5/10/18

Recomendacións en Radioleiros: 5 outubro 2018

https://spark.adobe.com/video/nKypxDVoVD4Iu- Infantil (a partir dos 6 anos):

Fermoso libro con delicadas ilustracións en tons pastel. Anita, unha nena de 5 anos, cada vez que celebra o seu aniversario recibe un libro de agasallo do seu padriño Gerard. Son libros especiais que a achegan a países exóticos. Son sempre diferentes e falan de mundos incribles:
- Un de África que está cheo de leóns, desertos, homes altos que levan roupas de cores e de mulleres de branco sorriso.
- Outro do Polo Norte, cheo de neve e de iglús feitos con bloques de xeo e esquimós que pescan a través de buratos que fan no xeo.
- Outro de China, no que lle mostra a gran muralla, pagodes e ideogramas.
Pero este último ano o seu padriño a agasalla con decenas de libros en branco...
Hai xogos, sorpresas e un algo moi especial: o mesmo que agardan todos os nenos e nenas que soñan co mellor agasallo do mundo...
A obra finaliza co carné do Club dos Exploradores que converte a cada lector ou lectora no seu membro honorífico/a.


Estamos ante unha encantadora obra que nos fala de amizade e do agarimo dos nosos seres queridos.

- Mozas/os e adultas/os:

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1243670Camuflaxe, de Lupe Gómez
Chan da Pólvora

Camuflaxe é unha excelente obra de poesía que a autora escrebe a partir da morte da nai e que lla dedica con estas palabras “Á miña nai, na fraxilidade íntima da lúa. Ás cousas e flores gardadas dentro dos corpos das nosas devanceiras”.

Coller este libro nas mans e observalo é como coller unha obra de arte.

Nunha coidada e delicada edición vemos na cuberta a fotografía da bisavoa da autora, coñecida como “Pepa da Visa” que mira directamente á cámara e na que destacan unhas mans de muller traballadora, unhas mans que nos falan.

Contén 107 páxinas poboadas de fermosas e curtas poesías que chegan ao profundo da sensibilidade do lector ou lectora.

Dividido en seis partes tituladas: Enerxía secreta, Como por ensalmo, As fontes salvaxes do paraíso, Salmo Responsorial, O límite de Galicia, Dar a extremaunción.

Estamos ante unha obra impactante, que toca no profundo do ser. A partir da memoria da autora fálanos da relación con súa nai e outros seres queridos, da vida no rural galego, dos traballos do campo, da natureza, da paulatina desaparición da cultura do mundo rural. 

Un libro delicioso que nos presenta un canto de amor á nai e á cultura do mundo rural galego.

QUÉROTE, cos meus dedos mudos.
Coas bolboretas do aire fago para ti un encaixe.
Coa forza cega dos meus ollos tristes
ensaio para ti unha obra de teatro.

Co meu amor fágoche
un bosque.

Aprendo a escoitar as nubes, a traballar a terra e a ler o ceo,
no teu colo.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario