27/11/12

Dia Internacional contra a Violencia de Xénero na Biblioteca "Rosalía de Castro" de Santa Cruz

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 50/134 de 17 de decembro de 1999, celébrase anualmente cada 25 de novembro, en memoria das irmás Mirabal. A proposta para que se celebrase nesa data realizouna a República Dominicana, co apoio de 60 países. Na República Dominicana rexistrouse o asasinato das tres irmáns Mirabal, feito que tivo lugar o 25 de novembro de 1960, por orde do dictador dominicano Rafael Leónidas Trujillo.
En 1981 celebrouse en Bogotá (Colombia), o “Primer Encuentro Feminista Latinoamericano y del Caribe", onde se decidíu marcar o 25 de novembro como o Día Internacional de Non Violencia contra as Mulleres, recordando o asasinato das irmás Mirabal.
En 1993 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, na que se definíu a "violencia contra a muller" como “Todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que ocorra na vida pública ou na vida privada.”
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres non é un conto, é unha dura, durísima realidade que millóns de mulleres –en todo o mundo e de todas as clases sociais ou estratos económicos– sofren a diario.
Pero esta violencia exercida contra as mulleres forma parte dun papel adxudicado á muller, que se transmitíu de xeración en xeración e que moitas mulleres reciben como algo natural a través dos contos tradicionais que len ou lles len desde pequenas. Temos que cambiar o conto!
Na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller “Rosalía de Castro” en Santa Cruz temos un anaco de biblioteca denominado “Territorio libre de violencia machista”, onde atoparedes distinto material bibliográfico que ten como tema común, a violencia de xénero.

No hay comentarios:

Publicar un comentario