15/3/24

Recomendacións en Radioleiros: 15 marzo 2024

- Infantil:

Avni: Animal verdaderamente no identificado, con textos de Romain Pujol e debuxos de Vincent Caut
Astiberri

Avni é un neno estupendo, pero na súa nova escola de primaria “Animalia”, esperta a curiosidade de todos porque é diferente.
“Que animal é?”
“Ten unha pinta rara!”
Non é un oso, nin un peixe, nin unha serpe...
É Avni, un animal verdadeiramente non identificado, de cor azul, pero que pode cambiar de cor, estirarse, etc.
Un animal que non deixa indiferente a ninguén e para algúns incluso é un superheroe porque ten superpoderes...


As historietas están estruturadas en aventuras de dúas páxinas, polo que son moi fáciles de ler polas nenas e nenos máis pequenos e os guións abordan, cunha gran dose de humor e dunha maneira sinxela, temas como a diferenza, a amizade, o bullying, etc.
Avni vainos desconcertar e seducir pola súa orixinalidade, fantasía e simpatía.

Jesús Jiménez, xornalista da sección de Cultura de RTVE, dixo: “No solo es muy divertido sino también tremendamente educativo, ya que además de para que los niños empiecen a leer, les enseñará cosas tan importantes como a respetar la diferencia, a distinguir y combatir el bullying o la importancia de la amistad”.

Desde a editorial recoméndano para maiores de 6 anos, pero se llelo len os pais, as nais, ou outras persoas, pódese dicir que serve para idades inferiores.

- Mocidade e público adulto: 



Monet: nómada de la luz, con guión de Salva Rubio, debuxo e cor de Efa
Norma

Unha fermosa novela gráfica sobre a vida e a obra do pintor impresionista Monet.

O autor do guión explica que a pesar de que toda a obra está baseada e documentada en feitos reais, é unha adaptación á banda deseñada, por este motivo tiveron que usar a imaxinación e a fantasía, técnicas necesarias para a construción literaria do personaxe e a ficcionalización dalgúns feitos. O guionista adapta os datos que considera máis interesantes da súa biografía, pero, principalmente, céntrase en expor o seu sentir artístico e en como loitou por conservar a súa propia visión da arte, dedicándose á busca da luz e inundando de luz a súa obra. Como liderou o movemento dos Impresionistas que cambiou a visión da pintura no século XIX. O que Monet desexaba non era representar a realidade, nin idealizar o modelo como acontecía na antigüidade, senón pintar emocións, impresións...

En toda a publicación destaca a calidade do aspecto visual. Ao longo do libro iremos vendo o pintor en diversos escenarios, paisaxes, que calquera coñecedor de Monet recoñecerá facilmente, e finaliza co seu amado xardín.
Podemos dividila en dúas partes:
- Na primeira vai contando a súa vida en primeira persoa: a súa marcha para París, os seus problemas económicos, como loitou por conseguir expor no Salón da Academia, a súa relación con Camille coa que casou despois de ter un fillo e estar a punto de abandonala, etc.
- A segunda parte, é como un resumo no que os autores explican en que se inspiraron para realizar algunhas viñetas, incluíndo algúns anacronismos.


Efa estivo nominado ao premio Eisner, a mellor debuxante/artista multimedia por esta obra.



O 17 de marzo celébrase o Día do Cómic, instaurado en 2022 polo Consello de Ministros de España a iniciativa do Ministerio de Cultura, para recoñecer  o valor do cómic e do tebeo, o peso da súa historia e a súa importancia no contexto actual, a súa  diversidade, creatividade e calidade. Por este motivo, as dúas obras recomendadas son de banda deseñada.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario