27/2/15

Máis de 3.400 alumnos-as dos centros de ensino público de Oleiros participarán nas actividades de promoción da lectura de marzo a maio

 http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-21135.pdf
Un curso máis as Bibliotecas Municipais de Oleiros presentamos a Programación de actividades de promoción da lectura, dirixidas ao alumnado dos centros de ensino público deste Concello, co obxectivo de fomentar a lectura, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino, que se van levar a cabo desde marzo a finais de maio.
Participarán máis de 3400 alumnos e alumnas e ofertaranse 31 actividades diferentes para que o profesorado de cada un dos centros de ensino público de Oleiros seleccione as que mellor se adaptan á súa programación escolar.
 
En función da idade, do curso que estean realizando e da selección de cada centro de ensino, o alumnado poderá coñecer a mitoloxía da antiga Gallaecia, gozar con contacontos, espectáculos de música, baile, maxia, recitais de poesía e xogos de palabras; realizar obradoiros de ilustración, banda deseñada, poesía ou curtametraxes; ter encontros con escritores/as; visitar a biblioteca central  e aprender a realizar buscas no catálogo bibliográfico; achegarse á produción literaria de autores/as como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Emilia Pardo Bazán, Xosé Miranda, Antonio Machado, Pedro Salinas, Edgar Allan Poe, Xabier P. Docampo ou Roald Dahl; coñecer mellor a literatura galega actual ou a obra fundamental da literatura española “El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha”; e recorrer lugares do municipio nos que viviron mulleres e homes ilustres, como unha homenaxe a todos eles. 

Todas estas son actividades coas que pretendemos fomentar o acceso ao libro e á lectura en condicións de igualdade para todos os cidadáns. Desde as bibliotecas municipais de Oleiros traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta libre e solidaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario