O Día Mundial do Libro celébrase cada 23 de abril.
Un 23 de abril de 1616 faleceron Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO (1995) como un xeito de fomentar a lectura, recoñecer a figura da-do autora-o e procurar o fortalecemento da industria editorial de cada país. A UNESCO designou Capital Mundial do Libro 2026 a capital norteafricana de Rabat.
Bibloleiros ofréceche as seguintes actividades de promoción da lectura para festexar esta data ao longo de todo mes de abril.
- Campaña de promoción da lectura para os centros de ensino nas bibliotecas municipais
9 de abril, Voar sen medo con Chus Álvarez na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz). 10 de abril, A Odisea en 50' con Maribel Andrés Llamero na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz). 13 de abril, Andar aos biosbardos con Charo Pita na Biblioteca Central Rialeda (Perillo). 21 e 22 de abril, Valle-Inclán e ti con Ramiro Neira na Biblioteca Central Rialeda (Perillo). 23 de abril, A Odisea en 50' e Fogóns poéticos con Maribel Andrés Llamero na Biblioteca Central Rialeda (Perillo). 24 de abril, El Quijote en 50' con Maribel Andrés Llamero na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)
- Sesións da Hora do conto
22 de abril, Un agasallo para Lilí con Trinketrike Teatro na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz), 23 de abril, Avións de papel con Ramiro Neira, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), 24 de abril, Contos do mundo con Ramiro Neira na Biblioteca Mª José Trincado (Mera) e Os libros da titiriteira con A Xanela do Maxín na Biblioteca Ánxel Fole (Nós), 27 de abril, Paxariños con Trinketrinke Teatro na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda), 28 de abril, Os ratiños da caixa con Trinketrinke Teatro na Biblioteca Manuel María (Oleiros), 30 de abril, O segredo da biblioteca con Trémola Teatro na Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé).
reler
Buscas unha novela nova? Revisita o pasado, volve ás iconas.
Títulos de Austen, Balzac, Bromfield, Brontë, Colette, Dickens, Dostoievski, Gaskell, Gibbons, Maupassant, Tolstói, Turguénev, Wharton (entre outras-os). Volver sobre novelas de resoantes autorías, retornar a lecturas consideradas xa clásicas, retroceder a sobranceiras escrituras do pasado en coidadas edicións e traducións contemporáneas.
Dedicada aos galardóns literarios máis prestixiosos. A mostra reúne unha selección de obras recoñecidas co Premio Nobel de Literatura e cos Premios Nacionais de Literatura nas modalidades de narrativa, poesía, teatro e ilustración dos últimos cinco anos. Na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz).
Lecturas que exploran o poder dos libros ou se afondan nas bibliotecas misteriosas. Para mocidade e persoas adultas. Na Biblioteca Manuel María (Oleiros)
Mirar en viñetas
Cómics de diferentes idades: infantís, xuvenís e para adultos. Na Biblioteca Mª José Trincado (Mera).
Roald Dahl, principais obras deste autor. Na Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé).
Libros infantís sobre o día do libro e a primavera. Na Biblioteca Ánxel Fole (Nós).
- Actividades complementarias
Agasallo dun libro a todas aquelas persoas que leven cinco préstamos co seu carné.Unha maneira de agradecemento para todas-os usuarias-os que fan uso dos fondos da biblioteca. Na Biblioteca Rosalía de Castro de (Santa Cruz). E ti... que les?
Destinada a todos os públicos. Recomendacións literarias para o desfrute de todos/as. Coas obras recomendadas crearase un espazo lector diverso e enriquecedor. Durante todo o mes de abril na Biblioteca Manuel María de Oleiros.
Marcapáxinas
As-os máis pequenas-os poderán crear e colorear uns marcapáxinas conmemorativos. Na Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé) e na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda).
Recomendacións literarias
Recomendacións e votacións, por parte das-os nosas-os lectoras-es, dos libros favoritos que leron nesta biblioteca para dalos a coñecer entre o resto e poder elaborar un ranking cos libros máis lidos. Na Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé).
Na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda), tamén a partir do día 20, realizarase unha enquisa entre o lectorado adulto sobre cal é o libro lido neste último ano que recomendaría, para dar a coñecer os 3 libros máis aconsellados.





No hay comentarios:
Publicar un comentario