10/6/13

2775 grazas!!!

2775 grazas!!!
Desde febreiro ata finais de maio tivo lugar a actividade da Hora do conto nas oito Bibliotecas Municipais de Oleiros,  dirixida a nenas e nenos menores de 10 anos.
En total, realizáronse 60 sesións nas que colaboraron as contadoras e contadores Pablísimo, Pavís-Pavós, Soledad Felloza, Paula Carballeira, Marisa Irimia, Caxoto, Ramiro Neira, Trinketrinke, Andrea Bayer, Fran Ínsua, Inés Cuadrado, Pedro Brandariz e Raquel Queizás narrando diversos contos como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de fantasía e imaxinación.

Esta actividade de animación á lectura realizouse de forma lúdica, activa e participativa, fomentando a participación dos/as nenos/as, a imaxinación e a creatividade. O número total de participantes foi de 2.775, dos cales 1.762 foron nenos/as e 1.013 pais e nais.
A valoración é totalmente positiva, as nenas e nenos divertíronse escoitando os contos, fomentouse o gusto pola lectura, promoveuse a asistencia ás bibliotecas como centros de lectura lúdica, nos que poden pasar momentos moi agradables e aumentouse o préstamo de libros infantís, porque ao finalizar a actividade un gran número de nenas e nenos levaron prestados para a casa diferentes obras de narrativa infantil.
Algún dos contos narrados foron:  A bruxa Mimí, A cebra Camila, A cebra Debra, A galiña roxa, A ra Xoana, Avó, Bolboretas, Engurras, Galiña adiviña, O home que inventou un xeito de andar, O ladrón de pelos, O señor Nimbo e a máquina de fume, Pai, Un elefante, Unha casa a medida,  Monstros divertidos, A parte que faltaba, O computador de Mimi, Artur e Clementina, Chocolata, Nublado con probabilidad de albóndigas, Amanecer en el nido, Os paxaros de cores, El agujero, 999 ranas saen do charco, O país dos contos, O contiño, A bolboreta azul, Turelí, Tureló, Os paxaros, A casa do bosque, A gran belota, Unha presada de lentellas, A casa máis grande do mundo, O amigo do pequeno tiranosauro, Sabela na granxa, etc.

Expo bibliográfica na Biblioteca de Santa Cruz sobre Antonio Muñoz Molina

Antonio Muñoz Molina, Premio Príncipe de Asturias das Letras 2013
Nado en Úbeda (Jaén) en 1956, Antonio Muñoz Molina comezou a estudar Xornalismo en Madrid para trasladarse despois a Granada onde rematou a licenciatura de Historia da Arte, cidade na que vivíu vinte anos. Alí traballou como funcionario, mentras colaboraba como columnista no desaparecido Diario de Granada. Ao longo dos anos seguíu colaborando como articulista de prensa en El País, ABC, Ideal ou as revistas Muy Interesante e Scherzo.
Recibíu numerosos galardóns como o Premio de la Crítica (“El invierno en Lisboa” 1987), Premio Nacional de Narrativa (“El invierno en Lisboa” 1987), Premio Planeta (“El jinete polaco” 1991), Premio Nacional de Narrativa (“El jinete polaco” 1992), Premio Príncipe de Asturias de las Letras 2013.
En palabras do mesmo Muñoz Molina "el escritor continúa el oficio inmemorial de los narradores de cuentos, que daban forma mediante relatos orales a la experiencia compartida del mundo. Contar y escuchar historias no es un capricho, ni una sofisticación intelectual: es un rasgo universal de la condición humana, que está en todas las sociedades y arranca en la primera edad de la vida"...
Na Biblioteca de Santa Cruz dispós das seguintes obras que podes levar en préstamo (comproba dispoñibilidade): "Nada del otro mundo", "El jinete polaco", "Plenilunio", "El viento de la Luna", "Ventanas de Manhattan", "La noche de los tiempos", "Carlota Fainberg", "Sefarad: una novela de novelas", "Vida, pasión y muerte de Federico García Lorca", onde fai o prólogo da biografía recopilada por Ian Gibson.
PARABÉNS ANTONIO!!!

