8/7/22

Recomendacións en Radioleiros: 8 xullo 2022

- Infantil (menores de 6 anos):
"Oito patas" de Ana Meilán; ilustracións de Desiree Arancibia. Editado por  Entre nubes y cuentos.
A protagonista desta historia chámase Lucy e é unha pequena araña que sempre foi un tanto distinta ao resto. Por exemplo, en cada unha das súas oito patiñas calza oito zapatos de cores diferentes. Leva lentes nos seus sete ollos e o último lévao de cristal. Desde pequena, como era o habitual, aprendeu o tradicional oficio familiar: tecer arañeiras. Toda a súa familia adicábase a esta arte, pero a Lucy non se lle daba nada ben e non había xeito de que fixera unha tea sen nós e sen buratos. Unha tarde viu enriba dun escritorio algo que captou á súa atención.
Unha historia que transmite a mensaxe de que cada un de nós somos persoas marabillosamente únicas e especiais. E que debemos facer o que nos dita o corazón aínda que non sexa o que se espera de nós.
 
- Mozas-os e adultas-os:
"Sin muertos" de Alicia Giménez Bartlett. En Destino.
Esta historia non é un caso máis da inspectora Petra Delicado, saga pola que é coñecida Alicia G. Bartlett: é a súa vida. Algo moi orixinal por parte da escritora, as memorias dun personaxe de ficción. A inspectora toma unha semana de permiso laboral para retirarse e reflexionar nun convento galego onde recapitula e escribe a súa vida. Cun estilo sinxelo e un ritmo fluído, Giménez Bartlett pon a súa ruda detective a escribir as súas memorias e o resultado é unha radiografía da situación da muller durante a transición española.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

AVISO: horario da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) de 8 de xullo

O horario ao público da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) do venres 8 de xullo será de 8:15 a 18:45 h.

7/7/22

"Verán, tempo de lecer, tempo de ler" na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda)

"Verán, tempo de lecer, tempo de ler": exposición
infantil-xuvenil e de adultos de verán na Biblioteca Mª José Ruso (Dorneda).
Propoñémosche unha chea de títulos para este tempo de lecer estival.
Descansa, desconecta e desfruta dunha boa lectura!!!
Algúns dos libros expostos na mostra xuvenil: "La sociedad de los dragones de té", "O lobo con botas", "Monstruoso", "Mortiña e as vacacións no lago Misterio", "Viaje en el tiempo con un hámster", etc.
Algúns dos libros expostos na mostra de adultos: "Los ingratos", "Beleza vermella", "El hombre celoso", "Nus", "Las armas de la luz", "Lúa nova"...


AVISO: xoves 7 e venres 8 de xullo 2022 a Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé) estará pechada

A Biblioteca Municipal "Xograr Mendiño" (Lorbé) permanecerá pechada o xoves 7 e o venres 8 de xullo en horario de 10:00 a 13:30 h.

Pregamos desculpen as molestias.

4/7/22

"Le e descarga": expo bibliográfico-virtual na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

"Le e descarga" é a exposición bibliográfico-
virtual dos libros lidos nos clubs de lectura da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) na campaña 2021-2022. 
 
Durante os meses de xullo e agosto estará exposta na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz) unha mostra con todos os libros empregados nos dous clubs de lectura desde outubro de 2021 ata xuño de 2022. Cada libro estará acompañado dunha carátula desde a que se poderá descargar, por medio dun QR, o dossier realizado pola biblioteca. Este QR tamén estará accesible desde o propio libro. 
O que se pretende con esta exposición é achegar, non só as lecturas dos clubs a toda a poboación, senón tamén toda a información facilitada a cada un-unha dos-das integrantes dos grupos. Cada dossier literario inclúe información sobre o-a escritor-a, entrevistas, críticas publicadas sobre o libro e unha ampla información sobre os temas transversais de cada lectura. 
A combinación da tradicional lectura en papel e as novas tecnoloxías abre as portas a todo un mundo de información que axuda a comprender e asimilar moito mellor o lido. Por iso convidamos a todas as persoas usuarias da biblioteca a levar en préstamo os libros dos clubs e descargar toda a información complementaria.

1/7/22

Recomendacións en Radioleiros: 1 xullo 2022

- Xuvenil (a partir de 14 anos):
"Lúa Nova" de Irene Montero. En Xerais.
VIII Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.
Unha fermosa novela curta que presenta unha visión distinta dunha persoa que ten unha discapacidade como é a cegueira.
Lúa Lóngora é unha famosa pianista, de 34 anos, cega de nacemento. Para o pai e a nai de Lúa cando recibiron a noticia de que a filla tiña unha cegueira conxénita foi un golpe durísimo. Buscaban con desespero unha saída, unha esperanza. Unha das primeiras cousas de que se decataron é de que tiña extraordinariamente desenvolvidos os outros sentidos, singularmente o sentido do oído. Reaccionaba ante calquera son, por baixo que fose e decontado foron conscientes de que a música era un bálsamo para ela. Tamén deu mostras desde pequena da súa intelixencia. Era rápida aprendendo e razoando. Coa música como eixe sobre o que vertebra a súa existencia, goza dunha vida plena, rodeada dos seres que a queren e que a axudaron a desenvolverse como profesional e como persoa. Ata que chega un momento en que a vida a pon diante dos seus medos, das súas dúbidas e do seu futuro....
Unha historia tenra e conmovedora que invita a reflexionar sobre a discapacidade e propón unha percepción da realidade cunha ollada diferente, máis aberta, máis inclusiva e máis respectuosa. Unha obra positiva, moi emotiva, que infunde alegría e que nos fai pensar en se estaremos actuando ben noutros casos semellantes.
- Mozas-os e adultas-os:
"Volver la vista atrás" de Juan Gabriel Vásquez. Editado por Alfaguara.
Premio Bienal de Novela Mario Vargas Llosa 2021.
Unha novela social e política sobre a vida do cineasta colombiano Sergio Cabrera e da súa familia, marcada polas consecuencias do compromiso político, a partir do exilio da familia Cabrera a causa da Guerra Civil Española.
En outubro de 2016, o director de cine colombiano Sergio Cabrera asiste a unha retrospectiva das súas películas en Barcelona. É un momento difícil: seu pai, Fausto, acaba de morrer; o seu matrimonio está en crise e o seu país rexeita os acordos de paz que lle permitirían acabar con máis de cincuenta anos de guerra. Nestes días Sergio lembra como a súa familia foxe para América. Despois de pasar por diversas vicisitudes e varios países, instálanse en Colombia. Fausto casa con Luz Elena Cárdenas, unha muller da burguesía colombiana, e dedícanse ao teatro. El participou na fundación da TV colombiana. Durante nove anos foi un dos primeiros directores de planta. A consecuencia da realización dunha obra de Bertolt Brecht comezan a ter problemas. Por medio dun antigo coñecido, chégalles unha invitación desde Pekín para ir traballar alá como profesor de español. Marcha toda a familia. Fausto convértese nun maoísta convencido. Despois de estar uns anos en China, en 1966 os pais volven para Colombia e intégranse na guerrilla, quedando os fillos a cargo dunha titora chinesa...
Un relato que conta feitos reais, narrados de forma maxistral, que presenta un tempo histórico, as relacións entre pais e fillos marcadas polas ideas políticas, o tipo de educación que se quere para os fillos. Estamos ante a imaxe dunha familia danada pola época e as situacións que lles tocou vivir.
O autor, a través de numerosas entrevistas, realiza unha extraordinaria investigación social, ao mesmo tempo que privada, e cóntao como se fose unha obra de aventuras, meténdose na conciencia dos personaxes, pero sen xulgalos.
Manuel Rivas di sobre este libro: “Morde, golpea, doe, chispea. A literatura loita por facerse vida e a vida pelexa para ser contada. Que gran libro!”
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

28/6/22

“Películas con orgullo”, expo audiovisual na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

Os disturbios de Stonewall supuxeron un antes e un despois na loita polos 
dereitos da comunidade LGTBIQ+.  A madrugada do 28 de xuño de 1969, o que comezou como unha redada policial rematou por convertirse nun movemento que mobilizou a milleiros de persoas que, por medo, permaneceran agochadas durante anos.
Desde a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), unímonos a esta celebración pola diversidade sexual e seleccionamos unha pequena serie de películas relacionadas coa temática LGTBIQ+ 
Eis os títulos que podes levar en préstamo: 
 

20/6/22

Es Luz: expo en Rialeda

Bibloleiros conmemora en 2022 o centenario do nacemento da escritora Luz Pozo Garza (1922-2020).
Luz Pozo Garza, naceu en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finou na Coruña o 20 de abril de 2020. Escritora, crítica literaria e poeta galega, foi unha das voces máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX. Renovou a poesía galega tanto na forma como na temática abordada. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao. Foi membro numerario da Real Academia Galega, ocupando o cargo de vicesecretaria de 1997 a 2001. En 2007 foi proposta pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para o Premio Nobel de Literatura. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.
Na Biblioteca Central Rialeda adicámoslle unha exposición bibliográfica para que goces da súa poesía e leves en préstamo as súas obras.
 
Ligazóns de interese:

17/6/22

Recomendacións en Radioleiros: 17 xuño 2022

 - Infantil (nenas-os de 10 a 12 anos):
"Pan con chocolate: A merenda de Gianni" de Paula Carballeira; ilustracións de Xiana Teimoy. En Galaxia.
Partindo da figura de Gianni Rodari, Paula Carballeira constrúe historias de gatos, piratas, bruxas, cans, cebolas, tomates... nun libro  de aventuras estupendamente ilustrado por Teimoy.


- Mozas-os e adultas-os:
"Nunca delante de los criados: retrato fiel de la vida Arriba y Abajo" de Frank Victor Dawes. Editado por Periférica.
O traballo doméstico inglés durante cen anos con testemuñas directas do persoal que o desenvolvía nun paseo histórico desde o periodo vitoriano até despois da II Guerra Mundial. Décadas de transformación dunha sociedade que mudou dun xeito radical.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

13/6/22

Presentación de "Tras el telón de acero (Hijas del exilio)" de Olga Lucas: 17 de xuño

Día: venres 17 de xuño
Hora: 20:30
Lugar: Auditorio A Fábrica. Santa Cristina


Intervirán: a autora Olga Lucas, o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane, a profesora de Historia Ángeles García Portela.

O acto finalizará coa actuación do cantautor Félix Arias.

Tras el telón de acero (Hijas del exilio) é un libro, publicado pola editorial Bala Perdida, que nos fala do exilio republicano español, un dos menos coñecidos e menos evocados. Presenta, baixo a mirada da Olga nena, a súa visión doutros países, con costumes que lle provocaban diferentes preguntas, que, a veces, ninguén respondía. Unha obra que amosa vivencias e sufrimentos para contribuír ao mellor coñecemento deste exilio.

Olga Lucas (Toulouse, 1947) é escritora, tradutora e locutora de radio. Naceu no seno dunha familia española no exilio. Viviu temporalmente en países do Este onde aprendeu distintas linguas eslavas. En España traballou de funcionaria da Generalitat Valenciana e desenvolveu distintas actividades culturais en ámbitos alternativos de Valencia.

En 1997 coincide, nun balneario de Alhama de Aragón, con José Luis Sampedro, que para ela era un referente importante. Ao cabo dun ano deciden vivir xuntos e posteriormente, en 2003,  cásanse. Estarán xuntos ata o falecemento do escritor en 2013. 

Entre as súas obras podemos destacar: Poemas de andar por casa, Cuentos para ciegos, El tiempo no lo cura todo, La mujer del poeta, El vals de las orquídeas.

Coautora con José Luis Sampedro de Escribir es vivir, Cuarteto para un solista e de La ciencia y la vida xunto a Valentí Fuster e José Luis Sampedro. 

En 2010 recibiu o Premio Glauka, en recoñecemento á súa contribución ao fomento da lectura e á difusión da cultura. En 2018 foi nomeada Hija Adoptiva de Castilla la Mancha, polo seu compromiso cos valores culturais.

O Concello de Oleiros invita ás persoas que desexen asistir ata completar o aforo.