17/7/15

Recomendacións en Radioleiros: 17 de xullo

http://www.ipernity.com/doc/284673/38974376/in/album/748070
- Infantil (a partir de 8 anos):
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=116966

O segredo da Illa Negra, de Agustín Fernández Paz; ilustracións de Miguelanxo Prado
Xerais

Contén dous relatos: O segredo da Illa Negra e A maldición da néboa. O autor di que ambos están narrados seguindo as pautas dos contos marabillosos de tradición oral, con elementos propios dos contos de medo e misterio.

O segredo da Illa Negra conta a historia de Sara, unha nena que vive en Arán, unha aldea de mariñeiros onde a pesca é o único medio de vida. Un día os barcos comezan a vir baleiros, só hai peixes nas proximidades da Illa Negra, unha escura masa rochosa contra a que baten as ondas con violencia e na que habita unha cruel Serea. Sara estremécese sempre que mira para esa illa polas terribles historias que oiu contar sobre ela. Uriel, o irmán de Sara, vai botar as redes nesas augas e alí cae prisioneiro da Serea. Sara vai intentar liberalo...

En A maldición da néboa a protagonista, tamén é unha nena, Branca, que vive cos seus pais nunha granxa afastada. A casa non quedaba lonxe do Camiño Grande e de cando en vez achegábanse a ela forasteiros que paraban a descansar antes de proseguir a viaxe. Unha noite un home faloulles da Néboa Negra, unha estraña praga da que estaba fuxindo e que estaba estendéndose polas terras de tras dos montes e coa que todos os seres vivos semellan mortos. Non tardou en chegar ata onde eles vivían. Encerráronse na casa, pechando ben portas e ventás. Branca buscou o seu amuleto protector, colgouno do pescozo e deitouse, pero pola mañá cando se levanta ve que seus pais están como durmidos cun sono estraño porque por máis que os move non espertan...

Dous relatos de medo e misterio protagonizados por dúas nenas valentes e atrevidas que se atreven a loitar contra o mal e o descoñecido para axudar aos que as rodean. As historias están acompañadas das boas ilustracións de Miguel Anxo Prado que conseguen transmitir esa sensación de inquietude e receo.

- Mozas/os e Adultas/os:

Desaprendizajes, de J. M. Caballero Bonald
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=116003
Seix Barral

Obra de poesía escrita como se fose prosa. Consta de 91 poemas que falan da paisaxe, rexeitan canons dominantes ou reinterpretan a realidade cunha nova linguaxe. O autor di que nela se poden atopar “parodias, sarcasmo, ironía, e, sobre todo, crítica da vida e crítica da cultura do noso mundo contemporáneo... Que ten algo de enfrontamento a unha realidade que non comparte, a cousas que lle ensinaron de mala maneira, que hai que esquecelas e volvelas a aprender doutra forma. Pero sobre todo, que é unha obra chea de preguntas".

Un poemario cunha coidada utilización da linguaxe.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario