28/6/24

Recomendacións en Radioleiros: 28 xuño 2024

Recomendacións en Radioleiros: 28 xuño 2024
"Ringo: memorias dun coello fedello" de Pablo Nogueira; ilustrado por David Pintor- Infantil (crianzas de 8 a 10 anos):
Ringo: memorias dun coello fedello de Pablo Nogueira; ilustrado por David Pintor. En Xerais.
Dispoñible en GaliciaLe
Por causa dun erro do mago Leo, o coello Ringo aparece lonxe do circo. Unha aventura para lograr voltar ao Circo Fabuloso na compaña das súas amizades e da man do compañeirismo e a empatía.

"El fin de la inocencia: los intelectuales occidentales y la tentación de Stalin" de Stephen Koch
-Mocidade e persoas adultas:
El fin de la inocencia: los intelectuales occidentales y la tentación de Stalin de Stephen Koch. Editado por Galaxia Gutenberg.
Willi Münzenberg foi un dos maiores propagandistas do socialismo real en todo o mundo, contactando con intelectuais para promocionar a súa ideoloxía. Gide, Hemingwau, Brecht, Aragon... e outros moitos foron protagonistas desta historia da guerra fría.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

27/6/24

Lecturas para campo e praia en Rialeda

Lecturas para campo e praia en Rialeda
verán 2024 comeza o 20 de xuño ás 22 horas 51 minutos. A AEMET prognostica temperaturas moi altas e unha estación máis enxoita do habitual.
É hora de poñer a punto a indumentaria estival e os accesorios necesarios para gozar da quentura que nos agarda.

Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) xa o fixemos e seleccionamos para ti os complementos imprescindibles para sufocar a calor: Lecturas para campo e praia.

Eis a nosa escolma!

21/6/24

Recomendacións en Radioleiros: 21 xuño 2024

Recomendacións en Radioleiros: 21 xuño 2024"Era unha vez o lume dun dragón" de Beatrice Blue- Infantil (crianzas ata 7 anos):
Era unha vez o lume dun dragón de Beatrice Blue. En Triqueta Editora.
Un entretido álbum ilustrado sobre seres fantásticos.
Nun reino máxico, antes de que existise o lume, vivía un terrorífico dragón preto dunha aldea. Ninguén o vira, pero todos coñecían a súa existencia e dicían que facía cousas terribles como expulsar enormes tormentas pola súa boca, por iso nese lugar ía tanto frío. Todo o mundo lle tiña medo, excepto dous nenos: Freia e Siro. Un xélido día de inverno,  desatouse unha gran tormenta. Os nenos pensaron que tiña que ser por culpa do dragón e decidiron ir na súa busca…
Con personaxes atractivos, cores fortes e luminosas, esta ilustradora crea historias divertidas e imaxinativas.
Desta mesma colección tamén hai nalgunha das bibliotecas de Oleiros:

"Amor y morriña" de Theodor Kallifatides
- Mocidade e persoas adultas:
Amor y morriña de Theodor Kallifatides. En Galaxia Gutenberg.

Dispoñible en eBiblio

Novela que presenta os problemas dos inmigrantes gregos en Suecia, a morriña pola terra natal, pero tamén unha historia de amor e desamor.
O protagonista é un mozo de 23 anos, chamado Christo, que en 1964 emigra a Suecia. A primeira época da súa estancia no país foi difícil. Ao principio aceptou todos os traballos que lle ofrecían. Eran precarios, ocasionais, de pouca duración e sen dereitos. Unha noite, desesperado, e despois dunhas malas experiencias, con fame e cuns 20º baixo cero na rúa, decidiu achegarse ao cuarto da pensión onde vivira ao principio. Ao chegar á porta, desmaiouse. A caseira, unha muller da burguesía sueca, prestoulle axuda, deulle a cea e onde durmir. Ao día seguinte buscoulle traballo nun restaurante. Ela foi unha axuda imprescindible para saír adiante nese país. 
Viviu case un ano na pensión, ata que, tamén por iniciativa dela, se matriculou en historia do pensamento na universidade. Concedéronlle unha bolsa e unha habitación nunha residencia de estudantes. 
Con 25 anos e unha vez trasladado ao seu novo domicilio, ve a miúdo unha muller nova que vai coa súa filla pequena, á que ela fotografa continuamente, a veces tamén a acompaña o marido. Eles tamén viven na mesma residencia. Pouco a pouco foise namorando, deséxaa, ata o punto de que non é capaz de pensar noutra cousa, pero tamén ten que escribir o traballo final da súa especialidade, sobre a catarse en Aristóteles.
Solo, vai aprazando a tese, non é capaz de escribila, le a Cavafis, ou fala co seu amigo Thanasis, estudante de empresariais, tamén cunha bolsa do goberno sueco. Outro emigrante como el, con quen comparte a morriña por Grecia, e a quen lle fala de Rania, a moza da que namorou. Domínao o abatemento e a angustia, pola moza que ama que está casada con outro, polo país que deixou e polos seus pais, xunto coas dificultades económicas e unha lingua que non domina ben. 
Unha fermosa e entenrecedora narración, que fala das dificultades da emigración, tanto das económicas como da contradición nos sentimentos e na forma de ver a vida de dúas sociedades moi distintas,  á grega e a sueca, así como dun concepto diferente do amor e do sexo.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

14/6/24

Recomendacións en Radioleiros: 14 xuño 2024

Recomendacións en Radioleiros: 14 xuño 2024
"Os contos do Lobicán" de Eva Mejuto con ilustracións de Sofía Venzel- Infantil (crianzas a partir de 8 anos):
Os contos do Lobicán de Eva Mejuto con ilustracións de Sofía Venzel. Coeditado por Agadic e Baía Edicións.
Obra de teatro infantil, escrita en verso, gañadora do XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2022.
Unha historia áxil, divertida e atrevida que busca darlle a volta aos contos clásicos.

"Cien cuyes" de Gustavo Rodríguez
- Mocidade e persoas adultas:
Cien cuyes de Gustavo Rodríguez. En Alfaguara.

Dispoñible en eBiblio

Novela traxicómica que nos sitúa na Lima de hoxe e na que se aborda, dende o humor, un dos grandes conflitos do noso tempo: somos sociedades cada vez máis lonxevas e cada vez máis hostís coa xente maior. Unha lectura que conmove e fai rir a partes iguais e que nos fala da soidade na vellez e da morte digna.

Premio Alfaguara de Novela 2023.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

11/6/24

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 12 xuño 2024 (Grupo A)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo.
17:30 a 19:30 h.

Sesión moderada por Cecilia Monllor.

Comentario de "Los caballos de Dios" de Mahi Binebine.
Documentación.

Con esta sesión remata a tempada nas tertulias da Biblioteca Rialeda. Agradecemos a todas e todos os participantes a súa fidelidade.

10/6/24

Presentación de "La jirafa Kara y su descubrimiento" de Paloma Muro: 11 de xuño

Martes 11 de xuño ás 18:30 h.
Dirixido a público infantil e familiar 

En "La jirafa Kara y su descubrimiento", a través dos diálogos consensuados entre humanos e animais poderanse solucionar todo tipo de problemas de convivencia. Neles participarán desde os animais máis pequenos, as formigas, ata os máis grandes, os elefantes.
A acacia é a árbore de descanso e alimento. Cada personaxe ten o seu lugar e as súas necesidades vitais, incluídos os humanos. Todos xuntos poderemos aprender a respectarnos mutuamente e a colaborar coa natureza.


Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 11 xuño 2024 (Grupo B)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller
"Rosalía de Castro". Santa Cruz.
17:30 a 19 h.

Sesión moderada por Cecilia Monllor.

Comentario de "Otra vida por vivir" de Theodor Kallifatides.
Documentación.

Con esta sesión remata a tempada nas tertulias da Biblioteca de Santa Cruz. Agradecemos a todas e todos os participantes a súa fidelidade.

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 11 xuño 2024 (Grupo C)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller
"Rosalía de Castro". Santa Cruz.
11 a 12:30 h.

Sesión moderada por Cecilia Monllor.

Comentario de "La uruguaya" de Pedro Mairal.
Documentación.

Con esta sesión remata a tempada neste grupo. Agradecemos a todas e todos os participantes a súa fidelidade.

9/6/24

Tertulia literaria en Mera: luns 10 xuño 2024 (Grupo B)

Biblioteca "María José Trincado". Mera.
19 a 20:30 h.

Sesión moderada por Silvia Salgado.

Comentario de "Lejos" de Rosa Ribas.
Documentación.

Con esta sesión remata a tempada neste grupo. Agradecemos a todas e todos os participantes a súa fidelidade.