21/10/13

Día da Biblioteca, 24 de outubro: celébrao connosco durante esta semana

O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de difundir a existencia dun servizo público de proximidade ao cidadán que contribúe de xeito eficaz a facilitar o acceso ao coñecemento a todas as persoas.
Para conmemorar esta data, nas Bibliotecas Municipais de Oleiros levaranse a cabo unha serie de actividades entre as que destacamos as seguintes:
BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO
Para mozas/os e adultas/os:
Uva e tinta: libros e películas na estación das vendimas: Selección de cine e literatura que ofrecemos para compracer os padais neste outono. Cátaos!
Outono e outras historias:
Exposición de películas con temática outonal. Unhas nas que o outono é o protagonista, outras cun tempo, cores ou luces outonais,  hainas tamén con romances de personaxes maduros, policiais, misterio ou terror...
Sobre sorpresa:
Suxerimos unha “cita a cegas” con diversos libros, discos ou películas, baixo  títulos ficticios como: “Menos é máis...”, “All that Jazz...”, “Voy cruzando el río...”, “Viaxes...”, “Bon appétit!!!...” etc. Queremos "xogar" coa curiosidade do lector ou lectora que leve o "sobre sorpresa" en préstamo e contar coa súa complicidade.
Para nenas e nenos:
O día 24, ás 18:30 horas terá lugar a Hora do conto a cargo de Pablísimo que contará “Ras!: contos batracios”.
Para todas/os:
Agasallo dun libro a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.    

@bibloleiros: o 24 de outubro,  Día da Biblioteca, comezarán a "piar" as bibliotecas municipais de Oleiros na rede social twitter. Faremos o noso primeiro chío (tuit) neste servizo de microblogging. Daremos a coñecer as nosas actividades, convocatorias, programacións e todas aquelas novas que consideremos de interese.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ROSALÍA DE CASTRO. SANTA CRUZ
O día 23, A Compañía Trinke Trinke na actividade da Hora do conto  realizará un contacontos teatralizado titulado “O cole de Lonxedetodo”.
Os teus debuxos: As nenas e nenos que o desexen están convidados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.
Cal é a túa opinión sobre o último libro que liches:
Aos mozos/as e adultos/as preguntarémoslle a súa opinión sobre o último libro que leron.
Sorteo de libros a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE. NÓS
O día 18, a actriz Soledad Felloza na Hora do conto narrará "La escoba de la viuda”, “¡Shrek!”, “Yo mataré monstruos por ti”.
Obradoiro de marcapáxinas:  Cada usuario/a decorará un marcapáxinas ofrecido pola biblioteca. 
Exposición de marcapáxinas: Todos os marcapáxinas realizados no obradoiro serán expostos nos taboleiros da biblioteca.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO. MERA
O día 25, o actor Ramiro Neira na Hora do conto, narrará os contos titulados: “A granxa”, “A aposta “ e “O cubo de leite”.
Obradoiro de marcapáxinas: As nenas e nenos que o desexen están invitados a  pintar e decorar os marcapáxinas do Día da Biblioteca. Os máis creativos tamén poderán elaborar os seus propios marcadores coa axuda dos libros de manualidades que temos na biblioteca.
Libro de agasallo: Todas as persoas que ese día  se fagan socias ou  leven algún fondo bibliográfico en préstamo recibirán un libro de agasallo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO. LORBÉ
O día 23, o actor Ramiro Neira  na Hora do conto contará “Quero unha fantasma”, “Bolboretas”, “Preparados, listos, xa”.
Concurso de debuxos: “Ti e a biblioteca”, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. 
Obradoiro de marcapáxinas: Para usuarios/as de entre 3 a 14 anos.
Agasallo dun pin de Bibloleiros
  a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL FEDERICO GARCÍA LORCA. MONTROVE
O día 22, a actriz Paula Carballeira na Hora do conto narrará “Contos de Cabo Verde”.
Bibliotecas cheas de libros e libros cheos de bibliotecas:
Exposición de fondos bibliográficos especiais que falen das bibliotecas ou nos que algún personaxe é bibliotecario/a.
Agasallo dun libro a todas as persoas que ese día leven fondos bibliográficos en préstamo.
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO. DORNEDA
O día 28, a contadora Marisa Irimia na Hora do conto narrará  "A ovella negra", "O meniño Nito", "Miña tía é verde".
Realiza o encrucillado: a biblioteca e o seu contido: Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.
Exposición bibliográfica: para ler e encantar
BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL MANUEL MARÍA. OLEIROS
O día 29, o contador Caxoto na Hora do conto narrará  “Unha melodía doutro mundo”.
 
Realiza o encrucillado: a biblioteca e o seu contido: Entregaremos pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.
Os teus debuxos: Todas as nenas e nenos que o desexen están invitados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.
Elabora un cartel: Elaboración de carteis alusivos á celebración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario