O 23 de abril de 2016 conmemórase o cuarto centenario do aniversario da morte do ilustre escritor Miguel de Cervantes. Esta data tan simbólica foi a escollida pola UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores e autoras, e animar a descubrir o pracer da lectura.
Por todo isto, co obxectivo de conmemorar o Día Mundial do Libro nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organízanse varias actividades.
O 21 de abril, ás 11 h e ás 12:15 h, nas Torres de Santa Cruz,
realizarase a actividade titulada“Las ingeniosas del hidalgo: El
Quijote en voces de mujeres” a cargo da actriz Soledad Felloza, para
conmemorar o cuarto centenario do aniversario do falecemento do ilustre
escritor Miguel de Cervantes e promover a lectura desta magnífica obra.
Neste
espectáculo relátanse varios monólogos curtos nos que se dramatizan
diferentes personaxes femininos da obra de Cervantes, nos que as
mulleres teñen certo protagonismo:
Quiteria, que en plena voda con Camacho o rico, lembra o seu amor a Basilio, o pobre.
A pastora Marcela, na que destaca o seu discurso co que finalizaba as charlas cos seus namorados.
Claudia
Jerónima Cervantes, na que está personalizada a liberdade da muller,
con límites tan amplos nos que cabe un erro tan grave como a morte.
Este acto está dirixido a alumnado de 1º de bacharelato dos institutos María Casares e Miraflores.
O 22 de abril, ás 12:45 h, nas Torres de Santa Cruz, realizarase un concerto do grupo Pirilampo presentando o seu novo traballo titulado “Teatro do guiñol” no que musicarán algúns poemas do insigne escritor Manuel María, ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, cos obxectivos de achegar a súa figura e de dar a coñecer algunhas das súas poesías. Este acto está dirixido a alumnado de primaria do CEIP Valle Inclán de Perillo e do CEIP Luis Seoane de Mera.
O 26 de abril, ás 10:40 h, alumnado de 4º de ESO coñecerá a poesía e o teatro de Federico García Lorca nunha actividade que se desenvolverá na Biblioteca Central Rialeda para fomentar a lectura de obras de poéticas e teatrais.
O 27 de abril, ás 11 h, nas Torres de Santa Cruz, poderán divertirse con xogos de maxia a cargo de Chrystyan Magic que os desenvolverá seguindo un guión baseado na famosa obra de Cervantes “Don Quijote de la Mancha”, será para alumnado de 6º de primaria do CEIP A Rabadeira de Oleiros.
Ademais tamén se realizarán:
Na Biblioteca Municipal Manuel María de Oleiros, Obradoiros de marionetas de papel con Viravolta Títeres, os días 20 e 21 de abril, para alumnado de 4º de primaria do CEIP A Rabadeira de Oleiros.
Nas Torres de Santa Cruz, traballarán de forma coordinada a música e a danza con Hip Hop Poema Pop a cargo de Modestos Contos de Broadway, tamén o 20 de abril, ás 10:50 h, para alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Valle Inclán de Perillo.
Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, deleitaranse con contacontos coa actividade “Cueiros de cores” da Compañía Trinke Trinke para alumnado de educación infantil do CEIP Luis Seoane que terá lugar o 26 de abril ás 10:20 h e ás 11:50 horas.
A HORA DO CONTO E DIVERSAS ACTIVIDADES INFANTÍS DE ANIMACIÓN Á LECTURA NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS
Fóra de horario escolar continuarase coa Hora do conto, os bebecontos e distintos obradoiros, que se levarán a cabo ás 18:30 horas.
Con estas actividades preténdese introducir ás nenas e nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, que os faga gozar e divertirse.
BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA - PERILLO
- 21 de abril: Magín Blanco con “Libros En-cantados" (maiores de 5 anos) Imprescindible reservar
praza.
- 28 de abril: Bebecontos con Raquel Queizás “Cambio e conto: Aventuras para medrar” (de 1 a 4 anos) Imprescindible reservar praza.
BIBLIOTECA E CENTRO DE DOCUMENTACIÓN DA MULLER ROSALÍA DE CASTRO - SANTA CRUZ
- 20 de abril: Bebecontos con Soledad Felloza “Un niño no meu sombreiro” (de 1 a 4 anos) Imprescindible reservar praza.
- 27 de abril: Larraitz con “Monicreques nas mans” (maiores de 5 anos) Imprescindible reservar praza.
BIBLIOTECA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO - MERA
- 22 de abril: Paula Carballeira con “Contos de terras de alá que comezan por A: África” (de 3 a 10 anos)
BIBLIOTECA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO - DORNEDA
- 25 de abril: Bebecontos con Ramiro Neira “Chsss!” (de 1 a 4 anos) Imprescindible reservar
praza.
BIBLIOTECA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE - NÓS
- 29 de abril: Lilí Gruyere de Trinke Trinke con “Contos de primavera” (de 3 a 10 anos)
BIBLIOTECA MUNICIPAL MANUEL MARÍA - OLEIROS
- 26 de abril: Soledad Felloza con “Ao redor da lareira” (de 3 a 10 anos)
BIBLIOTECA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO - LORBÉ
- 28 de abril: Paula Carballeira con “Contos de terras de alá que comezan por C: Colombia” (de 5 a 10 anos)
Exposición bibliográfica "Libros en libros". Biblioteca Central Rialeda
Adicada a obras de narrativa infantil, xuvenil e de adultos que falan, citan ou mencionan outros libros.
Coa realización de todas estas actividades pretendemos promover a lectura e o fomento da utilización dos libros, dar a coñecer as bibliotecas municipais e potenciar a asistencia a elas non só como lugares de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario