Presentámosche unha selección de películas nas que o mundo das leis son o tema en torno ao que discurre a acción. Maiormente consideradas como dramas, prestan especial atención aos procedementos e os seus protagonistas, xuíces, acusados, avogados e avogadas, e desenrolan parte da súa trama nun tribunal.
Entre as mesmas poderás atopar clásicos absolutos como 12 hombres sin piedad (1957) de Sydney Lumet e Matar a un ruiseñor (1962) de Robert Mulligan, pero tamén obras máis contemporáneas como El jurado (2003) de Gary Fleder ou o remake 12 de Nikita Mikhalkov. El dilema (1999) de Michael Mann amosa un tour-de-force interpretativo entre Al Pacino e Russell Crowe, mentres que Philadelphia (1993) de Jonathan Demme presenta un novo -naquel momento- Tom Hanks nun dos seus primeiros papeles non cómicos.
Falando de comedia, La costilla de Adán (1949) de George Cukor xira en torno á guerra de sexos que enfrenta a un matrimonio de fiscal e avogado. Por outra banda, as secuelas da II Guerra Mundial tamén son tema de debate xurídico en Vencedores o vencidos (1961) de Stanley Kramer (sobre os Xuízos de Nuremberg) e en The reader (El lector) (2008) de Stephen Daldry, cunha colosal Kate Winslet, sen esquecer La caja de música (1989) do sempre comprometido Costa Gavras.
Shakespeare non podía faltar representado a través do seu Mercader de Venecia (2004) de Michael Radford con Al Pacino no papel do prestamista Shylock. Os tribunais militares veñen representados por El motín del Caine (1954) de Edward Dmytryk, cun insólito Humphrey Bogart e no imprescindible alegato antibelicista Senderos de gloria (1957) de Stanley Kramer.
En definitiva, máis de 20 títulos adicados a unha temática que forma prácticamente un xénero por sí mesmo, e que presentou e segue presentando un atractivo especial para decenas de cineastas ao longo da historia.
Podes atopalos expostos no 2º andar da Biblioteca Central Rialeda. Non esquezas consultar o listado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario