11/2/26

Lobo Jack: 150 aniversario do nacemento de Jack London 1876-2026

Lobo Jack: 150 aniversario do nacemento de Jack London 1876-2026
Unha biografía de película: nos seus corenta anos de vida (1876–1916), o escritor Jack London foi peón, mariñeiro, granxeiro, xornalista, produtor cinematográfico e militante socialista. Escribíu novela, conto, poesía, ensaio, libros de viaxes e crónica xornalística (máis de 50 libros entre 1900 e 1916, algúns deles traducidos a 70 idiomas) centos de contos e artigos. Entre os máis coñecidos, A chamada da selva = La llamada de lo salvaje (1903), El lobo de mar (1904), Cairo branco = Colmillo blanco (1906), O talón de ferro = El talón de hierro (1908) ou Martin Eden (1909). Foi un dos primeiros escritores supervendas de Norteamérica, gañando unha fortuna coas súas obras. Lector voraz desde neno, foi fundamental na súa biografía, a Biblioteca Pública de Oakland (California) e a súa bibliotecaria, a poeta Ina Coolbrith quen lle ofreceu a súa orientación literaria (Ina foi tamén mentora da bailarina Isadora Duncan). A necesidade levarao dun traballo a outro (aos vinte anos traballara en centrais eléctricas, na construción do ferrocarril, en envasadoras, buques mercantes...) en condicións penosas. En 1894 decide unirse á Kelly´s Industrial Army, unha marcha de parados que se dirixía a Washington para protestar contra o goberno. Durante máis dun ano, percorrerá Estados Unidos como vagabundo (por deambular foi detido e pasou trinta días na cadea de Erie County, Buffalo). Enrolouse nun barco que o levou a Alaska, para unirse á febre do ouro, metal que non conseguíu, e si un escorbuto que case o mata. London foi moi coñecido polas súas fazañas persoais. Pintoresco e controvertido, aparecía con asiduidade nas noticias. Amaba a troula e posicionábase a miúdo contra as inxustizas. Orador elocuente, era moi solicitado como conferenciante sobre temas económicos e políticos. 
A súa extraordinaria capacidade para a descrición de paisaxes agrestes e personaxes case sempre bravíos (cun uso maxistral dos animais, nomeadamente os cans), engadido a unha gran economía da linguaxe e unha arte singular no desenvolvemento da acción, convírteno nun dos cumios da literatura norteamericana, a medio camiño entre a xeración dos Melville, Hawthorne, Poe, Thoreau ou Whitman e a xeración perdida: Dos Passos, Faulkner, Steinbeck, Fitzgerald.
Jack London escribíu tanto sobre lobos e cans que un amigo de seu alcumouno "O Lobo".
Dixo de si mesmo, "prefiro ser cinza que po. Prefiro que a miña chispa se apague nun lume brillante antes que ser abafada pola podremia seca. Prefiro ser un meteorito soberbio, cada átomo de min cun brillo magnífico, que un planeta durmido e permanente. A función adecuada do home é vivir, non existir. Non vou malgastar os meus días intentando prolongalos. Vou usar o meu tempo."
Lévate en préstamo os libros da Expo Lob Jack na Biblioteca Central Rialeda (Perillo). 
Títulos dispoñibles en GaliciaLe
Títulos dispoñibles en eBiblio
Fontes: 

No hay comentarios:

Publicar un comentario