Esta actividade está organizada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, o Servizo de Normalización Lingüística e o IES Miraflores.
Realizaranse dúas sesións, a primeira o 20 de maio e a segunda o 21 de maio, ás 9:00 horas.
Este ano está dedicado ao pintor Fernando Álvarez de Sotomayor que residiu en Lamastelle, ao avogado e político Santiago Casares Quiroga que veraneou no pazo do Río e villa Galicia en Montrove e ao xornalista José Luis Bugallal Marchesi que viviu en villa Isabel en Nós.
Comezaremos nas Torres de Santa Cruz onde se proxectará un Power Point, realizado por Ricardo Rilo, sobre as principais características da pintura de Álvarez de Sotomayor, despois trasladarémonos a Lamastelle para ver o lugar onde estaba a casa de Fernando Álvarez deSotomayor e realizaranse as explicacións sobre este pintor; a continuación marcharemos para o pazo do Río, residencia de veraneo do avogado e político Santiago Casares Quiroga, no que se falará sobre este persoeiro e está previsto un concerto de violín e guitarra interpretado por Eduardo Coma, ao violín, e Francisco Rosa, á guitarra, con composicións musicais da época; para acabar en Nós, en villa Isabel, onde se expoñerá sobre o xornalista José Luis Bugallal Marchesi, para finalizar cun espectáculo de clown de temática deportiva a cargo de MeRe Clown.
O alumnado do Instituto Miraflores realizará a presentación destes personaxes. Alumnos e alumnas de 1º de bacharelato, dirixidos polo profesorado e baixo a coordinación da profesora Rosa García Vilariño elaboraron o texto da publicación, que foi deseñada polo Departamento de Comunicación do Concello de Oleiros.
Participará no Roteiro, alumnado e profesorado do IES Miraflores, do IES María Casares, do CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz e do CEIP Luís Seoane de Mera: perto de 300 alumnas e alumnos, aos que se lles entregará o folleto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario