21/12/12

Lecturas para ilusionar: guía de suxestións para o nadal 2012

As Bibliotecas municipais de Oleiros elaboraron para este Nadal unha guía titulada "Lecturas para ilusionar", formada por 289 recomendacións de libros, DVD e CD.
Esta escolla foi realizada por todo o persoal das bibliotecas, polo que nela poderán atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir.
Desde as Bibliotecas municipais ofrecemos esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un CD, ou un DVD son tamén un bo agasallo.
Son 289 libros, CDs e DVDs que temos nas bibliotecas e que poden levar en préstamo para as súas casas.
Os libros figuran clasificados por idades, para as que consideramos que son máis axeitados. A idade para a que recomendamos cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.
Animamos a todas as persoas que vaian facer algún regalo por estas datas de Nadal ou Reis, a que obsequien aos seus seres queridos cun libro, ao mesmo tempo que lles lembramos da importancia da lectura na formación integral da persoa. A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo gustaríanos espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro.
Esta guía repartirase ao alumnado de ensinanza primaria dos centros de ensino público deste Concello, así como nas bibliotecas municipais.
Cos bos libros desta guía, desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros desexamos transmitir os nosos mellores desexos de saúde, felicidade e prosperidade, que o vindeiro ano traia boas novas e un mundo de ilusións convertidas en realidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario