20/11/20

Recomendacións en Radioleiros: 20 novembro 2020

 - Infantil (a partir de 6 anos):

Miña guía, meu capitán
, de Gonzalo Moure con ilustracións de María Girón
Kalandraka

Fermoso libro que presenta a relación e o amor entre un pai e a súa filla. O pai é cego e a nena ve moi pouco. O pai lévaa e vaina buscar todos os días ao colexio. Os dous van felices. Avanzan “por unha sombra de luces e sombras. E de sons.”
 
Unhas veces xogan a acertar coches-animais, outras cantan, ou imaxínanse como está o mar, ou o estado de ánimo das persoas coas que se cruzan...

O recorrido á escola convértese nunha aventura onde a cidade se transforma nunha selva con diferentes animais e fascinantes sons. A través dunhas atractivas e coloridas ilustracións vemos uns espazos habitados por uns simpáticos animais, salvaxes e domésticos, que se suben aos coches, árbores ou ao distinto mobiliario urbano, e que viven na imaxinación da protagonista.

 
Estamos ante unha obra que causa emoción e tenrura, que contribúe a que teñamos sensibilidade por un mundo máis habitable e que nos axuda a traballar por unha sociedade máis inclusiva.

- Moz@s e adult@s:

O exército de fume, de Manuel Gago
Xerais

Novela de aventuras, de espionaxe e contraespionaxe, na que se mesturan realidade, lendas e ficción, sobre a guerrilla galega na loita contra Franco e os apoios de Franco aos nazis durante a II Guerra Mundial.

Estamos a principios de 1942, en Galicia hai unha guerrilla que se enfronta ao poder de Franco, a veces resistindo no monte para sobrevivir, coa axuda de labregos e labregas das diferentes zonas dos guerrilleiros e guerrilleiras. Paralelamente, asistimos ao apoio de Franco aos nazis durante a II Guerra Mundial.

Celia, a protagonista principal, é unha moza da burguesía coruñesa. Seu pai é un cardiólogo coruñés de sona e veranean en Oleiros. Está de mestra na escola de Arbia, no concello de Laxe. Ela preferiría estar nunha escola da Coruña ou dos seus arredores, pero seu pai pediulle que fose para Arbia e ela obedeceu. Non entendía ben que facía en Arbia axudando a salvar o mundo, pero, polo agarimo que lle ten a seu pai, e como persoa paciente e obediente que é, asumiuno.

No Atlántico, nazis e aliados combaten polo dominio do océano.

Os guerrilleiros enfróntanse ao poder establecido unhas veces con pequenos asaltos e outras con outros de maior importancia, mais tamén con loitas internas entre eles. Un destes guerrilleiros vai emprender unha perigosa misión: destruír unha base de submarinos alemáns situada en Valdareas.

Ao mesmo tempo, o pintor Lugrís acepta o encargo dos nazis de pintar un mural no café Savoia en Vigo.

Ao longo da novela comprobaremos que estas distintas pólas están relacionadas entre si.

Asistimos a uns acontecementos que desde o punto de vista histórico non sucederon, pero que se basean en diversos elementos históricos.
 
Para os nazis, Galicia era un lugar estratéxico para abastecer os seus submarinos na loita por eliminar Xibraltar como enclave desde o cal dominar o Mediterráneo. Para os aliados era importante que os nazis non puideran aprovisionar ou reparar os seus submarinos para garantir o seu poderío naval.

Neste contexto da novela é cando interveñen os guerrilleiros. Hai que ter en conta que neste momento a guerrilla galega tiña unha importante presenza social, e pensábase que a vitoria aliada axudaría a rematar coa ditadura franquista.

Vemos personaxes reais como Churchill, Samuel Hoare ou Urbano Lugrís; outros de ficción pero baseados en persoas reais e facilmente recoñecibles, como o guerrilleiro Ramallo; e uns terceiros que son totalmente ficticios.


Unha interesante e entretida novela que nos traslada a unha época de fame e miseria, unindo Galicia cos acontecementos que están pasando no resto de Europa.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario