- Infantil:
Bárbara Fiori Editora
Fai moitísimo tempo o mundo estaba en construción, as bolboretas non existían igual que moitos outros animais e plantas e os “deseñadores de todas as cousas” eran os encargados de crealas, pero había unha regra moi estrita, non se podía mesturar o reino animal co reino vexetal. Mais un neno chamado Odaer, tiña un sono: crear unha criatura fermosa e marabillosa que puidera voar como un paxaro e ser tan bela como unha flor, para traer máis beleza ao mundo...
Magnífico álbum cunha fermosa historia e espléndidas ilustracións que nos di que os soños aínda son posibles, fálanos do poder do esforzo, da ilusión e da constancia. O segredo está en "non cansarse nunca de soñar, en non darse por vencido".
- Mozos/as e Adultos/as
As mulleres en Galicia no século XX, obra dirixida por Jesús de Juana López e Julio Prada
Editada por Ir Indo
Formado por un limiar e oito capítulos nos que interveñen os dous directores e expertas como: Carmen Benso, Rosa Mª Cid, Mª Victoria Martins Rodríguez, Ana Cebreiros Iglesias e Mª Concepción Álvarez Gómez.
Relevante obra que, dunha forma máis ou menos cronolóxica (dende principios do século XX), explica a visibilidade e pluralidade de sexos e xéneros; as conquistas femininas no primeiro terzo do século; o activismo feminino conservador neses primeiros anos; o novo ideal de muller que, principalmente durante a Segunda República, busca participar nos novos espazos de sociabilidade reclamando os seus dereitos políticos en plena igualdade co home, cunha parte moi interesante sobre o debate arredor do sufraxio feminino; a represión franquista sobre as mulleres; o seu papel na resistencia antifranquista; así como a súa intervención no tardofranquismo e na transición á democracia.
Ao longo dos distintos capítulos vemos que se hoxe temos estes dereitos é porque outras persoas que nos antecederon loitaron por conseguilos. As súas demandas anticiparon o que hoxe son modelo de convivencia en moitos ámbitos como o da igualdade absoluta ante a lei, a coeducación, o divorcio, o desenvolvemento económico e social, etc.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario