23/12/13

Queres ler connosco?: Guía de lectura para o Nadal 2013

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16955.pdf
http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122559&name=DLFE-16955.pdfAs Bibliotecas municipais de Oleiros elaboraron unha guía de lectura titulada “Queres ler connosco?”, formada por  281 recomendacións de libros, DVD e CD. Esta escolla foi realizada polo persoal das bibliotecas e nela pódense atopar publicacións moi diversas. 

Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos,  intereses,  preferencias  e idades.  Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas e discos para gozar e compartir. 

Desde as bibliotecas municipais ofrécese esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un CD e un DVD son tamén un bo agasallo. 

Son 281 libros, DVD e CD que hai nas bibliotecas municipais e que se poden levar en préstamo para as casas. Uns divirten, outros emocionan, fan pensar, provocan a reflexión ou aportan novos coñecementos. Os libros figuran clasificados por idades, para as que se considera que son máis axeitados. A idade para a que se recomenda cada obra é só de forma orientativa, xa que cada  nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.   

Publicáronse 2000 exemplares que se van repartir ao alumnado de educación primaria dos centros de ensino público deste Concello, así como nas bibliotecas municipais. En formato dixital vaise enviar aos institutos para que a distribúan entre o seu alumnado e profesorado, a todos os socios e socias das bibliotecas que teñan correo electrónico e os/as que o desexen tamén a poderán baixar da web municipal ou do blog das bibliotecas

Animamos a todas as persoas, que vaian facer algún agasallo por estas datas de Nadal ou Reis, a que obsequien  aos seus seres queridos cun libro, disco ou película. Gustaríanos que os/as que teñen vacacións que dediquen parte do seu tempo a ler algún libro; pero principalmente os nenos/as, adolescentes e mozos/as e lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa. O gusto por ler non é innato, vaise adquirindo pouco a pouco, polo que desexamos contribuír a espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.  

Desde as Bibliotecas municipais de Oleiros desexamos transmitir os nosos mellores desexos de saúde, felicidade e prosperidade;  que o vindeiro ano traia boas novas e un mundo de ilusións e proxectos convertidos en realidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario