Unha socia das bibliotecas enviounos esta fermosa fotografía da súa filla disfrazada de Max, o protagonista da obra Onde viven os monstros. Un disfrace orixinal e totalmente distinto.
Como nos gustou tanto e nos autorizou a publicala neste blog, aproveitámola para invitar a todas as persoas que queiran disfrazarse a que veñan ás bibliotecas municipais a buscar ideas para os seus disfraces, onde poderán atopar infinidad de recursos: personaxes dos contos da literatura infantil e xuvenil, personaxes doutras obras literarias levadas ao cine, libros de disfraces e manualidades, etc.
Como tampouco nos queremos esquecer da promoción da lectura (a nosa principal función) queremos aproveitar esta imaxe para recomendar a lectura deste magnífico libro:
Onde viven os monstros escrito e ilustrado por Maurice Sendak.
Excelente obra considerada, hoxe en día, un clásico da literatura infantil que nos presenta os temores, inseguridades e os desexos da infancia.
Max é un neno que se disfrazou de lobo e comezou a facer trasnadas pola casa adiante, polo que súa nai o mandou para a cama sen cear. Esa mesma noite, xurdiu na súa habitación un bosque e un océano cun barco para el só, no que marchou navegando ata chegar ao lugar onde viven os monstros...
Neste libro o autor preséntanos a un neno que fai trasnadas, con medos e inseguridades como todos os nenos e nenas, cunhas espléndidas ilustracións de Maurice Sendak, un autor referente da literatura infantil universal, galardoado co Premio Hans Christian Andersen de ilustración polo conxunto da súa obra en 1970 e o Premio Internacional de Literatura Infantil en Memoria de Astrid Lindgren en 2003.
Tamén dispoñible en español baixo o título Donde viven los monstruos publicado polas editoriais Alfaguara e Altea. Ademais temos a película.
Esta obra recibiu varios premios, entre os que destacamos a Medalla Caldecott, o Boston Globe-Horn Book Award.
Recomendámola para nenas e nenos a partir de 6 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario