18/12/12

21 de decembro: o alcalde de Oleiros e a bibliotecaria municipal recollerán en Madrid o Premio Nacional María Moliner

O día 21 de decembro, na Biblioteca Nacional de España en Madrid, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado da bibliotecaria municipal Luz Corral, recollerán o Premio Nacional María Moliner, correspondente ao ano 2011, na modalidade de municipio de entre 20.001 a 50.000 habitantes, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e a FEMP.
Este é un premio convocado a nivel de todo o Estado Español co obxectivo de premiar o mellor proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentasen a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.
O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros.
O agasallo (xa entregado ao Concello de Oleiros) consistíu nun lote de 200 libros e un premio en metálico de 12.000 €, financiado pola Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.
O proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel presentáronse as principais actividades de fomento da lectura levadas a cabo durante o primeiro semestre do ano 2011. As Bibliotecas municipais durante o ano 2011 realizaron un esforzo por achegarse á cidadanía, aumentar o número de actividades de promoción da lectura levadas a cabo para traballar en pro da difusión do libro e a promoción da lectura, co obxectivo de formar novas/os e mellores lectoras/es e conseguir máis poboación lectora dentro do Concello de Oleiros.
Expresamos o noso agradecemento ás persoas, entidades, asociacións e centros educativos que colaboran habitualmente coas bibliotecas, ás usuarias e usuarios que participan nas nosas actividades, e a todas as veciñas e veciños de Oleiros. Grazas por facer posible que Oleiros sexa un referente a nivel estatal na promoción lectora cun servizo bibliotecario eficiente e de calidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario