6/7/12

Recomendacións en Radioleiros: 6 de xullo

- Adolescentes:
"Carta a un hijo" de Rudyard Kipling. Ilustracións de Mauro Evangelista, en Edelvives.
Fermoso álbum de gran tamaño, no que o texto é o poema de "Carta a un hijo", tamén coñecido co título de "If", formado por oito estrofas de catro versos cada unha. Foi escrito en 1910 e en 1995 elixírono no Reino Unido (nunha enquisa realizada pola BBC) como o poema mellor valorado polos británicos.

Cada dúas páxinas figuran as ilustracións de cada estrofa, unhas imaxes de gran beleza, por exemplo, nas da primeira aparece unha gran torre e fai referencia á torre de Babel ou á destrución das Torres Xemelgas de Nova York; na segunda presenta unha muller sentada fiando e mirando cara unha ventá, en referencia a Penélope (raíña de Ítaca), esperando o regreso de Ulises da Guerra de Troia; na cuarta lémbranos ao Quijote; na
quinta á Divina Comedia, etc. Para rematar coa imaxe do centauro Quirón, un centauro intelixente e sabio, que na mitoloxía grega é educador de heroes como Xasón e Aquiles, para aclararnos que “El niño que sea educado en la unión del mundo mítico y del moderno pragmático podrá construir mundos nuevos”.

As imaxes van facendo referencia a personaxes e lugares míticos e literarios. Segundo nos di a propia editorial, esta obra invítanos a reflexionar sobre a responsabilidade dos nosos actos e a manternos firmes aínda nas circunstancias máis adversas, fálanos da importancia dos valores morais e eternos, os que permanecen sempre.

Con respecto ao ilustrador tamén nos explican que ao abordar o suxestivo poema de Kipling sen dúbida se deixou levar pola idea de Umberto Eco de construír “un libro que fale de todos os outros libros”.

Estamos ante un álbum de gran calidade literaria e estética, para ler, mirar e observar. Un libro que recomendamos para adolescentes, mozos/as e adultos/as.

- Mozos/as e adultos/as:
"Extramunde" de Xavier Queipo, editado por Xerais.

É unha novela de aventuras e de viaxes que reflicte o poder da Igrexa no século XVI e a navegación polos océanos Atlántico e Índico na procura doutros mundos. A Igrexa ten un poder absoluto na Galicia do século XVI, incluso sobre a vida das persoas a través da Inquisición, quen dá orde de queimar vivas a unhas e a outras embarcalas para levalas a un destino incerto e alonxado. Así comeza esta obra na que levan presos nun barco unha serie de persoas por ser diferentes, os marxinados da época: discapacitados, epilépticos, enfermos, cegos, rebeldes co dogma, uns condenados por ser herexes ou non crer, outros por estar acusados de endemoñados, doutro din que ten o “don de linguas”, outro por acusalo de hermafrodita... Saen da freguesía de San Andrés e embarcan en Betanzos, pasan por Senegal, Camerún, o Cabo de Boa Esperanza, Mozambique, a illa de Madagascar e o estreito de Malaca, para rematar na illa de Borneo, na que queda un dos protagonistas...

É unha obra ben escrita, estruturada en catro seccións, que rende unha homenaxe ás minorías, ás persoas diferentes e marxinadas da sociedade, e que reflexiona sobre o poder total dunha institución, neste caso a Igrexa, e a represión que comete contra distintos sectores da poboación, tanto por ser diferentes como por non ter poder económico, pero tamén nos fala da busca de novos mundos e da procura da liberdade.

Nunha entrevista realizada ao autor, dinos que hoxe en día “o barco de Extramunde sigue remando porque as persoas que compoñen as minorías corren o perigo de converterse en marxinadas e indesexables para a maioría”.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario