou da Saínza, ademais do seu interese botánico, posúe un notable valor cultural. As súas raíces afúndense na historia de onde está plantada e na memoria das xentes do lugar. Cada 24 de setembro a sombra desta carballeira acolle unha senlleira romaría.
Ofrecemos estas lecturas en GaliciaLe para irmos coa imaxinación a ese lugar marabilloso de natureza e cultura. "Vento e chuvia" de Manuel Gago Mariño e ilustracións de Manel Cráneo, coñecidos polas-os nosas-os lectoras-es por levar a cabo moitas actividades en Bibloleiros, lévanos á dimesión máxica dos bosques galegos. "Lo que el bosque esconde" de Gema Bonnín Sánchez, é un libro de aventuras para as-os máis novas-os. "Pensar como un árbol" de Jacques Tassin, un apaixonado ecoloxista que busca "reconectar" a humanidade coas árbores e os seus ecosistemas.  
"La expedición al baobab" de Wilma Stockenström, é unha historia de supervivencia no interior da África austral.