26/12/14

Recomendacións en Radioleiros: 26 de decembro

http://www.ipernity.com/doc/284673/36412028/in/album/594169
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=110717 - Infantil (nenas-os a partir de 6 anos):
"El ladrón de palabras" de Nathalie Minne, editado por Edelvives.
Fermoso álbum de gran formato, moi ben ilustrado, que conta unha historia que nos fala da beleza e da importancia das palabras. O seu valor para comunicarnos cos demais, para que nos entendan, para facer rir, ou chorar, para pedir ou negar algo, para entreter e divertirnos e sobre todo para expresar as nosas emocións e os nosos sentimentos. 
O ladrón de palabras acode cada noite á cidade para recoller coa súa rede as palabras dos seus habitantes. Unha vez que está na súa casa, clasifícaas e gárdaas. Hainas doces ou salgadas, unhas frías e outras cálidas, etc.  Despois divírtese con elas probando diferentes mesturas con distintas receitas, ata que unha noite coñece a un neno, que o saúda e o ladrón cae ao chan voando polos aires...
Unha obra cun deseño e unha edición moi coidadas, na que predominan unhas magníficas ilustracións, que nos ensina que o mellor das palabras é compartilas cos amigos e amigas e cos nosos seres queridos.

 
- Mozas-os e adultas-os:
"Dende o conflito" de María Reimóndez, en Xerais.
Premio Xerais de Novela 2014
A protagonista, Saínza Combarro, é unha xornalista galega que traballa para diversos medios de comunicación británicos: primeiro para The Guardian, despois para a BBC.
A novela comeza co envío dunha reportaxe desde Ruanda, sobre mulleres que sofren torturas e violacións no Congo. Despois traballa un tempo en Londres, para logo marchar a Irak a cubrir o conflito bélico. De aí a Etiopía sobre as eleccións nese país. De Etiopía marcha para Afganistán, a Sri Lanka ou a Haití. Tamén nos fala de lugares máis próximos como Berlín, Barcelona, Compostela e Vilalba. Ao mesmo tempo que vai contando a historia, presenta relatos xornalísticos,  retransmisións para a BBC, ou cartashttp://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=113953 que se escribe coa súa amiga Aurora.

A autora expón a importancia do traballo como xornalista nas situacións de conflito e rende unha homenaxe ás mulleres xornalistas que souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por enriba de todo. Unha obra sobre o xornalismo, pero tamén sobre a guerra, a gran diferenza entre o norte e o sur, a pobreza e a fame, a miseria e a marxinación, pero, principalmente, sobre o valor da amizade e do amor.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario