Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a crianzas de 2 a 4 anos e a partir de 5 anos. As sesións de contacontos e concertos terán lugar ás 18:30 h e os obradoiros ás 17:30 h. Desde finais de xaneiro e ata finais de maio, nas sete bibliotecas municipais levaranse a cabo 62 sesións de diferentes actividades infantís, como contacontos, concertos de música, sesións de maxia, obradoiros científicos e de arte, etc., para fomentar á lectura e animar a que as crianzas visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Estas actividades realizaranse a través de narración ou dramatización dunha ou varias historias. Tamén haberá música, maxia e outros espectáculos para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía. Debido a que o aforo é limitado, é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono ou achegándose persoalmente. Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización. Contarase con compañías como Trémola Teatro, Trinketrinke, A Xanela do Maxín, Tarabelos, Proyecto Bululú e Migallas. Contadoras-es como Charo Pita, Ramiro Neira e Anxo Fariña. Artistas como Pablo Díaz, Fran Amil, Antón Ke, Paco Nogueiras e Xoan Curiel e magas como Leo Leíño. Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as crianzas no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que tamén se divirten e pasan momentos agradables cos libros. Poden solicitar información en calquera das sete bibliotecas municipais e nesta ligazón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario