18/9/23

50 sesións de setembro a decembro de 2023!!! Ler conta moito, Obradoiros e Hora do conto en Bibloleiros

50 sesións de setembro a decembro de 2023!!! Ler conta moito, Obradoiros e Hora do conto en Bibloleiros
De setembro a decembro de 2023, nas sete Bibliotecas Municipais de Oleiros levaranse a cabo 50 sesións de diferentes actividades infantís: contacontos, concertos de música, sesións de maxia, obradoiros de robótica e de arte, etc. para fomentar a lectura e animar a que as nenas e nenos visiten as Bibliotecas Municipais de Oleiros no seu tempo de lecer. As actividades de promoción da lectura están dirixidas a nenas e nenos de 2 a 4 anos, crianzas a partir de 5 anos e obradoiros para as pequenas-os de 6 anos en adiante. As sesións da Hora do conto serán ás 18:30 e os Obradoiros realizaranse ás 17:30. Narración ou dramatización dunha ou varias historias, música, maxia e outros espectáculos vanse poñer en escena para atraer á lectura ao público infantil. Todos os actos terán un enfoque lúdico, fomentando a imaxinación e a creatividade, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de ilusión e fantasía.
Xa que o aforo é limitado é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades. Isto pode facerse chamando por teléfono ou achegándose persoalmente. Poderanse inscribir desde dez días antes da data de realización. Contarase con compañías como Migallas, Trinketrinke, Trémola ou Pavís Pavós. Contadoras-res como Charo Pita, Ramiro Neira, Tarabelos, Chus Álvarez, Paula Carballeira, Raquel Galavís e David Méndez. Obradoiros a cargo de A Nube de Artear, Colectivo Mirlotil, Leader dreams, Antía Yáñez e OQO. Artistas como Pablo Díaz, Paco NogueirasLuis Vallecillo, Fran Amil e Pakolas. Teremos maxia con Leo Leíño e Pedro Bugarín.
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas Bibliotecas Municipais de Oleiros. Planificáronse outras actividades exclusivamente municipais para completar a programación destes meses. Os obxectivos que se intentan conseguir son fomentar a lectura a través do pracer e o gusto por esta, que se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito e promover o descubrimento da diversidade dos libros. Preténdese introducir as crianzas no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, coa que gocen e se entreteñan. Tratarase de espertar a sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, para que vexan que tamén se divirten e pasan momentos agradables cos libros. Poden solicitar a información en calquera das sete bibliotecas municipais e nesta ligazón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario