21/6/24

Recomendacións en Radioleiros: 21 xuño 2024

Recomendacións en Radioleiros: 21 xuño 2024"Era unha vez o lume dun dragón" de Beatrice Blue- Infantil (crianzas ata 7 anos):
"Era unha vez o lume dun dragón" de Beatrice Blue. En Triqueta Editora.
Un entretido álbum ilustrado sobre seres fantásticos.
Nun reino máxico, antes de que existise o lume, vivía un terrorífico dragón preto dunha aldea. Ninguén o vira, pero todos coñecían a súa existencia e dicían que facía cousas terribles como expulsar enormes tormentas pola súa boca, por iso nese lugar ía tanto frío. Todo o mundo lle tiña medo, excepto dous nenos: Freia e Siro. Un xélido día de inverno,  desatouse unha gran tormenta. Os nenos pensaron que tiña que ser por culpa do dragón e decidiron ir na súa busca…
Con personaxes atractivos, cores fortes e luminosas, esta ilustradora crea historias divertidas e imaxinativas.
Desta mesma colección tamén hai nalgunha das bibliotecas de Oleiros:

"Amor y morriña" de Theodor Kallifatides
- Mocidade e persoas adultas:
"Amor y morriña" de Theodor Kallifatides. En Galaxia Gutenberg.

Dispoñible en eBiblio

Novela que presenta os problemas dos inmigrantes gregos en Suecia, a morriña pola terra natal, pero tamén unha historia de amor e desamor.
O protagonista é un mozo de 23 anos, chamado Christo, que en 1964 emigra a Suecia. A primeira época da súa estancia no país foi difícil. Ao principio aceptou todos os traballos que lle ofrecían. Eran precarios, ocasionais, de pouca duración e sen dereitos. Unha noite, desesperado, e despois dunhas malas experiencias, con fame e cuns 20º baixo cero na rúa, decidiu achegarse ao cuarto da pensión onde vivira ao principio. Ao chegar á porta, desmaiouse. A caseira, unha muller da burguesía sueca, prestoulle axuda, deulle a cea e onde durmir. Ao día seguinte buscoulle traballo nun restaurante. Ela foi unha axuda imprescindible para saír adiante nese país. 
Viviu case un ano na pensión, ata que, tamén por iniciativa dela, se matriculou en historia do pensamento na universidade. Concedéronlle unha bolsa e unha habitación nunha residencia de estudantes. 
Con 25 anos e unha vez trasladado ao seu novo domicilio, ve a miúdo unha muller nova que vai coa súa filla pequena, á que ela fotografa continuamente, a veces tamén a acompaña o marido. Eles tamén viven na mesma residencia. Pouco a pouco foise namorando, deséxaa, ata o punto de que non é capaz de pensar noutra cousa, pero tamén ten que escribir o traballo final da súa especialidade, sobre a catarse en Aristóteles.
Solo, vai aprazando a tese, non é capaz de escribila, le a Cavafis, ou fala co seu amigo Thanasis, estudante de empresariais, tamén cunha bolsa do goberno sueco. Outro emigrante como el, con quen comparte a morriña por Grecia, e a quen lle fala de Rania, a moza da que namorou. Domínao o abatemento e a angustia, pola moza que ama que está casada con outro, polo país que deixou e polos seus pais, xunto coas dificultades económicas e unha lingua que non domina ben. 
Unha fermosa e entenrecedora narración, que fala das dificultades da emigración, tanto das económicas como da contradición nos sentimentos e na forma de ver a vida de dúas sociedades moi distintas,  á grega e a sueca, así como dun concepto diferente do amor e do sexo.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario