O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil que conmemora o nacemento do célebre escritor de obras infantís Hans Christian Andersen, por este motivo as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan para este día unha serie de actividades de fomento da lectura:
"Bookcrossing"
Na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, a Biblioteca Municipal Mª José Ruso de Dorneda, a Biblioteca Municipal Mª José Trincado de Mera e a Biblioteca Municipal Manuel María de Oleiros durante o día 2 de abril presentamos esta actividade na que terás que "liberar libros".
Como?... pois engadindo unha etiqueta BookCrossing aos libros que desexes liberar (traendo da túa casa) ou ao que che proporcionaremos na biblioteca ese día.
Previamente terás que rexistralo en http://www.bookcrossing.com para localizar a ruta que vai seguindo e a qué lugar do mundo vai parar. Faremos así do mundo unha gran biblioteca...
Pola súa banda, na Biblioteca Municipal “Xograr Mendiño” de Lorbé terás as seguintes actividades:
“Troco de libros"
Se tes libros que non utilizas e están en bo estado, podes achegalos á biblioteca onde poderás depositalos levando a cambio outros que teñan aportado outros usuarios/as.
“Atopa o libro pantasma”
Partindo de 6 libros de diferentes autores/as e temática. Cando remates de ler cada un deles, atoparás unha pista que che levará ao seguinte, pero pensa que terás que lelos todos para descubrir o libro pantasma.
"Creamos un libro”
Escribiremos entre todos e todas un libro partindo dun conto clásico.
“Libros orixinais”
Seleccionamos para tí unha serie de libros diferentes ou novidosos dentro da literatura infantil, contos que pola súa temática, estética, forma, ou xeito de ser narrados son "algo máis".
No hay comentarios:
Publicar un comentario