14/5/13

Letras Galegas 2013 en Bibloleiros

Nas Bibliotecas Municipais de Oleiros sumámonos ás celebracións do Día das Letras Galegas para divulgar a figura do escritor homenaxeado en 2013: o actor e dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Poñemos á vosa disposición as obras teatrais da autoría de Roberto Vidal Bolaño e os ensaios adicados a estudar a súa vida e obra que hai nas bibliotecas. Se queres saber máis de RVB consulta a dispoñibilidade. Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e finou nesta cidade en 2002. Despois de pasar por diversos empregos, aos vintesete anos comezou a traballar profesionalmente no teatro. Fundou a primeira compañía profesional de teatro en galego, o Grupo Antroido. Escribíu perto de trinta obras teatrais, algunhas adicadas ao público infantil. A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición. O recoñecemento artístico de Roberto Vidal Bolaño non se producíu ata os anos noventa do pasado século, cando os diferentes premios institucionais normalizaron tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e do público.


No hay comentarios:

Publicar un comentario