Tertulia literaria en Santa Cruz: 10 de xuño (Grupo B) sesión final

Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" de Santa Cruz
De 18,30 a 20 horas.

Comentario da obra "Al este del Edén" de John Steinbeck 
Obras de John Steinbeck nas nosas bibliotecas.

Con esta sesión remata a tempada 2012-2013 das Tertulias Literarias na Biblioteca de Santa Cruz.
Damos as grazas a todas as persoas que participaron neste grupo ao longo destos 9 meses.

7/6/13

Recomendacións en Radioleiros: 7 de xuño

- Infantil (nenos-as de 8 a 10 anos):
"Blancanieves" de Jacob & Wilhelm Grimm, ilustrado por Benjamin Lacombe, en Edelvives.
As ilustracións  de Benjamín Lacombe, son o que fan diferente este conto tradicional dos irmáns Grimm. Atopamos unha Brancaneves fermosa, fráxil, delicada, fina e doce acompañada dunhas ilustracións onde predominan os tonos fríos que contrastan co vermello da mazá envelenada e os beizos da Brancaneves. Álbum ilustrado de gran tamaño e cunha moi boa calidade de papel,  que de seguro será un pracer tanto a lectura como a contemplación das imaxes tamén para os "menos cativos" da casa.
- Mozos-as e adultos-as:
"Feminismos" de Olga Castro e María Reimóndez, editado por Xerais
O libro fai un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo e tamén en
Galicia, poñendo de manifesto a grande cantidade de estratexias desenvolvidas en contextos social, política e culturalmente tan diferentes, tendo como finalidade mellorar a situación das persoas do mundo, non só das mulleres.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Tom Sharpe homenaxeado na Biblioteca "Xograr Mendiño"

Na Biblioteca "Xograr Mendiño" de Lorbé, desde o 7 de xuño e ata finais do mes de xullo, haberá unha exposición bibliográfica cos fondos do acedo e irreverente escritor británico Tom Sharpe. Queremos homenaxear así, ao pai do antiheroe Wilt, a este mago da literatura de humor. O novelista británico, nacido en Londres en 1928, faleceu o 6 de xuño en LLafranc (Palafrugell), onde residía desde os anos 90 do pasado século.

4/6/13

Tertulia literaria en Rialeda: 5 de xuño (Grupo B) sesión final

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades) 
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "A pensión Eva" de Andrea Camilleri
Documentación
Obras de Andrea Camilleri nas nosas bibliotecas.

Con esta sesión remata a tempada 2012-2013 no grupo B das Tertulias Literarias.
Damos as grazas a todas as persoas que participaron neste grupo ao longo destos 9 meses.

A actividade regresará novamente no mes de outubro.

Audiovisuais máis prestados nas Bibliotecas de Oleiros entre xaneiro e maio 2013

Presentamos os audiovisuais máis prestados nas 8 bibliotecas públicas municipais do Concello de Oleiros no período comprendido entre 1 de xaneiro e 1 de maio de 2013.

- Mozas/os e Adultas/os:  


DVD
1) Matalobos (serie de tv), de Voz Audiovisual e TVG
2) Criadas y señoras (2011), de Tate Taylor
3) La pesca del salmón en Yemen (2011), de Lasse Hallström
4) El Padrino (1972), de Francis Ford Coppola
5) Malditos bastardos (2009), de Quentin Tarantino

Cd-audio
1) Palabras darei, de Ialma
2) The 9 Symphonies, de L. Van Beethoven
3) Cantar de traballo e pandeiretada de Caión, de Xiradela
4) Momentos, de Dulce Pontes
5) Mar maior, de Luar na Lubre    



- Infantil e Xuvenil:  

DVD
1) Disney's magic english, de Disney Interactive
2) Enredados (2010), de Nathan Greno
3) El maravilloso mundo de los animales, de Planeta DeAgostini
4) Bob Esponja, la película (2004), de Stephen Hillenburg
5) Cómo entrenar a tu dragón (2010), de Dean DeBlois

Cd-audio
1) Vamos a contar mentiras [canciones populares infantiles]
2) Cheerful baby, con The Archangelos Chamber Ensemble
3) Pocoyó, con Alaska e Edurne
4) Playful baby, con The Archangelos Chamber Ensemble
5) Miliki y las tablas de multiplicar

Noutros soportes, destaca o cd-rom Mía Ciencias na categoría infantil e xuvenil.
   
Grazas a tod@s por facer cultura, grazas por facer biblioteca.

3/6/13

4 e 5 de xuño: a Compañía Trinke Trinke na Biblioteca Central Rialeda

A Compañía Trinke Trinke levará a cabo o contacontos "Un nacemento especial" para  alumnado do CEIP Valle-Inclán de Perillo.
Escenificaránse os relatos "Historia de uno" de Rosa Osuna, "Cuento nº 1" de Eugène Ionesco e "Contos por teléfono" de Gianni Rodari.
4 de xuño:
2 sesións:
- 9,30 h. 1º A e B de Primaria
- 11,00 h. 2º A e B de Primaria
5 de xuño:
- 10,15 h. 1º C de Primaria

31/5/13

Recomendacións en Radioleiros: 31 de maio


- Infantil e Xuvenil (a partir de 10 anos):


Un fermoso libro que nos presenta a Daniela, unha nena que fai amizade cun extraterrestre.

Daniela é unha nena de 9 anos, que vai pasar uns días na casa da súa avoa, en Mondoñedo, por mor
de que a súa familia vai cambiar de residencia de Lugo para Vigo, e teñen que trasladar os mobles e demais pertenencias.


Ao día seguinte de chegar, decide explorar o faiado, o único lugar prohibido da casa. Abre un baúl que está cheo de libros e leva un enorme susto porque de alí sae un rato que se pon a falar con ela en diferentes idiomas. Un rato que se pode transformar en diferentes animais ou persoas. En realidade non é un rato é un extraterrestre...

Con esta obra Agustín Fernández Paz prantéxanos como se pode establecer amizade entre seres tan diferentes, como se poden axudar mutuamente, ao mesmo tempo que fai unha defensa da utilidade das redes sociais.

- Mozos/as e Adultos/as:



"La hija del Este" é unha novela que mestura realidade e ficción, datos verídicos ao lado de rumores e conxecturas, que reflexiona sobre a manipulación política, ao mesmo tempo que nos presenta a relación entre un pai e a súa filla e nos achega aos terribles episodios da Guerra da ex-Iugoslavia.

A protagonista é Ana Mladić, filla do xeneral serbio Ratko Mladić. En marzo de 1994, Ana Mladić suicídase ao regresar dunha viaxe a Moscú, que realizou xunto cuns compañeiros da Facultade de Medicina de Belgrado. Ana era unha das mellores alumnas desa facultade, unha moza guapa, intelixente e cun bo porvir. O pai non quería que ela fixera esa viaxe, na que vai descubrir que o que ela pensa del, ao que tanto quere e admira, non é totalmente certo. Seu pai era para ela o único home en quen confiar e negábase a crer que fose certo o que oía, pensaba que eran mentiras inventadas para difamalo, pero cando comeza a comprender que é verdade, todo o seu mundo se ven abaixo.

Alternan capítulos con acontecementos da vida familiar e do que lle vai sucedendo en Moscú, con outros nos que se presenta parte da historia de Serbia, dos antepasados serbios, dos mosteiros, pero principalmente o referente á batalla do rei Lazar fronte aos turcos no ano 1389 e que marcaría o destino de Serbia ata principios do século XX. Seiscentos anos despois o dirixente serbio Slobodan Milosevic, visitou o lugar (chamado Campo dos Mirlos) e ante a memoria do rei mártir Lazar, que fora traizoado, xurou que nunca máis volverían a derrotar ao seu pobo, pero nesta época os inimigos xa eran os musulmáns bosnios e os croatas. Hai que ter en conta que a organización dos ustachas croatas foran colaboradores dos nazis.

É unha novela interesante, principalmente para todas as persoas que queiran saber algo máis sobre o conflito dos Balcáns e algunhas das causas da disgregación da antiga Iugolasvia, pero non é fácil de ler pola temática que trata e porque ten capítulos moi duros sobre batallas e matanzas que nestas se produciron. Nela tamén vemos como algúns gobernantes, militares e dirixentes políticos sen escrúpulos (para conseguir os obxectivos que se propoñen) manipulan á poboación, a través de discursos, documentais, medios de comunicacións e intelectuais afíns.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

30/5/13

31 de maio: Paula Carballeira no Teatro As Torres de Santa Cruz

A actriz e narradora oral Paula Carballeira achegaráse ao Teatro As Torres para realizar 3 sesións de contacontos dirixidas ao alumnado de Educación Infantil (4 e 5 anos) e 1ª de Primaria do CEIP Isidro Parga Pondal.

10 h. - Educación Infantil (5 anos)
11,15 h. - 1ª de Primaria
12,30 h. - Educación Infantil (4 anos)

28/5/13

Recital poético-musical no Teatro As Torres de Santa Cruz: 30 de maio

Día: xoves 30 de maio
Hora: 20:00 
Presentación da Escolma poética titulada VERSUS, da que son coautores Antón Borrazás, Hugo Álvarez, Miguel Queipo, Óscar de Souto e Manuel García Pombo.

Carlos Solla é profesor de lingua galega e foi Premio de Poesía Johan Carballeira no ano 2010 polo poemario MazinGZ, Premio de Poesía Victoriano Taibo no ano 2011 pola obra Holocausto zacoe. Antón Borrazás, deixa constancia escrita da súa denuncia e máis da obriga de arrepórmonos á realizade imposta. Hugo Álvarez achega á antoloxía doce textos traballados en lingua castelá, pertencentes á súa obra “Al filo de la cordura”. Miguel Queipo presenta dezasete poemas, dos que seis son en lingua galega. Óscar de Souto engádelle ao poemario dezaseis composicións e esta antoloxía finaliza cos poemas de Manuel  García Pombo.

Nas propias palabras de Carlos Solla: Están os tempos acaecidos para os poetas do social, pois baixan lodos os ríos da dignidade.. Versus é unha escorreita colección de poemas poliautoriais de verso latexante, vital, guerrileiro e namorado, “poesía necesaria como el pan de cada día”.

31 de maio e 5 de xuño: Ler conta Moito en Mera e Lorbé

31 de maio ás 18,30 h.

A actriz Raquel Queizás presentará o espectáculo de contacontos titulado “Historias da Maletra”, dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos, co que viaxarán ao longo do mundo, coñecendo as diferentes culturas e costumes dos distintos continentes, incluíndo lendas e historias antigas que nos axudarán a redescubrir a nosa propia historia e cultura galegas.

5 de xuño ás 18,30 h.

 A Asociación Cultural Oficios Antigos e Medievais representará un espectáculo de maxia denominado “Gravidade cero”, dirixido a un público maior de 3 anos de idade, no que as sorpresas e as gargalladas aparecen por arte de maxia. Un espectáculo no que se suceden a ciencia e as ilusións ópticas para que os asistentes poidan gozar de novas sensacións.



Tertulia literaria en Rialeda: 29 de maio (Grupo A)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades) 
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentario da obra "El reflejo de las palabras" de Kader Abdolah
Documentación
Obras de Kader Abdolah nas nosas bibliotecas.

A seguinte obra programada é "Ilustrísima" de Carlos Casares, que será comentada o día 12 de xuño e coa que remataremos a tempada 2012-2013 neste grupo.