Paula Carballeira foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, pola obra ‘As alumnas’, a proposta do xurado reunido a tal efecto. O premio é concedido polo Ministerio de Cultura y Deporte. O xurado destacou a obra da autora galega “por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para a ensinanza galega, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a II República”. Puxo tamén de relevo como “a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todas-os mestras-es e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada”.
A escritora, actriz, narradora oral e contacontos Paula Carballeira é moi coñecida para o público infantil-xuvenil e adulto das bibliotecas municipais de Oleiros. Tanto nas sesións da hora do conto como nas da campaña de promoción da lectura para os centros de ensino do Concello de Oleiros, son abondosas as horas de goce coas historias e o estilo propio de narrar de Paula. Algún dos seus libros foi tamén recomendado nas suxestións de Radioleiros. Lévate en préstamo os libros de Paula que temos ao teu dispor na sala infantil-xuvenil da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Parabéns, Paula Carballeira!
No hay comentarios:
Publicar un comentario