Un curso máis as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan a Programación de actividades de fomento da lectura dirixidas ao alumnado dos centros de ensino deste Concello, co obxectivo de fomentar a lectura, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.
Levaranse a cabo na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), no Teatro As Torres e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros). Comezarase o 6 de febreiro e realizaranse ata finais de maio. Serán 145 sesións e arredor de 3000 participantes, alumnado de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, acompañados do seu profesorado.
No dossier presentado aos centros de ensino figuran 61 actividades diferentes, das que o profesorado de cada un dos centros de Oleiros seleccionou un total de 46, que son as que mellor se adaptan á súa programación escolar. En función da idade, do curso que estean realizando e da escolla de cada profesor ou profesora, o alumnado poderá visitar a Biblioteca Central Rialeda, recrearse con contacontos e a narración de historias, achegarse á mitoloxía, divertirse con espectáculos musicais, gozar con pezas de teatro, deleitarse coa poesía, coñecer a produción literaria de autoras-es como Rosalía de Castro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Álvaro Cunqueiro, Julio Cortázar, Yolanda Castaño e Luísa Villalta, que é a escritora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas, etc.
Algunhas das actividades que se levarán a cabo son:
Contacontos como As aventuras de Mariña con Galeatro; Avó e Contos no ar con Ramiro Neira; A gran aventura dos animais con Trémola Teatro; Familias diversas ou O caracol namorado con Trinketrinke Teatro, Os libros da titiriteira con A Xanela do Maxín.
Concertos como Cantos contos canto con Pablo Díaz.
Espectáculos poéticos a cargo da escritora Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía).
Coñecer a vida e a obra da insigne autora Rosalía de Castro con A miña historia a cargo de Trémola Teatro.
Coñecer a obra de escritores-as como: Álvaro Cunqueiro con Feirantes; de Fina Casalderrey e de Agustín Fernández Paz con Contos de aquí, ambas a cargo de Ramiro Neira ou tamén a Agustín Fernández Paz con Voar sen medo con Chus Álvarez.
Saber quen foi Ánxel Casal con Contos nosos a cargo de Ramiro Neira.
Descubrir un abano de obras pictóricas de todo o mundo con Aproximación á ilustración a cargo do ilustrador Óscar Villán.
Aproximarse á nova mitoloxía con Superheroes ou viaxar a través das viñetas en Viaxe en viñetas co ilustrador Miguel Cuba.
Achegarse á literatura latina con As metamorfoses de Ovidio a cargo de Charo Pita.
Achegarse á microficción con O bo, si breve... ou o obradoiro de poesía con Fogóns poéticos a cargo da poeta Isabel Andrés.
Aproximarse á poesía española con Poéticas: unha viaxe pola historia da poesía española con Chus Álvarez.
Deleitarse coa poesía galega con Poéticas galegas a cargo de Chus Álvarez.
Achegamento á vida e á obra de Luisa Villalta, a autora homenaxeada este ano con motivo do Día das Letras Galegas con A nena do violino e a poesía con Trémola Teatro, A pequena Luísa ou Tinta de mar con Ramiro Neira, Luísa Villalta, entre violín e a poesía a cargo de Charo Pita.
Con todos estes actos pretendemos favorecer o acceso ao libro en condicións de igualdade para todos os cidadáns; promover a lectura; participar en procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva e colaborar no proceso de desenvolver a imaxinación e a creatividade. Desde as bibliotecas municipais de Oleiros traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta, libre e solidaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario