8/6/12

Recomendacións en Radioleiros: 8 de xuño


- Infantil (nenos/as de 10 a 12 anos):
"A chave da Atlántida" de Anxo Fariña (escritor e ilustrador) en Xerais.
A chave da Atlántida foi Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 2011
É unha obra de ciencia ficción que recupera o mito da busca do continente perdido A Atlántida, e cóntanos que os científicos do “Proxecto Prometeo” crearon A-cero, un ser humano artificial, realizado a partir duns pergamiños atopados na fosa Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolaga da Atlántida, pero A-cero tamén é capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Aqueles pergamiños indicaban segredos ocultos capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade.
Poderanse atopar aventuras e unha historia de amor, así como diferentes probas que terán que pasar os protagonistas. Un libro moi entretido que une a mitoloxía clásica e a ciencia-ficción e que recomendamos para nenas e nenos a partir de 10 anos.

- Mozos/as e adultos/as:
"Todo cuanto amé" de Siri Hustvedt, editado por Circe.

Unha interesante e fermosa novela que nos achega á complexidade das relacións humanas, ao mundo da arte e a diferentes patoloxías psicolóxicas. 
Leo, un profesor de arte, de orixe europea e marcado polas persecucións nazis a súa familia, iranos narrando, en primeira persoa, a forma en que  coñeceu ao pintor Bill Wechsler, a raíz de mercar un cadro seu e como a partir dese momento ambos estarán unidos por unha profunda amizade. Falaranos da primeira muller de Bill, a poeta Lucille e da segunda, Violet, unha antiga modelo que se dedica á investigación psicolóxica, así como das complicadas relacións con Mark, o fillo de Bill e Lucille. Ao mesmo tempo iranos presentando a relación coa súa muller Erica  e o seu fillo Matt. Contaranos os sucesos que lle van acontecendo ás dúas familias e a relación entre elas, así como o entorno da creación artística dos anos 70 en Nova York. Tamén coñeceremos diversos aspectos da arte como provocación na figura dun personaxe da novela, Gilles, un novo pintor. Debido ás investigacións de Violet, falaranos da histeria, dos transtornos alimentarios e de diferentes problemas nerviosos. É un libro que trata moitas temáticas,  pero o máis importante é que Siri Husvedt vai trazando os vínculos familiares con mestría e preséntanos os acontecementos con gran sensibilidade a través duns personaxes reais ben construídos e unha historia moi ben escrita.
Unha boa obra, que inquieta e apaixona, que recomendamos a súa lectura.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas

No hay comentarios:

Publicar un comentario