20/12/13

Recomendacións en Radioleiros: 20 de decembro

http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/comunicacion/radio/podcast/todo-esta-nos-libros
- Infantil e xuvenil:
 
"O raposo e a mestra" de Manuel O´ Rivas,  ilustracións de Jacobo Fernández Serrano en Xerais.
Fermosa e simpática obra que nos fala dun raposo chamado Pindo, un raposo solitario, que durmía todo o día nun leito de plumas, na súa cova da beiramar e soñaba que era un raposo voador. Os outros raposos tíñano por un bicho raro e murmuraban
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=109357  que era fillo do lobo Petiso e a raposa Meiga. Gustáballe ver pórse o sol e escoitar a xente do mar, que adoitaba ser alegre e cantareira. Agochado entre os xuncos escoitaba os cantos das mulleres redeiras, pero Pindo tiña varios poderes: coñece as falas de todos os animais e as persoas e é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna. O humano máis amigo del era o mariñeiro Serafín que lle contou que Rosa, a nova mestra, mandara facer un galiñeiro fantástico... 


Os que queiran saber o que acontece a continuación deberan ler este libro. Un gracioso e espléndido texto acompañado dunhas atractivas e orixinais ilustracións de Jacobo Fernández, realizadas tipo cómic. 


Excelente obra que achega os nenos e nenas á natureza, ao mesmo tempo que é unha homenaxe ao Monte Pindo que este verán sufriu un terrible incendio e tamén ás mestras. Recomendámolo para nenos e nenas a partir de 8 anos. É unha magnífica lectura coa que se van divertir moito e para todas as persoas que teñan que facer algún agasallo para estas idades, dicirlles que este é o mellor regalo que poden facer. 

- Mozos-as e adultos-as:

"Vento e chuvia: Mitoloxía da antiga Gallaecia" de Manuel Gago; ilustracións de Manel Cráneo; posfacio de Marco García Quintela, editado por Xerais.
Unha magnífica obra que nos introduce na mitoloxía da Idade do Ferro na Gallaecia. A través da creación literaria de Manuel Gago podemos coñecer dez deusas e deuses da antiga Gallaecia. Dous mil anos despois imaxina e escrebe os antigos mitos con deuses nomeados en linguas desaparecidas. Deusas e deuses adorados nos castros, nos montes e ao longo do territorio da Gallaecia. Parte do coñecemento aportado pola lingüística, a mitoloxía comparada e a arqueoloxía. 


Xunto cunhas excelentes ilustracións, preséntanos a:http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=109362Reue, deus que por onde pasa medra a vexetación e nacen mananciais; Bandua, coñecido como o amigo dos homes, o seu protector de cara aos grandes perigos do mundo; Cossue, un guerreiro temible e salvaxe; Nauia, a que se move por todos os ríos do país e coñece todas as ciencias; Lugoue, o que pensa que non é bo que un home só acumule moito poder, porque de canto máis poder se dispón, menos xenerosidade se ofrece; Berobreos, señor das augas; Poemana, a que se rexía polas leis do vento, da choiva, do sol e dos cabalos; Bormánico; o que coñecía os nomes de todas as plantas, a súa función e remedios para as persoas e os animais; Sulas Nantugaicas, son tres mulleres guapas e feas á vez, novas e vellas ao mesmo tempo, as que lembran para sempre a palabra dos tratos dos humanos; e Vesto Aloniego, o que era capaz de entrar a través dos túmulos no mundo do alén. 


Despois da mitoloxía aporta explicacións de como eran e como vivían os pobos da Idade do Ferro. Como nos di o propio autor, as historias de Vento e chuvia “representan o carácter case bipolar da mitoloxía e das lendas: por un lado transportan unha vella tradición, pero tamén explican o seu tempo. Foron concibidas para esa época de tensións e contradicións no mundo castrexo, cara ao século II antes de Cristo, na que os deuses parecen rebelarse contra ese proceso de xerarquización social que dá lugar a aristocracias”. No posfacio o profesor García Quintela explícanos que esta obra é unha creación de mitos, unha ficción que se inspira e que parte do oco do saber que deixou a Idade do Ferro no concernente ás historias que lle daban sentido cultural e mítico. Acláranos que estamos ante un xogo literario, xogar a encher o oco mitolóxico con literatura, tendo en conta que se axusta ás regras xerais da xénese dos mitos, pois cumpre dous aspectos esenciais das mitoloxías: os relatos presentan un fundamento xenealóxico e os mitos sempre están inseridos nunha tradición: procréanse de mitos, explícanse con outros mitos e dan lugar a novos mitos. 


Estamos ante unha obra apaixonante e que provoca emoción, que recrea e fai máis tanxible o noso pasado, un libro excelente para todos os afeccionados/as ao mundo dos castros e da mitoloxía, uns textos acompañados dunhas fantásticas ilustracións, todo nunha boa edición. Un libro que comezas a lelo e queres continuar para saber máis dese mundo fantástico, que recomendamos a súa lectura, pero tamén como un espléndido agasallo.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario