18/2/22

Recomendacións en Radioleiros: 18 febreiro 2022

- Infantil - xuvenil:
"A miña primeira Rosalía". Edición de Xiana e Xosé Lastra. Ilustracións de María Manuela. CD con interpretacións de Mª Manuela, Mero, Mini e Xiana. En Xerais.
Rosalía de Castro é un símbolo para o pobo galego, unha das grandes poetas da literatura galega e española do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego.
Un libro-CD realizado como unha homenaxe a Rosalía de Castro, que puxo a súa voz e a súa vida ao servizo da dignificación da nosa lingua, das mulleres e dos desfavorecidos, en tempos nada propicios (Século XIX).
Reúne unha biografía de Rosalía, unha antoloxía poética que recolle de Cantares gallegos poemas tan coñecidos como “Campanas de Bastavales”, “Adios, rios; adios, fontes”, “Airiños, airiños aires”, “Pasa, río, pasa, río”, “Mais o que ben quixo un día”, “Vente, rapasa”, e de Follas Novas algúns como “Que pasa ó redor de min?”, “Ti onte, mañán eu”, “Quen non xime”, “A xusticia pola man”, “Lúa descolorida”, “Sin niño”, “Pra a Habana!”, “Terra a nosa!”, “Tan soio”..., acompañados dunhas fermosas ilustracións. No CD pódense escoitar doce poemas musicados e cantados por Mª Manuela, Mero, Mini e Xiana. Unha fermosa obra que recomendamos para todos os públicos, pero principalmente para nenas e nenos a partir de 8 anos.
 
- Mozas-os e adultas-os:
"Tomás Nevinson" de Javier Marías. Editado por Alfaguara.
Tras a exitosa novela Berta Isla, chega a súa nova obra titulada Tomás Nevinson.
Tomás Nevinson, marido de Berta Isla, despois dun tempo desaparecido, incluso o deron por morto, é un home decepcionado e destruído que volve, con 44 anos, para instalarse novamente en Madrid onde vivían a súa muller e os fillos con esta. Debemos lembrar que súa nai era española e o pai inglés. Pero, pasados uns anos, chámano para regresar aos Servizos Secretos británicos, e propóñenlle trasladarse a unha cidade do noroeste de España para identificar a unha muller (medio española e medio nor-irlandesa) que participou en atentados do IRA e de ETA. Estamos en 1997. O encargo faillo o seu antigo xefe Bertram Tupra, unha enigmática e complicada persoa que xa o enganara na súa mocidade, pero moi influínte en Reino Unido e en máis países. O seu ex-xefe sabe ben que ninguén abandona totalmente o mundo da espionaxe, e Nevinson terá que aprendelo á forza. Para levar a cabo a nova misión, deberá facerse pasar por un profesor de inglés.
O autor non quere que se encadre este libro como político e tampouco como un thriller, pero si podemos dicir que é de intriga e misterio, que presenta períodos históricos, personaxes moi ben traballados e o mundo da espionaxe. Reflexiona sobre o terrorismo e os límites aos que se pode chegar, que se pode facer para evitar un mal maior, como se determina ese mal maior, pero tamén sobre o medo, a culpa e as consecuencias das decisións de cada persoa.
Con esta obra o autor quere facer unha homenaxe a John Le Carré.
Unha inquietante e traballada novela, escrita coa mestría literaria que nos ten acostumadas-os este excelente escritor.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario